A 6 anos da morte de Chávez. Unión cívico-militar: a súa principal obra

Este 5 de Marzo cúmprense 6 anos da morte de Chávez, personaxe político fundamental (nomeadamente en América Latina) para entender o comezo do século XXI, aspecto que é recoñecido até polos máis reaccionarios defensores dos monopolios e o imperialismo, que están en todo momento procurando atacar as conquistas populares do chavismo. Os medios de comunicación, ao servizo das clases dominantes, están constantemente demonizando a obra de Chávez e o propio proceso bolivariano, velaí a extraordinaria importancia desta figura. Se fose unha personaxe inocua para os que hoxe dominan o mundo, pasaría desapercibida ou mesmo sería unha figura simpática. Neste artigo procuraremos explicar a razón principal do odio imperialista contra o chavismo.

A vitoria electoral do comandante Chávez no mes de decembro do ano 1998 é un punto de inflexión en América Latina, abrindo un novo ciclo político de xurdimento de gobernos progresistas, que, a pesar de estar lonxe de superar o capitalismo e erguer o socialismo, supuxeron un avance social relevante para os pobos da rexión, deixando atrás gobernos totalmente entregados aos ditados do imperialismo estadounidense. Porén, tamén debemos valorar os límites da xestión do capitalismo e a política de conciliación de clases, algo que fixo que moitos destes gobernos progresistas xa non existan e fosen substituídos por outros de orientación neoliberal, nalgúns casos a través do golpismo. A experiencia bolivariana venezolana é (antes coa dirección de Chávez e agora coa de Maduro) se cadra, a máis avanzada e resistente destes procesos de “cambio”.

Para apoiar o lexítimo goberno bolivariano fronte á manipulación mdiática imperialista adóitase defender o seu carácter democrático e popular, así como as súas conquistas de tipo social, económico ou político, que fixeron que hoxe este país (aínda que segue a ter graves problemas) sexa bastante mellor que antes da chegada de Chávez ao goberno. Porén, hai un aspecto do que non se fala moito, mais se cadra é o máis importante, é a base para desenvolver e defender o proceso fronte ás agresións inimigas: a unión cívico-militar, isto é, tal como indica a propia expresión, a combinación da forza popular e o apoio do exército (e tamén da policía) ao proceso.

Calquera proceso político anti-imperialista, progresista ou revolucionario, precisa contar cun Exército e unha policía disciplinadas que defendan a independencia nacional e os intereses do pobo fronte ás agresións burguesas e imperialistas. Sen esta condición, ditos procesos caen inmediatamente en mans da reacción, como así amosou a historia en repetidas ocasións. Nisto, Venezuela non é unha excepción. Sen ese apoio militar e policial, o proceso bolivariano non tería resistido até hoxe as constantes ofensivas da oligarquía fascista e o imperialismo, a través do golpismo, o terrorismo e os asasinatos. É loita de clases. Por iso, o legado de Chávez é tan odiado polos imperialistas. Resistiu grazas ao apoio popular e do exército, morreu, mais con Maduro a unión cívico-militar segue en pé. Os imperialistas preferirían que Chávez tivese o mesmo final que Allende, por exemplo. De feito, até o propio PSOE di reinvindicar o legado de Allende mentres atacan sen piedade o legado chavista. Os monopolios e as forzas reaccionarias prefiren que os dirixentes progresistas ou revolucionarios sexan derrotados, e, a partir da súa derrota, dedícanse a baleirar de contido a súa loita.

En certos sectores de “esquerda radical”, nomeadamente occidental, existe a tendencia a pensar que os exércitos son “malos” e reaccionarios por si mesmos. Porén, o legado chavista amosa máis unha vez que iso non é certo, pois depende dos intereses de clase que defenda un determinado exército. É evidente que no caso do Estado español, que é o contexto no que nós temos que desenvolver a nosa loita independentista e revolucionaria, os corpos militares e policiais exercen de forzas de ocupación en nacións coma Galiza, Euskal Herria ou os Països Catalans, e protexen sempre os intereses do grande capital e o imperialismo. Son, polo tanto, forzas que garanten a opresión nacional e de clase. Sen embargo, o caso venezolano é ben diferente e, neste caso, o exército e a policía son forzas progresistas e anti-imperialistas.

É evidente que Venezuela está a atravesar unha mala situación económica na actualidade, que non é unha crise do socialismo, xa que non existe socialismo en Venezuela, senón unha crise do capitalismo dependente e rentista do país, cunha guerra económica promovida pola oligarquía nacional e internacional. Fronte a esta situación, os sectores máis conscientes e combativos do proceso están chamando a unha saída revolucionaria á crise, que derrube a hexemonía burguesa e sitúe os medios de producción baixo control obreiro e popular, no camiño do socialismo. Porén, polo menos o exército e a policía bolivarianas garanten a supervivencia deste proceso progresista e execen de encoro de contención da agresividade da “oposición” fascista ao servizo do imperialismo.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario