A estética tamén é violencia

Na sociedade actual, todas as persoas, nomeadamente as máis novas, vivimos rodeada de imaxes. Na televisión, no xornal, na parada de bus, nos folletos das tendas, nas redes sociais. Todo é imaxe, todo é cor. Este mesmo artigo está inzado de imaxes coas que pretendemos acompañar o que dicimos. E as imaxes, como as palabras, non están exentas de valores, non son entes abstractos e neutros. Se pensamos en imaxes, pensamos de contado nas mensaxes dos medios de comunicación de masas e, especialmente, na publicidade, pois é algo que nos rodea desde que nos erguemos até que nos deitamos. Vivimos na sociedade do consumo, facemos a nosa vida nun (ou contra dun) sistema capitalista que nos crea necesidades e non só. Hoxe en día os medios de comunicación convencionais actúan tamén como difusores de tradicións importadas e contribúen a igualar os hábitos de consumo. A través deles trasmítense coñecementos, crenzas, hábitos, actitudes, modelos de vida e de comportamento que teñen consecuencias na nosa forma de ver a realidade e de vivir a vida e contra os que é complicado remar a contracorrente. Deste xeito, as imaxes que trasladan os medios de comunicación e os publicitarios afectan negativamente ás mozas, xa que contribúen a reforzar os roles e modelos estereotipados e únicos de home/muller e transmiten maneiras únicas e monolíticas de entender as relacións (persoais, sexuais, afectivas, laborais…). Diante disto, as mozas feministas reivindicamos que a estética tamén é violencia e que cómpre loitar contra as súas imposicións.

Se reparamos na publicidade que nos rodea é doado observarmos como actúa na difusión de contido sexista e na estabilización dos dogmas patriarcais. Por exemplo, o habitual é atoparmos a muller identificada ben coma un obxecto de desexo se máis valor que o seu atractivo, ben coma unha coidadora submisa e servicial. Lamentabelmente, alén das consignas politicamente correctas e dos lugares comúns, o sexismo na publicidade é algo que non sempre se toma en serio por parte das empresas, das institucións ou de quen consome eses anuncios e produtos. Por iso, non é de estrañar que recentemente se teña dado algunha polémica relacionada co asunto, como as críticas que levantou o anuncio dunha popular marca de roupa ou a polémica xerada arredor dos criterios establecidos por un medio de comunicación español de recente creación sobre o que tiña cabida ou non na súa publicidade

A publicidade contribúe a consolidar os roles tradicionais atribuídos a cada un dos xéneros, obviando as mudanzas sociais e dividindo o mundo en feminino e masculino, atribuíndo a cada un deles determinados valores e opoñéndoos. Así, a muller aparece como coidadora, atendendo a todos aqueles aspectos do mundo interior do espazo doméstico, mentres os homes se apoderan do mundo exterior e das profesións socialmente valoradas. É a muller quen vai á compra, quen sabe limpar, quen cociña. Continuamente asígnanse comportamentos diferentes ás personaxes publicitarias segundo sexan homes ou mulleres, encasillando cada sexo biolóxico en determinadas profesións e comportamentos. A miúdo, as mozas aparecemos continuamente ligadas a situacións de dependencia, ben sexa económica, ben sexa emocional (do pai, do mozo, das crianzas) e atribúensenos comportamentos cos que se nos ridiculiza (os ciumes, a posesión, a preocupación permanente, o materialismo compulsivo, a rivalidade coas outras mulleres, etc). Doutra banda, a publicidade tamén consolida os obxectivos aos que nos catapulta a sociedade patriarcal, coma o casamento ou a maternidade, sen os que non nos teremos realizado vitalmente. Deste xeito, quen renega na súa vida cotiá da imposición desas claves da feminidade tradicional e do amor romántico, non encaixa coa etiqueta de muller, é rara, é moi súa, é especial nun sentido pexorativo.

O outro gran ataque da publicidade sexista é o referido ao aspecto físico, que chega a ter consecuencias gravísimas na poboación máis nova e non só no plano da saúde física, tamén no mental e psicolóxico. O ideal irreal de perfección refórzase en exceso tamén alén da publicidade, convertíndose nun baremo tan constantemente esixido que é asumido socialmente e cuestionado só cando chega ás súas consecuencias máis extremas. As mozas crecemos e vivimos rodeadas de modelos modelos de beleza utópicos e artificiais onde as imperfeccións non existen e onde o físico é un chanzo fundamental para a felicidade e o éxito amoroso ou laboral, un chanzo inevitábel para o éxito e a aceptación social. Ademais, nas imaxes que nos lanzan difúndese unha soa beleza, unha muller adoito branca, delgada, alta, de pelo longo e peitos grandes que admite poucas modificacións e onde a delgadez adquire un protagonismo cencral. Alén disto, a esta visión reducida e irreal dos corpos femininos acompáñana a constante obxectualización da muller. Así, o corpo feminino convírtese no reclamo habitual para vender produtos que nada teñen que ver con el, sexualizando até o extremo a figura da muller.

Como analizaba Simone de Beauvoir, o patriarcado está tan firmemente enraizado que a estrutura característica que se creou entre os dous sexos non constitúe só un sistema político, senón tamén e sobre todo, un hábito mental e unha forma de vida. Unha mostra disto é a permanencia e difusión dos estereotipos arriba analizados que, sen que desde a sociedade se faga un esforzo suficiente por corrixilas, derivan no aumento da presión social sobre as mulleres, nomeadamente sobre as que somos máis novas e debemos madurar rodeadas deste tipo de mensaxes.

No actual contexto de crise do capitalismo, as súas consencuencias vense agravadas para as mulleres, precarizándose a nosa situación laboral e social e recuando en moitas das conquistas feministas que tanto custou acadar. Diante disto, as mozas organizadas nas coordenadas do anticapitalismo e o independentismo temos denunciado tanto as agresións sob a desculpa da crise (despedimentos, recortes, reducións nos dereitos laborais das mulleres, impedimento da conciliación laboral e familiar, redución de servizos para a protección das vítimas de violencia de xénero, etc) así como aquelas agresións emanadas dun Estado español tamén obsoleto, dominado pola ideoloxía católica e conservadora (reforma da Lei do Aborto, Lei de Familia, etc). Porén, a loita contra estes graves retrocesos non impiden que tamén nos esforcemos por loitar contra os ataques que pasan máis desapercibidos na nosa realidade cotiá, como a publicidade, a linguaxe sexista ou os micromachismos que tan estendidos están na mocidade.

Desde Isca! ollamos con preocupación a consolidación dos estándares sociais definidos polo poder, nomeadamente no que atinxe á definición da idiosincrasia e da imaxe das mozas, por iso denunciamos esta situación sacando á rúa unha campaña que pretende chamar a atención das persoas que camiñan a carón destas mostras de publicidade coas que o sistema pretende educarnos pasivamente. Deste xeito, pretendemos convidar á reflexión, pois para conseguirmos un mundo máis xusto, que pasa inevitabelmente por un mundo feminista, é preciso que a mocidade se conciencie e as mozas e mozos pulen por ser persoas reais que non estean definidas polos preconceptos do poder. As mozas comunistas acreditamos na acción feminista como un dos eixos básicos da transformación social e con campañas coma esta pretendemos trasladar á sociedade un esforzo máis para darlle impulso á visibilización da loita feminista en todos os aspectos que nos rodean.

Galerías da campaña contra os estereotipos de beleza feminina e do 8 de marzo (en actualización)

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario