Abaixo as casas de apostas!

Temporalidade, desemprego crónico, salarios de miseria e xornadas laborais extenuantes son as realidades que marcan a vida cotiá da clase obreira actual, e moi especialmente da mocidade traballadora. A degradación nas condicións de vida producida a raíz da última crise do capitalismo mundial conduciu a moitas persoas á apatía e á desesperanza. Ante un escenario marcado por unha falta total de expectativas, moitas persoas buscan saídas fáciles a súa situación, ou formas de ocio alienantes, que lles permitan evadirse e buscar as emocións que non atopan nunha vida cotiá gris e marcada pola miseria.

Falamos das casas de apostas

A súa proliferación, sobre todo nos barrios humildes, resulta evidente para calquera observador medianamente atento. Os seus anuncios, nos que a miúdo participan deportistas e personaxes famosos, están a todas horas presentes en televisión, radio, internet e prensa escrita. Os empresarios sen escrúpulos que levan estes negocios usan ademais todo tipo de estratexias psicolóxicas para atrapar a súa clientela. Serven comida e bebida gratis ás horas de xantar, e usan luces e sons que incitan a seguir e seguir xogando sen fin.

Coa esperanza posta nun golpe de sorte que arranxe os seus problemas, son moitas as mozas que empezan a xogar, sobre todo vía online, caendo finalmente vítimas da ludopatía. Os datos a este respecto son demoledores. A media de idade dos adictos ao xogo descendeu de 50 anos a 37,8, e afecta xa a un 30,9% das persoas menores de 35 anos. En Galiza, o 34% dos ludópatas empezaron a xogar antes dos 18, algo en teoría ilegal. Tamén aumentou a cantidade media de débedas. En 2016, situábanse en 14.376 euros, e só un anos despois xa estaba en 15.296, case 1000 euros máis.

As terribles consecuencias desta adicción son moi variadas

Existen casos de rapazas que comezan a prostituírse, para conseguir cartos cos que seguir xogando. Moitos adictos relatan en testemuñas á prensa como o xogo lles leva a romper relacións coas súas parellas, amigos e familia, aos que en non poucas ocasións lles rouban os cartos para poder seguir apostando. A delincuencia e a marxinalidade instálanse nos barrios populares ao abeiro dos locais de apostas, os casinos e as salas de póker dunha forma que empeza a recordar aos efectos da heroína nos anos 80.

Mentres tanto, as casas de apostas enchen os seus petos aproveitándose da ruína e a degradación de milleiros de seres humanos. Segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao 2017, as ganancias desta empresas incrementáronse en 173 millóns de euros, un 10% máis de beneficios respecto ao ano anterior.

Desde Isca! opoñémonos a que estas empresas sigan a facerse millonarias a conta do malestar e o empobrecemento das persoas que posúen menores recursos, que constitúen a gran maioría de participantes dos xogos de azar e as apostas. Reclamamos a necesidade de que prohiba a súa perniciosa publicidade,  a extensión de locais de xogo e incrementar os impostos ás mesmas, sendo conscientes de que só a eliminación do capitalismo eliminará dunha vez por todas estas e outras lacras sociais que nos afectan como clase.

O seu negocio é a nosa ruína. Abaixo as casas de apostas!

 

cartaz campaña casas de aposta fóra da Galiza isca!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario