Quen somos?

Somos Isca, nacemos en 2006 a partir dun grupo de militantes nacionalistas críticos coa deriva do nacionalismo oficial, conscientes da necesidade de organizar a mocidade en chave revolucionaria para defender un proxecto de cambio social real.

Somos independentistas e socialistas, organizámonos na Galiza de hoxe para construir a Galiza de mañá: libre, democrática e con xustiza social.

Defendemos novos xeitos de facer política, lonxe de burocratismos e onde os centros de decisión estean na base e non nas cúpulas políticas ou institucionais. A política real, a que nós interesa, é a que se fai na rúa, nos centros de traballo, de ensino, nas mobilizacións e no contacto directo coa mocidade. Alí estaremos defendendo a necesidade de que as mozas e mozos se organicen para mudar a realidade. Sendo a vía eleitoral importante tamén para lograr avanzos reais e crear contradicións no sistema, relativizamos a súa importancia e pensamos que o campo institucional debe estar subordinado ás loitas sociais -as únicas que poden forzar mudanzas de fondo- e non á inversa.

Somos radicais, porque queremos cambios de raiz, e querémolos agora. Somos novos mais non estamos dispostos a agardar “tempos mellores”. A necesidade de conseguir mudanzas estruturais é unha urxencia para o noso pobo e a nosa clase, e imos comezar a contruilas desde xa.

Con España non temos futuro: imos conquistar a independencia

O marco político imposto á Galiza impide que nos desenvolvamos como pobo. As decisións que máis nos afectan tómanse en Madrid ou Bruxelas. A nosa economía segue a ser dependente e a nosa lingua segue a desaparecer lentamente. Rebelámos fronte a todo isto, porque queremos ser un país normal, un país libre nun mundo novo.

Para desenvolvérmonos como pobo libre no mundo, para dispor dos nosos recursos naturais, para defender a terra e o mar das agresións do capital, para normalizar a nosa lingua propia… é imprescindíbel un novo marco político para o noso pobo, baseado no direito de autodeterminación. Para decidir con liberdade o noso futuro como nación e poder concretar a nosa aposta estratéxica: a independencia nacional.

Dispor dun estado propio é a única ferramenta que garante a unha nación como a nosa dispor dos seus destinos. Máis de 500 anos abondan para darnos conta de que ningún futuro viábel pasa por España. Temos pois, que comezar a traballar pola República Galega.

Unha Galiza ceibe é a mellor contribución a un planeta no que as nacións se relacionen en pe de igualdade e con respecto mútuo: frente ao imperialismo e a súas estruturas de dominación (UE, OTAN…), aspiramos a unha Europa e un mundo xusto, solidario e en paz.

Potenciamos a recuperación da nosa historia negada polo españolismo, a dignificación da nosa cultura, defendemos a plena normalización do noso idioma. Temos dereito a vivir na nosa lingua propia, o principal sinal de identidade do noso pobo que ademais ten dimensión internacional por medio da lusofonía.

No capitalismo non temos futuro: imos construir o socialismo

Sabemos que só tumbando o capitalismo e construíndo un sistema social en beneficio das maiorías sociais poderán estar plenamente garantidos os dereitos básicos que asisten a calquer persoa: ensino público e gratuíto, vivenda digna, saúde universal, emprego con dereitos… Ese sistema é o socialismo, sen antangonismos de clase nin desigualdade de xénero, con democracia participativa e desde a base, con medios de comunicación ao servizo do pobo e non das grandes empresas… Con ese horizonte traballamos mais sen renunciar a conquistar e defender parte deses obxectivos no día a día.

A Revolución comeza agora!

Cremos na loita de clases, os intereses de traballadores e empresarios non son conciliábeis pois uns viven a conta da explotación dos outros e iso impide que podamos asumir calquer análise interclasista da nosa sociedade.

A crise neoliberal demostra que este sistema non funciona. En estado “normal”, o capitalismo condena a tres cuartas partes da humanidade á miseria. Agora, en crise, nin sequera é capaz de garantir dereitos básicos á amplas capas de sociedades como a nosa. Por iso temos que derrubar este sistema insustentábel, apostando pola mobilización social para que desta situación de crise saia reforzada a clase traballadora e non o capital que é o responsábel da actual situación.

As alternativas existen, son realistas e son imprescindíbeis. Cuba móstranos que a utopía é posíbel, as experiencias de outros povos como Venezuela, Ecuador ou Bolivia demostrannos que se pode gobernar ao servizo das clases populares e non da oligarquía.

Porque só vencen os pobos que loitan, a solidariedade internacional é unha das nosas frontes de loita: desde os xa citados pobos da América insurxente ao Irak que resiste, desde a dignidade do pobo palestino até as nacións sen estado da Europa occidental, como Euskal Herria ou Irlanda, todos eles e moitos máis merecen o noso apoio internacionalista, para aportar o noso grao de area na súa liberación e para aprendermos das súas experiencias.

Organizando a mocidade rebelde

En base a estes obxectivos, traballamos no seo do movemento nacionalista e nos movementos sociais transformadores: no sindicalismo, no movemento feminista, ecoloxista, estudantil, nos Centros Sociais… Nestes ámbitos aportamos visións de traballo abertas e participativas e colaboramos co conxunto de organizacións nacionalistas desde a lealdade a o respeito mútuo, apostando pola converxencia práctica nas loitas diarias con quen defenda a superación do actual marco en clave nacional e de esquerda.

Porque cremos na unidade do nacionalismo e no frentismo, participamos no Bloque Nacionalista Galego, organización unitaria do nacionalismo de esquerda, traballando para afortalar o seu carácter combativo e antisistema.

En definitiva, unimos mozas e mozos, traballadores e estudantes, para transformar o país, porque procurar un futuro digno para a mocidade galega é organizarse desde xa para conseguir un país soberano e un cambio radical de sistema.

Xa estamos en marcha, comezamos a construir desde agora a Galiza ceibe e con xustiza social que arelamos.

Organízate e loita con nós!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario