O 10 de marzo é o día da clase obreira galega e queremos facer unha serie de consideracións para explicar o que aconteceu nesta data e a súa vixencia na actualidade.
Nesta data lembramos o asasinato de dous obreiros galegos (Amador Rey e Daniel Niebla) en Ferrol, a mans da policía española, en marzo do ano 1972, co gallo das greves obreiras galegas (nomeadamente en Ferrol e Vigo), brutalmente reprimidas polo franquismo. Esta data non se limita á “memoria anti-franquista”, senón que ten un potente contido nacional e de clase.
o 10 de marzo expresa a intensa ligazón da loita nacional e a loita de clases no noso país, xa que é neste momento, nos anos 70, cando da man da agudización da loita de clases emerxe con forza o nacionalismo popular galego, tanto no eido político como no social, sindical, estudantil… desde a defensa do principio de auto-organización da nosa nación. Este nacionalismo popular galego contemporáneo emerxe tomando o marxismo-leninismo como fonte de inspiración, aplicando creativamente a teoría revolucionaria á realidade dunha nación asoballada como a nosa, cunha análise que mantén a súa vixencia na actualidade: no marco da división internacional do traballo, na fase imperialista do capitalismo, Galiza exerce un papel dependente no marco do capitalismo español e internacional. Isto maniféstase nun deseño económico alleo, totalmente antagónico ao modelo económico autocentrado que nós defendemos, manifestándose nun modelo de industrias de enclave, no espolio dos nosos recursos a mans do grande capital foráneo, na destrución dos sectores produtivos, na emigración masiva, nun modelo de transporte pensado desde fóra e para fóra que non vertebra o país, etc. Todo isto levou á defensa dunha alianza de clases populares pola liberación nacional, coa clase obreira como suxeito dirixente e un partido comunista que exerza o seu papel de vangarda, rachando co vello galeguismo idealista mais tamén co reformismo españolista. Sería, pois, a base para a construción dun potente movemento soberanista que manifestará a súa oposición frontal á farsa da “Transición”.
Na actualidade, defendemos a vixencia destas posicións do nacionalismo popular galego (inspirado polo comunismo) dos anos 70, sendo tamén conscientes da necesidade da actualización das análises, xa que a composición de clases na Galiza mudou moito nas últimas décadas. Porén, como comunistas e independentistas galegas, seguimos defendendo a necesidade de que a clase obreira exerza como suxeito dirixente da loita de liberación nacional fronte quen procura a súa subordinación política, que o seu papel fique reducido ás loitas inmediatas ou exercendo un papel secundario dentro das múltiples identidades e movementos sociais. Só a clase obreira pode dirixir a loita contra o grande capital e o seu Estado, garantindo, ao mesmo tempo, que o proceso de liberación nacional vaia dirixido cara ao socialismo.
Por último, aínda que non menos importante, chamamos á mocidade galega a tomar consciencia e organizarse, desde as conquistas máis inmediatas e parciais, até a loita polos obxectivos estratéxicos, por unha Galiza independente e socialista. É tempo de superarmos o individualismo e tomar partido para erguermos unha sociedade nova. Somos conscientes da atomización e individualización que impón sobre nós o capital, nomeadamente no mundo do traballo, mais segue vixente a orde social inimiga dos intereses da maioría traballadora que cómpre superar.
Por unha república galega socialista, construamos a utopia!
✊