[10 de marzo] Rachar co pacto social, loitar polo noso futuro!

10MARZO1972 é un ano fundamental para entender a historia da clase traballadora galega das últimas décadas, xa que poucos foron os conflitos laborais que tiveron unha repercusión tan importante no conxunto das clases populares como os graves acontecementos do 10 de marzo en Ferrol e a folga xeral de setembro en Vigo.

Desde finais de 1971 comezaron as negociacións dun novo convenio na factoría de Bazán, en Ferrol. Entre as demandas dos traballadores atopábase unha mellora salarial, a redución de horas na xornada de traballo, vacacións ou a readmisión de varios compañeiros despedidos por participar en anteriores mobilizacións. Ademais, reivindicábase un convenio de ámbito provincial diferenciado doutras factorías de Bazán do estado. O sindicalismo vertical e a patronal teimaron en asinar un convenio de ámbito estatal ao que lle seguiu unha convocatoria de folga na factoría desde os primeiros días de maio, apoiada con paros solidarios por traballadores doutras empresas de Ferrolterra. O día 6 de marzo asinouse este convenio sen presenza nin representación da factoría de Bazán-Ferrol, o que levou os operarios a realizar un peche na factoría o día 9, do que foron desaloxados moi violentamente.

O día 10 de marzo os traballadores marcharon en manifestación polas rúas da cidade ao estar as portas do estaleiro pechadas. Foron sobre 4000 e a súa intención foi a de mobilizar a veciñanza de Ferrol e que marchase en solidariedade. A Policía Armada franquista disparou contra a mobilización, co resultado de dúas mortes e ducias de feridos. Nos días posteriores, a presión policial foi moi forte, practicáronse numerosas detencións, e a resposta patronal non se fixo esperar: máis de 170 persoas foron despedidas. A solidariedade estendeuse mediante paros e manifestacións en toda Galiza.

Nos meses seguintes, froito da mala xestión da dirección do estaleiro Barreras, leváronse a cabo paros e días de loita en toda a comarca de Vigo. A situación na cidade estalou cando as sancións a diferentes cargos sindicais por parte da dirección de Citroën motivou unha convocatoria de folga que se foi estendendo por todas as fábricas do sector ata dar lugar a unha folga xeral de 9 días (16-25 de setembro), un fito importantísimo para o aumento da conciencia obreira e popular. Até o momento eran principalmente CC.OO. e Organización Obreira os sindicatos con maior inserción no movemento obreiro; foi a partir de 1972 cando o nacionalismo galego comeza a medrar (xunto co aumento do sentimento de rexeitamento ao réxime) no eido político e sindical. En decembro dese mesmo ano naceu ERGA.

Entendemos fundamental para toda sociedade coñecer a súa historia e o seu pasado, sendo aí onde se atopan moitas das explicacións do presente. É esencial entender cando se conforma unha sociedade dividida en clases para analizar o nacemento e existencia dunha explotación de clase e combater mellor esas inxustizas. Cómpre ser quen de analizar que esa explotación de clase toma, na Galiza, forma de opresión nacional e que por iso cobra tanta importancia a loita da clase traballadora galega para rachar os vencellos coloniais, a loita pola independencia e a plena soberanía.

Na actualidade vivimos unha situación onde precariedade, temporalidade e baixos salarios combínanse para facer da mocidade un dos sectores sociais máis golpeados nesta crise. As taxas de emigración xuvenil acadan cifras dramáticas, ata o punto de que máis de 70 mozas ao día abandonan o noso país. O capital á ofensiva, recortando dereitos á clase traballadora. Temos que saír da crise, mais non nesa dirección. Polo tanto, queremos sumarnos a esta data participando, coa Confederación Intersindical Galega, nas manifestacións que ten convocadas en diferentes cidades do país baixo o lema Emprego e salarios dignos:

  • FERROL: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.
  • A CORUÑA: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.
  • COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.
  • LUGO: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.
  • OURENSE: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.
  • PONTEVEDRA: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.
  • VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario