[10º aniversario] Novos folgos para seguir loitando

001A nosa organización celebrou o seu décimo aniversario o pasado sábado día 18 de xuño en Compostela cunhas xornadas nacionais nas que combinaron formación política con eventos divulgativos e lúdicos.

A xornada de mañá comezou coa intervención de Antolín Alcántara, dirixente da CIG e militante do Movemento Galego ao Socialismo, que falou do contexto de crise capitalista e da necesidade da acción sindical dentro de parámetros da loita de clases, así como da decisiva orientación que as comunistas deben imprimir á mesma de cara a conseguir a mudanza na correlación de forzas. Despois da proxección dun vídeo con entrevistas a numerosa militancia, onde se explicaron as causas que motivaron a constitución de Isca!, foi o turno para Breixo Lousada e Ximena González, que fixeron un repaso a súa etapa como militantes da organización, así como dos retos que na súa opinión confronta tanto o movemento soberanista galego como o espazo político que partillan Isca! e o Movemento Galego ao Socialismo.

Xa de tarde tivo lugar un roteiro histórico-político por Compostela e un encontro internacional organizado en Bonaval que contou coa participación de Jakson Renner, brasileiro afincado en Galiza da Plataforma de Brasilegos Contra o Golpe que falou do golpe de estado institucional no Brasil; Oriol Sardà das Assemblees de Joves per la Unitat Popular, organización xuvenil catalana independentista que nos falou do actual proceso soberanista e a construción da súa República; e Mónica Sanchez, cónsul de Venezuela en Vigo que tratou a situación política do seu país e os retos da revolución bolivariana. Ademais estivo presente o histórico Farruco Sesto, fillo de galegos emigrados e ex-ministro nos gobernos de Hugo Chávez e Nicolás Maduro.

A xornada culminou cun exitoso concerto que logrou reunir centos de mozas na praza compostelá do 8 de marzo. Alén de Poetarras, Trapallada e NAO, as militantes da nosa organización desenvolveron unha acción de denuncia feminista contra o sistema heteropatriarcal, así como unha intervención política a cargo de Elia Lago e José Rodríguez xunto a Noa Presas, candidata a deputada polo BNG na provincia de Ourense e militante de Isca! e o MGS. Nesta destacouse a traxectoria de Isca! nestes anos, que levou adiante un discurso independentista e desacomplexado, traballando lealmente nun BNG atravesado por múltiples renuncias e contradicións e unhas formas de traballo novas e diferentes. Para finalizar, animamos á mocidade á organización para a ruptura co Estado Español e a construción da nova República Socialista Galega.

.

>> Imaxes da xornada de mañá.

>> Imaxes do encontro internacionalista.

>> Imaxes dos concertos da noite.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario