14-N: É tempo de loitar!

As loitas de hoxe, as conquistas de mañá

De novo, desde Isca chamamos a participar activamente na xornada de folga xeral do próximo 14 de novembro, que terá lugar na nosa nación e simultaneamente en outras do sur de Europa. Convocamos pois a toda a mocidade galega a mobilizarse con máis forza que nunca, a gañar nas rúas o futuro que unha minoría de capitalistas e os gobernantes ao seu servizo queren arrebatarlles desde os seus despachos.

As sucesivas reformas laborais, os recortes sociais, a escalada represiva, e en definitiva a supresión de direitos conquistados durante décadas de loita obreira para aplicar políticas que só respondem aos intereses do capital fan imprescindíbel esta convocatoria que o sindicalismo nacionalista viña demandando hai xa meses.

Todas as medidas orquestradas desde a UE, o Goberno central ou a Xunta presentan para nós, a mocidade galega, un ataque sen precedentes e perfectamente planificado para empobrecernos e precarizarnos cada vez máis. Aos prexuizos orixinados polos recortes do sector público -ensino, sanidade ou servizos sociais-, e ao desmantelamento imparábel de sectores tam importantes na nosa economia como o agro, a pesca ou o naval, hai que sumarlles as agresión que as sucesivas reformas están a significar a todos os niveis.

Frente a todo isto, dicimos que é tempo de loitar, de facerlles fronte. Mobilizarse xa non é unha opción, é unha necesidade. Nós, como mocidade revolucionara organizada, achegaremos novamente nesta data a nosa firme contribución a seguir prendendo as chamas das miles de rebeldías que teñen que confluir para dotar de contido un proxecto de transformación real. Na campaña de propaganda, nas asembleas, nos piquetes e nas mobilizacións, faremos oir a nosa voz rebelde e anti-capitalista.

Sendo máis que nunca tempo de loita, é tamén tempo de organización. Tempo de afortalar o sindicalismo combativo e de clase encarnado pola CIG, e tempo tamén de seguir a expandir a autoorganización do estudantado galego arredor da Liga Estudantil Galega. Porque sabemos que só no avance e consolidación desas ferramentas nacionais e unitarias a mocidade obreira e estudante do noso país poderá aspirar a gañar o seu futuro.

A historia demóstranos que, cando non teñen máis remedio, o capital e os seus gobernos ceden, e así foi como tras décadas de duras loitas que tanto esforzo e sangue custaron, a nosa clase logrou todos os seus direitos e conquistas ao longo da historia, os mesmos dereitos que agora queren roubarnos coa escusa da crise que eles mesmos provocaron. Quen acreditamos nas dinámicas da loita de clases sabemos que é así e non doutro xeito que funcionan as cousas no capitalismo, e que por tanto as nosas conquistas parciais só poderán ser definitivas cando derrubemos este sistema en descomposición e toda súa lóxica criminal.

Hoxe toca resistir contra os ataques, mañá tocará recuperar o terreno perdido, e, mais pronto que tarde, pasar á ofensiva contra quen nos explota e nos empobrece. Contruir un futuro digno fora deste sistema, deste estado a de todas as estruturas imperiais. A independencia e o socialismo son por tanto o horizonte que nos guía na nosa loita diaria, e o que nos guiará tamén este 14-N, frente ao conformismo e a resignación que nos queren impor.

No capitalismo non temos futuro!
14-N, folga xeral!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario