17 de maio: este decreto ímolo parar!

rebater-dia-das-letras-2010.pngA plataforma Queremos Galego volve chamar á cidadanía a sair á rua: coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas terá lugar de novo unha manifestación nacional que partirá ás 12 da Alameda de Compostela.

Este é o texto da folla axitativa que repartiremos na mobilización:

Novamente temos que saír para defendermos, neste Día das Letras, os nosos dereitos lingüísticos como pobo e frearmos a ofensiva españolizadora do goberno da Xunta, que baixo a súa falacia da liberdade de elección agocha o maior ataque institucional contra a nosa lingua nos últimos trinta anos. Ataque que chega por parte de organismos teoricamente encargados da súa defensa que agora abandonan a súa posición pasiva tradicional, que foi deixar morrer o galego de inanición ollando as dramáticas estatísticas de perdas de falantes mentres lavaban a cara con planos e leis que nunca se aplicaron coa seriedade dunha disposición legal, por unha nova táctica, o ataque directo mediante o recorte dos dereitos que, aínda insuficientes, se foran gañando para as persoas que queremos desenvolver a nosa vida en galego e queremos que a mocidade galega estude na lingua propia e nacional de Galiza. O decretazo contra o galego no ensino do goberno de Núñez Feijóo é o maior expoñente desta cruzada españolista compartida polos poderes públicos e certos altofalantes na prensa e en grupos socialmente marxinais como Galicia Bilingüe, xunto a outros ataques menos mediáticos como a apertura do ridículo debate da toponimia en galego e español ou a eliminación da proba de galego en oposicións.O goberno de Feijóo ten amosado unha teimuda firmeza nesta serie de ataques, até o punto de querer levar adiante un decreto xa rexeitado polas maiorías sociais de Galiza de xeito reiterado. Velaquí uns exemplos:

 -Manifestacións multitudinarias de Queremos Galego en Santiago de Compostela o pasado Día das Letras, o 18 de outubro de 2009 e o pasado 21 de xaneiro con motivo da folga no ensino medio que paralizou as aulas de Galiza. Tamén se teñen celebrado concentracións locais e comarcais por todo o país e mobilizacións de urxencia como a acontecida o 30 de decembro ante o anuncio das bases deste decreto. Todas estas mobilizacións contaron co apoio decidido do mellor deste pobo, as persoas que defendemos e queremos o galego.

 -Iniciativa Lexislativa Popular de Queremos Galego que o PP e o PSOE rexeitaron debater no Parlamento, amosando de novo con claridade quen son os principais inimigos do idioma ao faceren causa conxunta contra toda iniciativa que rache coa dinámica españolista.

 -Rexeitamento do Decreto por parte do Consello Escolar de Galiza: Unha emenda á totalidade do texto acadou 24 votos a favor, por 16 en contra dos defensores do modelo lingüicida. Votaron a favor desa emenda sindicatos como a CIG, organizacións estudantís coma os Comités, a Confederación de Asociacións de Pais de Alumnos de Centros Públicos ou representacións de alcaldes de Galiza, entre eles os do BNG. A favor do decreto e en contra da emenda posicionáronse, por exemplo, os representantes da Xunta, do PP e das asociacións de país de alumnos do ensino privado. Abonda iso para que fique patente como a defensa da lingua na Galiza é inseparábel da cuestión de clase: desde o ensino público deféndese o galego, desde o elitista e privado, o español.

 -Rexeitamento do Decreto por parte do Consello Consultivo da Xunta: Este organismo, nada sospeitoso de nacionalista, rexeita as teses da galegofobia por incompatíbeis coa Lei de Normalización Lingüística, o Estatuto da Autonomía e mesmo coa Constitución Española que defenden.

 Ante esta fuxida cara adiante do goberno da Xunta, cada vez máis só no seu ataque frontal cara o galego, cómpre que o noso pobo e moi especialmente a mocidade se organice e mobilice contra esta ofensiva. E cómpre lembrar sempre que esta mobilización debe ter dous eixos:

 -Rachar co retroceso da tímida e formal defensa legal do galego. Defender que nunca permitiremos que a nosa lingua teña no noso país o tratamento de linguas estranxeiras como o español e o inglés, que non rexeitamos aprender como non rexeitariamos aprender calquera outro idioma.

 -Colocar no horizonte estratéxico das nosas reivindicacións o monolingüísmo social. Somos conscientes, porque estamos na tradición histórica do nacionalismo galego, de que non aspiramos a un 50% de ensino en galego. Queremos galego, e querémolo ao 100% no ensino e como lingua normalizada en todos os eidos da nosa vida en Galiza. Apoiaremos sempre os pasos que nos leven nesa dirección, como a mobilización de hoxe coa que diremos ao goberno do PP:

 NA GALIZA EN GALEGO!

 

>> Descarga o Rebater 21 en pdf <<

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario