MANIFESTACIÓN NACIONAL: 17 DE MAIO ÁS 12H DESDE A ALAMEDA DE COMPOSTELA
Nun país como Galiza, onde a lingua nacional permanece minorizada, deturpada e apartada de facto do poder económico -e do político, por moito que cargos públicos español falantes nos honren co seu castrapo fronte á cámara- o combate pola normalización ten por forza de ser diario, constante e orientado cara a consecución do monolingüísmo social na lingua propia. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, non pode ser unha data ritual na que La Voz de Galicia e outros medios da prensa alleada dediquen tres ou catro páxinas íntegras ao galego entre informacións en castelán, nin pode servir para que no ensino por un día se lles recorde ás nenos e aos nenos deste país que existe unha lingua, que seguramente falan os seus avós, na que Rosalía de Castro ou Castelao -nas súas descafeinadas versións académicas- escribiron a súa obra literaria e política. Ten que ser unha data de fonda autocrítica, na que o movemento normalizador olle cara o camiño feito e avalíe os resultados, e de fonda denuncia, sinalando con precisión onde están, quen son e que intereses moven os inimigos da lingua galega: un ensino españolizado, un poder político sucursalista e un poder económico que se sinte cómodo no marco da España única, tamén no lingüístico, porque derrubar as barreiras do idioma é para a plutocracia un triunfo tan importante como as arancelarias ou de calquera outro tipo que se opoñan ao libre comercio das persoas e as cousas.
O galego corre o risco de ser minoritario, ademais de minorizado, na propia Galiza. A mocidade rexistra unhas estatísticas tan baixas de emprego habitual, e mesmo de coñecemento, que non fan estraño o descarado xesto de El Corte Inglés da Coruña de inserir os libros no noso idioma na sección de linguas estranxeiras da superficie comercial. Ese é o obxectivo, e ese é o escenario que nos deixan a quen queremos morar na nosa Terra e na nosa Lingua: sentirnos estranxeiros na nosa Patria, obxectores de consciencia nun proxecto nacional alleo, vestixios dunha época de fame e pobreza que os nosos avós deixaron atrás. O galego é o vello e pouco acorde a España. O castelán, idioma moderno, cosmopolita e non aldeán.
O Partido Popular continúa, no terceiro ano do seu goberno de destrución nacional, coa súa política castelanizante e antigalega. A unha lexislación acorde aos seus intereses -lembremos, liquidación das Galescolas, decreto do galego no ensino para equiparalo a idiomas foráneos, suborno a golpe de subvención pública a medios de comunicación onde o galego nin se cheira mentres se deixa afundir outros escritos integramente no noso idioma- suma pequenos xestos entre prepotentes e ridículos: nomeamento dunha responsábel de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela que emprega o castelán no seu labor público, dificultades para a manifestación de hoxe na defensa do noso idioma… Todo fai parte dun proxecto meditado, nada casual e plenamente consciente: o exterminio da lingua galega.
Temos que rachar ese proxecto, vencendo no combate normalizador e demostrando á mocidade e ao conxunto do país que a nosa lingua, alén de ser a nosa, é digna, extensa e útil. Porque, aínda que non contásemos cun sistema lingüístico luso-brasileiro que nos permite comunicarnos nun espazo de máis de 200 millóns de persoas -e co que, nunha sorte que non teñen cataláns nin vascos, si contamos-, o simple feito de ser o galego creación colectiva nosa, de ser o idioma no que as maiorías sociais que ergueron e construíron este país se comunicaron de forma maioritaria ao longo de máis de dez séculos, debería abondar para que o valoricemos e o defendamos. Urxe participar nas iniciativas de defensa do idioma, empregalo no noso día a día, denunciar as políticas de quen pretenden silencialo. Urxe lembrarlle ao noso pobo que, en galego, aínda temos moito que contar.