A nosa organización lanza unha campaña de denuncia e concientización que pretende sinalar aqueles espazos onde a lingua galega é sistematicamente excluída e ignorada en favor do español. A continuar, o texto da campaña:
Cada día o número de falantes de galego decrece, perdéndomos unha boa parte da nosa forma colectiva de falar, pensar, sentir, soñar… de viver. Mais o fenómeno de substitución lingüística polo español non é un proceso “natural”, como algúns nos pretenden facer crer, se non que está ligado á españolización forzada do noso país. A língua castelá sempre foi imposta desde o poder, que exerceu a mais brutal discriminación cara os galego-falantes, tomando a nenos e nenas, a xóvenes ou a vellos como reféns lingüísticos para lograr unha pretendida “unidad de destino”, creando complexos de inferioridade e relegando a usos coloquiais a lingua modelada colectivamente polo noso pobo.
Os intentos por devolver ao galego a súa dignidade, de garantir a pervivencia, chocan a día de hoxe de novo co supremacismo lingüístico disfrazado cun novo traxe. A perversión da realidade que fai o modelo neo-liberal converte as linguas en obxectos cos que é posíbel facer negocio e, por tanto, as únicas linguas útiles serían aquelas faladas por moitas persoas, especialmente se estas son as correspondentes ás potencias económicas mundiais. Neste contexto, preténdese relegar de novo o noso idioma aos contextos familiares, descartándoo para asuntos oficiais, educación, negocios e desenvolvemento social en xeral, segundo esta visión mercantilista. Por se isto fose pouco, as entidades españolistas esfórzanse por negar calquera parentesco entre galego e portugués, eliminando calquera posibilidade de proxeción universal da lingua.
É con estes postulados que se apresentan socialmente os maiores agresores da lingua: diferentes coletivos anti-galegos disfarzados de defensores do bilinguismo. Segundo eles, na Galiza practícase a imposición lingüística… do galego e, como mostra, o decreto no ensino (124/2007). Denuncian un cumprimento excesivo das leis, cando as pesquisas e os/as propios/as estudantes podemos afirmar o contrario: o decreto non se está a cumprir maioritariamente porque non se imparte o ensino en galego da metade das materias.
Ese pretenso bilinguismo baséase no supremacismo lingüístico: para eles, existen linguas “mellores” e “peores”, quer pola categoria dos seus falantes, quer polo número deles. Entón propoñen que o galego, lingua «preciosa» pero inútil, sexa considerada unha lingua optativa no ensino e susceptíbel de ser escollida ou non. Tamén na hipocrisía: a proposición dese mesmo trato á língua de Quevedo sería unha aberración para eles/as.
O Partido Popular que gañou as eleccións no 1 de Marzo xa non utiliza de forma populista e demagóxica o galego, como o goberno de Fraga, se non que se instalou no mais agresivo españolismo, culturicida, reaccionario e anti-galego. Para eles somos unha rexión que debe ser homologada no cultural, e debemos perder todo trazo diferencial para nos unificar culturalmente coa pretendida nación española.
Para alén da situación da lingua nos aspectos dependentes das administracións públicas, é notábel a franca hostilidade de cara á nosa lingua por parte do capital. Empresas, comercio e meios de comunicación actúan ao unísono a favor da inmersión lingüística no español. Por tanto, de pouco vale que nos esforcemos unicamente por normalizar a lingua na administración pública. Temos que incidir, tamén, na esfera do privado, denunciando a discriminación, mais non só. Aspiremos a recuperar o espazo perdido polo noso idioma. Queremos viver en galego. Sempre.
Por estas e muitas mais razóns, ISCA! apresenta unha campaña de denuncia social dos espazos en que a nosa lingua fica excluída ou discriminada na Galiza. Non podemos permitir que se poñan coutos ao uso da lingua nacional no eido público nen no privado. O proceso de remover eses atrancos debe comezar hoxe mesmo, nas tendas, nas escolas e institutos, na Universidade, nos trámites burocráticos e onde nós, o pobo galego, sexamos capaces de por a nosa lingua.