Con motivo da celebración do vixésimo aniversario de Isca!, organizamos unha mesa redonda con tres xeracións de militantes para facer un percorrido pola historia da nosa loita colectiva: os logros, os avanzos, os acertos e os erros.
No centro social A Galleira de Ourense, reunímonos un grupo conformado por militantes actuais e militantes que organizaron a súa etapa moza en Isca! e que construíron a organización que hoxe internvén no proceso de liberación nacional galego.
Para abrir o acto, dúas compañeiras interviron co seguinte diálogo que pretende percorrer a historia mesma da nosa organización:
—Din que a Galiza está adormecida. A clase traballadora galega está quieta e a mocidade é mansiña.
—Somos un país pequerrecho e esquecido. Recollidos nun canto dunha península dun continente en eterna decadencia. Non é?
—É, si. Galiza parece ser a colonia perfeita.
—Así nos imaxinan, si. Un antigo reino que esqueceu o seu pasado, e que organiza a súa resistencia a base de intervencións parlamentares para demandar descontos nunha autoestrada; e de xestións municipais entregadas, en parte ou por completo, á Igrexa católica.
—Si, vaites… Unha pequena nación que alberga tamén o sindicalismo máis combativo e máis ben estruturado de todo o Estado. E habería que ver se da Europa. Un sindicato de clase en que continuamente loitamos por reforzar un proxecto transformador que asegure non só a mellora progresiva das condicións das traballadoras, senón que garanta a politización da nosa clase para artellar unha verdadeira masa revolucionaria.
—É certo, si. Neste país hai comunistas a seren comunistas. Aquí estamos, de feito.
—É verdade, é precisamente pola nosa incansábel loita que na Galiza o feminismo ou é de clase ou non é. As mozas comunistas organizadas colocamos no centro do discurso e da acción aos sectores máis feminizados. É probábel que teñamos as manifestacións do 8M, ponderadamente, máis grandes do mundo. Fomos quen de facer varias greves feministas que paralizaron o noso país e a perspectiva de xénero atravesa cada recuncho da loita obreira galega.
—Efectivamente. E todo isto acontece porque non esquecemos que a opresión de clase, de xénero e nacional son diferentes caras da mesma luita inesgotábel do capital por arruinar a nosa existencia e controlar as nosas vidas. Galiza é unha nación pequerrecha no recanto perdido da periferia da periferia do centro do mundo. É unha nación ocupada que coloca ás súas fillas ante unha dicotomía tan perversa como a de escoller entre a miseria, a migración ou ambas a un tempo.
—Con todo, aí onde hai ocupación haberá sempre resistencia. E na Galiza esa resistencia non só leva existindo décadas, senón que o seu reforzo é máis importante ca nunca.
—Vivimos nun mundo no que a barbarie imperialista está completamente desenmascarada e entregada sen remorsos á destrución: a Venezuela, o Irán, a Palestina, a Cuba. Mentres tanto, os nosos gobernos claudican perante os intereses do capital e militarizan a nosa sociedade. Paseniño, mais con determinación. Ameazan con recuperar o servizo militar obrigatorio, re-colocan os orzamento e enchen as nosas rúas e os seus medios de vulgar españolismo.
—Mentres, o mundo amence pola primeira vez cun trillonario. O 1 % da poboación mundial ten a metade da riqueza e o 10 % mundial acumula o 75 %. Os cartos concéntranse cada vez en menos maos e os tecnoligarcas avanzan na construción da seguinte fase do capitalismo. Unha fase á súa medida, onde controlen absolutamente toda a nosa información e coñezan cada un dos nosos movementos.
—Un capitalismo que xa non necesita a máscara das liberdades individuais ou do estado de benestar. Un capitalismo mesmo sen a farsa da democracia burguesa. E mentres aquí que? As nosas rúas voltan aglutinar agresións LGBTfóbicas e machistas. As mulleres volven perder o seu espazo.
—O número de falantes da lingua do noso pobo en mínimos históricos e o desastre ecolóxico avanzando sen descanso polos nosos montes e polas nosas vilas.
—E ese tal comunismo organizado do que falabamos antes?
—Pois esa é a única solución. A única solución é continuarmos a organizar a mocidade traballadora galega en chave netamente independentista, socialista e feminista. É esencial reforzarmos Isca! como alicerce desta alternativa para que as nosas ferramentas sindicais, institucionais, asociativas e frontistas cumpran realmente o obxectivo para o que foron creadas: libertar este país e a súa clase obreira.
—Isca! naceu hai 20 anos. De feito, a súa primeira aparición pública foi no Día da Matria de 2006. Nunha Galiza gobernada polo bipartito do PSOE e o BNG e xa daquela asolada por unha das vagas de lumes máis traumáticas da nosa historia recente. E o seu papel é claro: conservar a fidelidade do movemento nacionalista galego á súa razón de ser: a independencia e o socialismo. E, en conseceuncia, apartalo de delirios socialdemócratas e autonomistas.
—Pois é! Isca! fai xa 20 anos e os nosos compromisos continúan intactos, malia que o contexto mudase e nós con ele. O que tivemos sempre claro é que unha revolución no noso país e en calquera lugar do mundo necesita dunha mocidade combativa que realmente estea organizada, formada e teña capacidade de permear toda a sociedade.
—É grazas a esta comprensión do mundo que Isca entende cal é o papel que a súa militancia debe xogar. Todes es militantes de Isca! estamos atravesades pola moral comunista, que non é só unha ideoloxía, mais tamén un xeito de habitar o mundo. A moral comunista é unha moral propia, diferente da moral da burguesía e moito superior a ela.
—Isca! partilla unha serie de principios morais que determinan a vida política e a acción cotiá de cada militante: o amor polo pobo, a dedicación aos intereses da organización, o rexeitamento da explotación e opresión do home polo home, a coraxe, a honestidade, o traballo esforzado para o ben común ou a preocupación por ter unha conduta política, cívica e persoal que ten no seu centro o respecto polo ser humano.
—A nosa organización xamais agochou nin agochará ningunha das súas bandeiras: nin a feminista, nin a independentista nin moito menos a comunista. Porque es iscalles sabemos que non hai luita máis digna que a de luitar por unha vida xusta para todes.
—Sabemos tamén en Isca! que facemos parte dun movemento internacional referente que ergue resistencias en todas as esquinas do mundo para facer tremer os estados imperialistas e capitalistas que esmagan as nosas vidas e a das nosas camaradas de clase. Isca! é desenmascaradamente comunista e ese precisamente é o seu abal para intervir decididamente no nacionalismo galego.
—Isca! é unha parte máis de todo ese conxunto de luitadoras que se negan a vivir subxugadas ao poder do capital imperialista. Por iso estamos desacomplexadamente sempre ao carón nas barricadas que levantan ao redor do mundo as compañeiras da resistencia palestina, as bolivarianas na Venezuela, as bolcheviques no este europeo, as cubanas na Sierra Maestra, as zapatistas en Chiapas, as panteiras negras nos EEUU, as sen terra no Brasil, as tupamaros en Montevideo, as luitadoras contra o apertheid na Sudáfrica…
—As comuneiras en París, as guerreiras no Vietnam, as independentistas na Cataluña, as sandinistas na Nicaragua e as polisarias no Saara. Porque, como dixo a camarada Élia hai hoxe 10 anos “somos nós as revolucionarias galegas de onte, hoxe e mañá, as que levamos un mundo novo nos nosos corazóns”.
—Isca! marcou presenza en toda canta luita se travou neste país: na construción dos centros sociais, na defensa da lingua, na luita ecoloxista contra o espolio colonial, na luita polas liberdades e os dereitos pas persoas LGBT+, na defensa dos dereitos das mulleres. Estamos e estivemos ai contra as casas de apostas, contra o modelo de tustificación do Xacobeo, na defensa das nosas seleccións nacionais, na defensa do ensino público e nunha inabarcábel morea máis de espazos.
—Estivemos sempre aí para marcar unha liña comunista, feminista e independentista, para mostrar con claridade cales son as causas desas inxustizas e cal a única alterntiva posíbel. Para evitar que a táctica máis inmediata e cómoda para o sistema nos afaste do verdadeiro horizonte estratéxico: vencer o capitalismo e erguer un Estado socialista galego.
—Camaradas, compañeiras, amigas, benvidas a este acto. Hoxe celebramos os 20 anos nos que Isca! leva organizando a mociade revolucionaria. Coa determinación de sempre, sen complexos e con toda unha verdadeira utopía por construir. Viva a mocidade revolucionaria! Viva Isca! Viva a Galiza independente e socialista!









