20 de decembro: Mobilizacións por outra saída á crise.

A Alianza Social Galega, conformada por máis de 60 entidades sociais do noso país, chama ao pobo galego a mobilizarse contra os máis recentes recortes e ataques ás clases populares do goberno do PP:

As mobilizacións previstas son as seguintes:

A CORUÑA  19:30 Delegación do Goberno

FERROL 19:30 Edificio da Xunta

SANTIAGO 19:30 Praza Galiza

O BARCO DE VALDEORRAS 20:00 Praza do Concello

LUGO 20:00 Praza Armañá

BURELA 20:00 Praza da Mariña

MONFORTE 19:30 Praza de España

OURENSE 19:30 Subdelegación do Goberno

PONTEVEDRA 19:30 Subdelegación do Goberno

VIGO 20:00 Museo de Arte Contemporánea (MARCO)

VILAGARCÍA 20:00 Praza Galiza

A seguir podes ler o manifesto da convocatoria.

As organizacións e entidades que conformamos a ALIANZA SOCIAL GALEGA para dar unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que, seguindo os ditados da Unión Europea, do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo e da patronal máis neoliberal, están desenvolvendo os Gobernos de Galicia e o Estado, denunciamos hoxe os novos recortes impostos polo Partido Popular que van traer máis paro, o empobrecemento da poboación e o aumento da exclusión social.

O Goberno de Mariano Rajoy celebra o seu primeiro ano de goberno impoñendo novos recortes nas pensións e na educación, privatizando a xustiza e condenando á pobreza extrema as familias e persoas desafiuzadas; en definitiva, ditando normas que nos fan retroceder varias décadas en liberdades e dereitos sociais e laborais.

UN NOVO RECORTE ÁS PENSIÓNS

Non satisfeito co recorte aplicado ás pensións nada máis chegar ao Goberno, Mariano Rajoy non só se desmente a si mesmo e mais os membros do seu Goberno que días atrás anunciaban a revalorización das pensións, senón que incumpre a Lei xeral da seguridade social no relativo á garantía de revalorización das pensión ao aprobar a non revalorización de pensións na desviación do ipc en 2012 e modificar a Lei do fondo de reserva.

A decisión do Goberno de non actualizar as pensións segundo o diferencial entre a suba de prezos ata o 30 de novembro, un 2,9%, e o incremento dun 1% aboado a principios de 2012 implica que unha pensión media en Galicia de 700 euros se reduciu en 260 euros o ano pasado, aos que hai que sumar os 260 que perderá este ano. É, polo tanto, unha medida inxusta cun dos colectivos máis vulnerables, o de pensionistas, e tamén ineficaz, enmarcada na continuada política de axustes que está a intensificar os negativos efectos da crise, deprimindo a demanda interna e repercutindo intensamente na actividade económica e o emprego.

 

RECORTES E RETROCESO NOS SERVIZOS PÚBLICOS DE ENSINO E SANIDADE

O Goberno prosegue a súa política de destrución do sistema educativo público cos recortes e coa nova reforma educativa (lomce) que combate os principios de comprensión, equidade e calidade, para consolidar un ensino dual mediante a estratexia de abandonar á súa sorte a educación pública e potenciar a privada concertada, ao tempo que converte o sistema educativo nunha carreira de obstáculos, insuperables para quen ten máis dificultades de aprendizaxe e menos recursos económicos.

O anteproxecto presentado, imbuído de afán privatizador e mesmo subvencionador de centros que segregan alumnado por razón de sexo, serve de máscara para afondar nunha reforma ideolóxica do sistema educativo segregadora, elitista e selectiva. Supón un retroceso na xestión democrática dos centros, impón reválidas para conseguir o título de eso e bacharelato, desbota a educación en valores e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado.

Rexeita aspectos como a equidade, a igualdade de oportunidades, a atención á diversidade, a atención individualizada; e incrementa as ratios e as horas lectivas do profesorado, que repercutirán no empeoramento da calidade do ensino e no abandono e fracaso escolar.

Reforza a confesionalidade, é contrario ao ensino laico e mantén o ensino de relixión no currículo escolar.

A privatización da sanidade levada a cabo polo Goberno do PP, coa única intención de poñela nas mans das empresas privadas para o seu lucro (Capio, Ribera de Saúde…), conduce á destrución do sistema sanitario como un servizo público en que se garanta o dereito universal á prestación sanitaria de toda a poboación, sen ter en conta a súa renda económica. O pagamento dos medicamentos polos pensionistas así como o transporte en ambulancias, as próteses e as cadeiras de rodas para as persoas con discapacidade; a supresión do dereito á asistencia de quen non cotice, como os mozos e mozas de máis de 26 anos, certos colectivos de mulleres, inmigrantes ou persoas en exclusión social; e o anuncio de copagamento polos servizos que se exclúan da carteira de servizos son as primeiras consecuencias destas medidas.

Séguese a privatizar hospitais, abandónanse os novos centros de saúde e desmantélanse as áreas sanitarias en función dun modelo privatizador enfocado ao beneficio económico empresarial que deteriora a calidade da atención, dá cabo do dereito á asistencia universal e equitativa e conduce a unha sanidade de ricos e pobres.

NON Á XUSTIZA CLASISTA

A Lei de taxas xudiciais recorta o acceso ao servizo público da xustiza e supón un claro retroceso do Estado de dereito ao limitar gravemente para amplos colectivos sociais, e en moitos casos deixalos fóra, as posibilidades reais de accederen á xustiza.

A Lei de taxas expulsa as persoas sen recursos da Administración de Xustiza porque se impoñen unhas taxas que só poderá pagar unha minoría ao establecer, por exemplo, que unha persoa con ingresos de 1.200 euros pague as mesmas taxas que outra que gañe 100.000 euros; ou que unha familia de dúas persoas con traballo e cobrando o salario mínimo deba pagar taxas; por non falar de que un recurso contra un despedimento vaille custar o mesmo ao traballador ca se quen recorre é a propia empresa.

A Lei de taxas é o inicio do desmantelamento do servizo público da xustiza e ataca o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva.

REFORMA DA LEI HIPOTECARIA

Son máis de nove mil as familias desafiuzadas en Galicia desde que comezou a crise. Persoas que pertencen aos colectivos sociais máis afectados pola situación, que perden a súa vivenda e que, na maior parte dos casos, ven embargadas as nóminas, ingresos ou propiedades ao seu nome. Familias e persoas condenadas á exclusión social polos abusos das entidades financeiras e por un Goberno cómplice.

Esta situación só pode cambiar cunha modificación da Lei hipotecaria e da Lei de axuizamento civil para regular a dación en pagamento retroactiva, paralizar os desafiuzamentos e promover o alugamento social. Fronte a esta necesidade, o Goberno aproba un decreto insuficiente que non contén solucións estruturais e exonera as entidades financeiras das súas responsabilidades na inadecuada xestión dos préstamos.

Urxen medidas transitorias integrais, mentres non se modifique a lexislación en materia de execución hipotecaria, como a suspensión temporal dos procesos de execución en marcha.

SOLUCIÓN PARA AS VÍTIMAS DAS ESTAFAS BANCARIAS

En setenta mil se estima en Galicia a cifra de persoas afectadas pola estafa das preferentes e subordinadas. Moitas familias saqueadas pola cobiza do capital financeiro esperan do poder político unha solución que sexa a devolución íntegra dos seus aforros, en moitos casos, de toda unha vida de traballo. Resulta inadmisible que nun Estado que se declara social de dereito rescaten a banca e deixen ao pairo as persoas, os mesmos que urdiron a trama e perpetraron o maior desfalco da historia do noso país en beneficio dos especuladores e incompetentes. Polo tanto, esiximos tamén a protección do aforro popular a través da creación dunha banca pública galega orientada ao desenvolvemento do tecido económico de maneira racional e sostible, que cumpra cos obxectivos sociais que nunca deberon abandonar as caixas de aforro de Galicia.

NON AO RECORTE DAS PENSIÓNS!

NON Á PRIVATIZACIÓN DA EDUCACIÓN E DA SANIDADE!

NON Á XUSTIZA CLASISTA E DISCRIMINATORIA!

NON AOS DESAFIUZAMENTOS!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario