20 de febreiro, o ensino en loita!

O estudantado galego está chamado de novo a dar resposta ás agresións que vén sufrindo nos últimos anos e, nomeadamente, desde o comezo da crise sistémica do capitalismo á que asistimos que ten como consecuencia directa unha aceleración na imposición das políticas neoliberais en todos os ámbitos da vida (tamén no ensino) e que conduce á sociedade e á mocidade a situacións de miseria, precariedade e exclusión.

A mobilización estudantil, que vén crecendo de xeito importante tanto en número de iniciativas como en persoas na rúa, é un factor fundamental para erguer un muro popular que faga fronte ás políticas do capital e resposte de xeito acaído ás agresións que veñen sufrindo as clases populares. Así como fundamental tamén é organizar e erguer a resposta en clave nacional, desde a nosa autoorganización como pobo, por iso que a iniciativa da convocatoria estudantil parta de xeito conxunto das organizacións soberanistas galegas só pode ser un paso máis no camiño certo que se debe manter no futuro.

Son as políticas de recortes e reformas impostas á educación pública, concretados na LOMCE en mercantilización do ensino, no apoio aos centros que segregan por sexo, na reforma dos órganos de decisión dos centros de ensino (onde xa é exigua e insuficiente a presenza do estudantado), na imposición de até 3 reválidas, no menor número de anos de educacións obrigatoria, no recorte nos dereitos lingüísicos e un sin fin de medidas que xa analizamos con anterioridade, máis que suficientes para unha contestación masiva de alumnos, docentes e socidade en xeral. E nesa resposta tamén debe de enmarcarse a alternativa que nós defendemos dun modelo de ensino público, de calidade e non patriarcal; integramente en galego sen modelos nin linguas importadas; un ensino no que o estudantado teña dereitos e participación real e no que se invistan recursos para a súa mellora. Sabemos que o ensino é básico para a formación de persoas críticas e libres, clave para que as clases populares poidamos avanzar na nosa loita pola igualdade de oportunidades e dereitos.

Entendemos tamén que o ensino galego debe de estar completamente definido polo pobo galego, desde unha perspectiva nitidamente nacional, onde sexamos quen de solucionar as eivas derivadas da nosa falta de soberanía. É este un dos mecanismos de dominación ideolóxica que emprega o Estado e Español no intento de homologarnos á visión oficialista da unidade no universal sendo recurrente a ocultación das nosas características diferenciadas como pobo diferenciado. O noso ensino debe estar incardinado na nosa realidade nacional, levar a cabo un proceso de desenvolvemento autocentrado que nos permita abandonar a nosa situación de dependencia económica e aproveitar así as nosas propias potencialidades.

Polo anteriormente exposto cremos que a loita contra a LOMCE e en xeral contra toda medida dirixida a recortar dereitos debe ir acompañada sempre da nosa alternativa política e a denuncia da falta de soberanía que nos condena á dependencia. Desde Isca! animamos a toda a mocidade, a todo o estudantado galego, a secundar a folga e acudir ás manifestacións o vindeiro 20 de febreiro co obxectivo de pasar á ofensiva, de tomar a iniciativa e de ser quen, colectivamente, de conquistar os obxectivos que permitan ter un futuro digno e na terra.

O futuro gáñase loitando!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario