20-N: a mocidade rebelde co BNG!

 

eleicons2.jpg

 O sistema está en crise. Non paran de repetilo as empresas, os gobernos e os medios de comunicación para xustificar as súas políticas. Para saír dela, os mesmos que a provocaron tentan convencernos de que debemos resignarnos a que as cousas se repartan así: “austeridade” para nós, millonarios beneficios para os poderosos. Recortes no ensino e na sanidade para as clases populares, evasión de impostos para as grandes empresas e os que máis teñen. Menos dereitos laborais e sociais para quen traballa, máis facilidades para despedir e baixar os salarios para a patronal.

O PSOE aplicou todas estas políticas nos últimos anos, os máis duros axustes sociais e laborais que se lembran. Privatizacións, recortes nos servizos públicos, reformas laborais en favor dos empresarios, rebaixa nas pensións, reducións salariais… O PP apoiou todas estas medidas (e aplicounas nos lugares en que goberna, como a Xunta de Galiza) ou calou ante elas, e agora está plenamente disposto a acabar o traballo xa comezado, exercendo igual de ben ou mellor aínda como obediente xestor dos ditados dos poderes económicos. A plena sintonía que demostraron aprobando da man a reforma da Constitución para satisfacer os mercados ilustra perfectamente que están perfectamente de acordo no fundamental, deixando de lado os matices: PP e PSOE gobernan para os ricos.

Non temos por que escoller entre o mal menor e o maior, entre a dereita a a extrema dereita. A mocidade traballadora e estudante que saiu ás rúas nos últimos meses a protestar en defensa dos seus dereitos ten que ir agora a votar en favor de opcións que os defendan. Os de arriba votan sempre polo seus e mobilízanse activamente para conservar o control do goberno, para que todo siga igual. Os de abaixo, que somos máis e temos a razón do noso lado, temos que mobilizarnos, pois a nosa pasividade é a principal baza coa que contan para derrotarnos.

Cúmpre pois apoiar tamén eleitoralmente a quen estivo na rúa en contra dos recortes sociais, a quen participou nas folgas xerais, a quen protestou contra as guerras imperialistas. Afortunadamente, non son todos iguais. Debemos apoiar a quen defende medidas como a creación dunha banca pública, o aumento de impostos aos máis ricos ou a conquista de dereitos laborais, salarios e pensións dignas. A quen defende o noso dereito de autodeterminación, porque somos unha nación que debe ser dona do seu futuro e que ten dereito a relacionarse en pé de igualdade co resto dos pobos.

Nuna situación como esta, de potente ofensiva do capital, é mais importante que nunca afortalar o BNG, contribuíndo a que no seu seo gañen máis peso as posicións soberanistas e revolucionarias como a nosa.

Por iso, o 20-N a mocidade rebelde tamén debe mobilizarse co voto, en apoio do nacionalismo de esquerda.

eleicons1.png

Descarga os nosos cartaces en pdf:

>Cartaz 1

>Cartaz 2

e descarga a nosa folla axitativa, “Rebater”:

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario