Afrontamos un proceso electoral, o do 20 de novembro, no que semella que todo está feito. Os mass media trasládannos unha campaña electoral presidencialista, na que só se decide se o presidente do Goberno do Estado é Rajoy ou Rubalcaba, e fálannos de cal dos dous vai contentar mellor os mercados, manter o Estado español no euro e flexibilizar o mercado laboral. Non nos falan, nin sequera nos medios públicos, dos problemas das persoas que sufrimos as desigualdades do sistema capitalista, de como van resolver o problema das persoas que están afogadas por unha hipoteca ou que perderon o seu emprego e non teñen prestación. En definitiva, do que está en xogo para as clases populares e para Galiza como pobo nestas eleccións.
Estamos nun momento no que o capitalismo, na súa máxima expresión –a doutrina neoliberal–, lanza unha ofensiva coa que pretende acentuar as desigualdades sociais, facendo máis ricos aos ricos e máis pobres aos pobres. Os sectores financeiros, a banca e as grandes fortunas reparten dividendos mentres nos pretenden convencer de que estamos en crise, que non podemos gastar tan irresponsabelmente e que temos que apertar o cinto.
Os poderes públicos, ante esta situación, entregan cartos públicos á banca privada para que equilibre as súas contas e introducen reformas nas normativas estatais para converter o capitalismo en lei. A Unión Europea saca a careta e impón medidas para beneficiar ao gran capital e acabar coas políticas sociais e cos servizos públicos, é dicir, cos dereitos sociais que adquiriu a cidadanía con moito esforzo ao longo do século pasado: o dereito a unha educación, a unha sanidade pública e a un seguro social público, e tamén os dereitos máis básicos dos/das traballadores/as.
A situación que se vive en Grecia, Irlanda ou Portugal -que tamén comeza a agromar no Estado Español- desvela que as medidas que se aplicaron por parte dos estados para a saída desa crise o que fixeron foi xustamente empobrecer as clases populares e beneficiar os que máis teñen. No noso caso foron especialmente efectivas esas medidas: mentres se sobe o IVE a toda a poboación por igual, abarátase o despedimento para os empresarios e desprotéxese a clase traballadora. Resultado: incremento espectacular do paro e dos expedientes de regulación de emprego (ERE), máis xente á rúa para que o capital siga a incrementar beneficios.
Así mesmo, a doutrina da “austeridade” e da redución do gasto público que se instaurou por parte dos poderes públicos, está a resultar nun ataque grave á democracia e aos nosos dereitos sociais. A Xunta do PP está a precarizar o ensino público e privatizar aos poucos a sanidade pública, impedindo o acceso universal a través de medidas como a Orde de 5 de setembro da Consellaría de Sanidade, que exclúe do dereito a atención sanitaria ás persoas sen recursos e parados sen prestación de desemprego.
A situación é máis grave nun país dependente e carente de soberanía como é o caso de Galiza, marxinada sucesivamente polas políticas que se deseñan na Unión Europea e que viñeron aplicando fielmente os gobernos do Estado español, foran gobernos da rosa (PSOE) ou da gaivota (PP), que desmantelaron os nosos sectores produtivos, a riqueza real deste país, que era a que lles permitía aos/ás galegos/as vivir e traballar na propia Terra.
Podemos citar a cota láctea e todo o que ten que ver coa Política Agraria Común, o veto á construción no sector naval galego e á produción de enerxía, ou o desmantelamento da meirande flota pesqueira de toda Europa como exemplos dos efectos que tiveron esas políticas, nas que Galiza non puido ter voz porque viñan deseñadas desde instancias nas que tiñamos a ninguén que nos representase.
Así pois, este 20 de novembro, as clases populares e Galiza como pobo xogámonos moito, e o que nós nos xogamos non ten que ver con quen goberna o Estado, senón coa capacidade real que teñamos para presionar ou condicionar as políticas que se fagan por medio dunha representación que signifique unha alternativa, unha alternativa de clase e unha alternativa soberanista, que defenda as maiorías sociais e o dereito de Galiza a decidir e a gobernarse por si propia.
Malia a complexidade do momento, non podemos caer no desánimo. Existe unha alternativa digna baseada en propostas reais, con tres ideas claras: cambio de sistema económico, soberanía e democracia. É a proposta que formula o nacionalismo de cara a estas eleccións xerais, proposta que se manifestan a través de políticas alternativas, dun programa que, a diferenza de PP e PSOE, é visíbel e críbel. O nacionalismo non agocha as súas propostas nin enuncia compromisos que, outrora, cando tivo a oportunidade, desatendeu. O nacionalismo é a chave, por iso o 20-N votaremos Bloque Nacionalista Galego (BNG).
O nacionalismo non fica impasíbel mentres os grandes poderes económicos dinamitan os nosos sectores produtivos. Os que durante anos defenderon e ampararon a especulación deron carta branca a un sistema neoliberal baseado na economía de casino, e para sustentar esa ficción derrubaron os nosos sectores pesqueiro, leiteiro, agro-gandeiro e naval. Fronte a isto, a aposta debe ser pola produción na terra, pola xeración de riqueza desde o traballo, non desde a especulación.
Tampouco podemos ollar para outro lado mentres os culpábeis da crise botan balóns fóra responsabilizando a outros das medidas ultraliberais implementadas, presentando o gasto público como cabeza de turco da crise económica. Recortando en Sanidade, Educación, Cultura… hipotecamos o futuro do noso pobo. A crise non foi consecuencia dun excesivo gasto público: non foi o investimento en Educación, cada vez máis baixo, o que sumiu ao mundo na bancarrota; pola contra, foron os mercados desregulados, a especulación, as receitas neoliberais.
Hoxe, cunha economía completamente estancada, cuns índices de paro desorbitados, con miles de familias sen sequera percibir o subsidio por desemprego, a dereita recorta no gasto social, afondando nas desigualdades e cargando nas costas das clases populares o peso dunha crise da que son vítimas.
Así acontece cando a maior presión fiscal é exercida sobre os que menos teñen, mentres as rendas máis altas viven a corpo de rei, contando mesmo con instrumentos xurídico-fiscais, como son as SICAV, para ter a bo recaudo as súas fortunas. O único xeito de acadarmos un sistema máis xusto é implementar políticas fiscais realmente progresivas, instaurando impostos directos que graven máis ás rendas máis altas, e non elevando os impostos indirectos, como acontece neste momento, que pagan por igual unha persoa desempregada e un grande empresario.
Debemos plantarlles cara a aqueles que, mediante drásticas reformas laborais, retallaron os dereitos que a clase traballadora conseguiu co esforzo e a loita de moitos anos. A flexibilización do emprego, o aumento da idade de xubilación, o fomento dos contratos precarios, os despedimentos masivos de empresas con beneficios autorizados polo Goberno a través de Expedientes de Regulación de Emprego… Estas son as agresións que hoxe sufrimos por parte do capital e de quen os serve. Podemos combatelas reclamando emprego digno na nosa Terra, exixindo uns dereitos que son nosos e que non precisamos recoñecemento dun Goberno para posuír.
Temos dereito a un traballo digno, a unha vivenda digna. A non vivir co medo de que o banco nos quite a casa porque perdemos o emprego e non puidemos facer fronte a un prazo da hipoteca. Hai alternativas aos desafiuzamentos masivos, á situación de milleiros de familias que non só perden a casa tras unha execución hipotecaria, senón que, despois desta, seguen a deberlle cartos ao banco. As alternativas presentáronse no Congreso dos Deputados: presentounas o Bloque Nacionalista Galego. As alternativas pasan pola modificación da lexislación hipotecaria para introducir a dación en pago, a moratoria nos prazos hipotecarios, a conversión das hipotecas en contratos de alugueiro con opción a compra. E esas alternativas foron rexeitadas tanto polo PP como polo PSOE.
Hoxe máis que nunca, é fundamental coñecer a situación na que se atopan milleiros de mozas e mozos que se ven na obriga de emigrar para atopar un futuro mellor; a situación en que se atopan milleiros de mulleres que sofren máis que ninguén a azouta da crise, as consecuencias deses recortes sociais; porque cando se recorta en axudas á dependencia, cando se recorta en educación, cando se eliminan centros de día… A estrutura da nosa sociedade obriga as mulleres a renunciaren a dereitos adquiridos: a abandonaren o seu posto de traballo e voltar ao fogar. Non podemos renunciar aos dereitos conquistados polo feminismo que a dereita quere arrebatarnos, como é o dereito a decidir sobre os nosos corpos, os nosos dereitos reprodutivos e sexuais.
Nestas eleccións, neste contexto, evidénciase a necesidade de podermos decidir para mudar o nefasto camiño que outros emprenderon por nós. Galiza debe ollar o futuro de fronte e sen complexos, exercendo o lexítimo dereito á autodeterminación, dereito que é símbolo da dignidade dos pobos e que onte e hoxe reivindicamos para nós con valentía e certeza, seguindo as palabras de Castelao: O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos.
O 20-N transformaremos en realidade o noso desexo dun sistema económico máis xusto, ao servizo da clase traballadora, e converteremos en feito a nosa loita por unha Galiza soberana, votando Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Laura Arjonilla e Antón Somoza, militantes do MGS, son candidatos ao Congreso polo BNG, nas provincias da Coruña e Lugo, respectivamente.