[23 de setembro] Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas

O sistema de clases, concretizado nesta etapa histórica en forma de capitalismo monopolista, situou historicamente á muller como reprodutora da forza de traballo, outorgándolle á sexualidade e ao noso desexo unha función mercantil. A comprensión da sexualidade feminina coma un obxecto a disposición do mercado acada a súa máxima expresión a través da trata e prostitución de mulleres, ambas actividades que negan a importancia do desexo e o noso poder sobre a nosa propia sexualidade. 

A eliminación total da prostitución, e polo tanto a conquista real sobre a nosa sexualidade, pasa pola eliminación de toda explotación e a creación dunhas condicións óptimas para a supervivencia, algo que como comunistas comprendemos que só se pode acadar a través da imposición do socialismo e a paulatina eliminación das clases sociais. Porén, debemos traballar no marco capitalista en prol de lograr as ferramentas que, aínda sendo insuficientes, favorezan a superación da prostitución, reclamando a posibilidade de acceso das persoas prostituídas e as súas crianzas a mecanismos de protección social (vivenda, saúde, escolarización, formación profesional…), creando o Estado programas de saída da prostitución que garantan ás mulleres a oportunidade de iniciar un novo proxecto de vida, libre de todo tipo de violencia. 

Do mesmo modo, aínda sendo conscientes de que a prostitución é un problema sistémico, é responsabilidade de todos os homes posicionarse fronte á violencia machista e o patriarcado, rexeitando de forma total o consumo de prostitución e evitando xustificarse a través do seu carácter global. Neste sentido, tamén ten unha gran relevancia a situación das mulleres non prostituídas fronte ao traballo sexual; cómpre evitar caer na dicotomía nai-puta que a moral capitalista e xudeocristiá nos impón, pola cal ás mulleres se nos clasifica como obxectos consumíbeis romanticamente e obxectos consumíbeis sexualmente, e que pode levar á sinalización dunhas (“putas”, consumíbeis, desexábeis, impuras) para lograr que se nos sitúe como as outras (“nais”, amábeis, idílicas, puras), rompendo os lazos de solidariedade e sororidade que posibilitan a existencia de redes de apoio, fundamentais para lograr a saída da prostitución e, sen as cales, se incide na marxinalización das mulleres en situación de prostitución. 

Rompemos así coas posicións simplistas asumidas na última década polos partidos oportunistas que, no extremo esquerdista apelan á abolición da prostitución no marco capitalista aínda sabendo que esta é un horizonte estratéxico só acadábel a través do socialismo e que, no extremo dereitista, da man do PSOE, abrazan o abolicionismo á vez que apostan por políticas prohibicionistas e punitivistas que rematan por criminalizar ás mulleres prostituídas e negan o papel que a raza ou a posición a respecto do sistema sexo-xénero xogan á hora de ser vítimas de trata ou verse, froito da precarización, obrigadas á prostitución.En definitiva, desde Isca! polo Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, subliñamos o feito de que a prostitución existirá mentres as condicións socioeconómicas ligadas á sociedade de clases existan, amosando a necesidade do socialismo para superar esta forma de violencia contra as mulleres. Porén, aínda comprendendo a imposibilidade de superar a prostitución a través da lexislación burguesa, apostamos por todas aquelas reformas o menos perxudiciais posíbeis para as mulleres prostituídas e, abrazamos de forma individual e colectiva, o confronto contra toda forma de violencia machista que incida na remarxinalización das mulleres prostituídas, facilitando así a construción dunha nova vida por parte das mesmas e a organización de todas como membros da nosa clase.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario