[24 de xullo] A mocidade galega pola independencia

mocidade2015Espazos de loita unitarios en chave soberanista e de esquerdas, sen máis límite que a lealdade e o respecto á pluralidade. Ese é o sentir común que as organizacións xuvenís e estudantís soberanistas tivemos desde que lanzamos a primeira das convocatorias unitarias xuvenís previas ao Día da Patria en 2013. Desde Isca! defendemos esa unidade para a construción dunha República Galega como ferramenta para a transformación social e a superación do capitalismo e de toda opresión.

Dous anos de exitosas convocatorias xuvenís que percorreron as rúas de Compostela onde centos de mozas e mozos galegos reclamamos o dereito a sermos un pobo libre e a vivirmos dignamente sen España, sen o capitalismo e sen o patriarcado. Impedir máis desemprego, deter a emigración, evitar a continua precarización do traballo, paralizar a mercantilización do ensino ou a sanidade, reivindicar os dereitos das mulleres e conquistar colectivamente a República Galega son unhas das múltiples razóns polas que a mocidade soberanista volve á rúa unida o vindeiro 24 de xullo nunha marcha, que presentamos publicamente no día de hoxe e que partirá ás 20h desde a Alameda. Somos oito as organizacións xuvenís e estudantis que impulsamos esta convocatoria, cuxo manifesto reproducimos a seguir:

Manifesto: A mocidade galega pola independencia. Venceremos nós!

Un ano máis, nós, a mocidade independentista e nacionalista da Galiza, entendemos a necesidade de saírmos á rúa, unidas, para manifestarmos a firme intención de construírmos a nosa propia liberdade, para nós e para a nosa nación. Contra todas as ferramentas que o Estado impuxo, fomos quen de amosar a fortaleza e o futuro dun pobo que non se rende, que se nega a ser preso deste cárcere de nacións asoballadas chamado España.

Por iso nós, mozas e mozos galegos, forza e parte de todo cambio social, rebelámonos contra esta realidade miserenta, damos un paso á fronte para construír xuntas ese soño da liberdade e chamamos á mocidade galega a unir voces nesta causa para que a nosa forza sexa hexemónica, para autoorganizarnos e avanzar no proceso de autodeterminación conquistando así a independencia da Galiza.

O Estado agrídenos e procura a eliminación do noso pobo para destruír así a nosa condición de nación. Intenta anularnos a nós, á mocidade, condenándonos á emigración, a engrosar as filas do seu exercito de parados ou a sufrir a explotación en traballos que apenas alcanzan para sobrevivir.

Entenderon que a única forma de acadaren unha asimilación absoluta é a destrución da nosa realidade diferenciada, por iso deixan morrer os nosos maiores e obrígannos a marchar a nós, ficando cada día un pouco máis ferida e baleira a nosa terra.

24XulloMocidadeAfondan día a día na explotación do noso país, extraendo todos os recursos primarios que precisen sen lles importar a destrución do noso medio, sen recordaren as catástrofes ecolóxicas que nos obrigaron e obrigarán a sufrir. Quítannos o noso e só nos dan a oportunidade de sobrevivir coas migallas que nos deixan.

Empregan a educación para asoballaren e destruíren o galego, convertendo, coas súas leis, a nosa cultura e a nosa identidade en elementos folclóricos para o deleite de turistas e políticos do réxime en días de festa, estigmatizando e impedindo o seu uso pola mocidade e nas cidades.

Atentan contra a nosa liberdade como mulleres ceibes de decidirmos sobre o noso corpo e a nosa vida, impondo unha lexislación patriarcal que nos obriga a servir como produtoras de man de obra barata que abasteza ao capital internacional.

Perseguen e criminalizan as protestas sociais nunha deriva autoritaria lexitimada formalmente a través de medidas como a “lei mordaza”, normalizan o secuestro e agresión a activistas coas súas forzas de ocupación, sumando este ano xa numerosas mozas detidas en mobilizacións estudantís e impactantes campañas represivas que se teñen saldado co encadeamento de militantes independentistas para as que reclamamos a fin da dispersión e a súa posta en liberdade!

Mais, malia o presente adverso, tamén existen probas patentes da nosa capacidade para combatermos as ofensivas do Estado e do capital: as loitas do sindicalismo nacional e de clase nos conflitos laborais e nos centros de traballo, do movemento estudantil contra a LOMCE, das mulleres contra a Lei do Aborto, dos movementos en defensa da nosa lingua e das plataformas de solidariedade. Nós, a mocidade consciente, debemos ser quen de nos pór á fronte das mesmas e entender a necesidade de as aglutinar e as entrelazar de cara á súa confluencia no movemento de liberación nacional. Por iso mesmo, chamamos á mocidade a acudir e secundar a mobilización que percorrerá as rúas de Compostela este 24 de xullo.

Estamos fartas de reaccionar fronte os ataques, de ser a constante voz da negativa e da resistencia. Asumimos a responsabilidade de sumar forzas para construción dunha alternativa á destrución da nosa nación, de afrontarmos con valentía o necesario empoderamento xuvenil que combine todos os elementos e ferramentas necesarias e existentes no noso país e que teña unha auténtica vontade por acadar o obxectivo estratéxico polo que leva loitando historicamente a esquerda nacional: A INDEPENDENCIA.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario