[24 xullo] A mocidade mantendo viva a Galiza. Independencia!

Após a exitosa convocatoria xuvenil unitaria que o pasado ano percorreu as rúas de Compostela na véspera do Día da Patria, onde centos de mozas e mozos galegos reclamamos o dereito a sermos un pobo libre e a vivirmos dignamente sen España, sen o capitalismo e sen o patriarcado, é un deber colectivo apostar de novo por crear espazos de loita unitarios en chave soberanista e de esquerda, como sempre apostamos desde Isca!

Impedir máis desemprego, deter a emigración, evitar a continua precarización do traballo, paralizar a mercantilización do ensino ou a sanidade, reivindicar os dereitos das mulleres e conquistar colectivamente a República Galega son unhas das múltiples razóns polas que, máis un ano, as rúas de Compostela serán tomadas pola mocidade nunha manifestación conxunta que terá lugar o vindeiro 24 de xullo e que partirá ás 20h desde a Alameda. Somos oito as organizacións xuvenís e estudantis que impulsamos esta convocatoria, cuxo manifesto reproducimos a seguir:

A mocidade mantendo viva a Galiza. Independencia!

O 24 de xullo de 2013, as mozas e mozos da esquerda nacionalista e independentista galega saiamos ás rúas na véspera do Día da Patria para manifestar unha clara e unánime vontade: a de sermos artífices do noso propio futuro, loitar e conquistar a independencia para o noso país.

E a pesar do silenciamento da prensa sistémica, non fomos ducias, senón centos as mozas que participamos dunha nutrida manifestación de rebeldía e orgullo xuvenil, unha manifestación de entusiasmo e alegría daquelas e aqueles que ansiamos unha Galiza soberana e con futuro.

Hoxe, só un ano despois daquela memorábel data para o movemento xuvenil galego, podemos afirmar sen ningún medo a equivocarnos que aínda contamos con máis razóns para saír ás rúas e reivindicar máis alto e con máis voces que España, o patriarcado e o capital son os peores inimigos da mocidade galega.

E é que desde o 24 de xullo de 2013 somos 27.000 mozas menos na Galiza; 27.000 mozas que fuxiron ao veren negado o acceso a un traballo digno na súa terra. En menos de 5 anos, perdemos 120.000 galegas de entre 15 e 30 anos, acelerándose traxicamente a grave crise demográfica que sofre o noso país.

O desemprego xuvenil aumentou un 35% e os nosos salarios e as condicións laborais empeoraron ao ritmo en que a UE, por medio da Troika, continuou impoñendo a aplicación de medidas destinadas a fomentar mobilidade e flexibilidade, isto é, emigración e precariedade laboral para a mocidade traballadora.

Non atopamos como independizarnos economicamente e abandonar a adolescencia alongada da cal nos culpan, mais en cuxa falta de autonomía xuvenil queren que vivamos. Apenas unha de cada cinco menores de 30 anos viven emancipadas, e baixando…

No último ano aprobouse unha lei que anula o dereito das mulleres a decidirmos sobre os nosos corpos, que clandestiniza o abordo e impón legalmente a maternidade.

7 mulleres foron asasinadas polo terrorismo machista.

A nosa lingua perdeu 25.000 falantes.

Aprobouse a elitista, españolista e machista LOMCE, un dos máis duros ataques contra o ensino galego e público dos últimos anos que afonda na persecución da nosa lingua nas aulas.

Coñecemos tamén a sentenza que deixaba impunes aos responsábeis da maior catástrofe ambiental que sufriu a Galiza, deixando claro o máis absoluto desprezo do capitalismo español por unha nación na que só ven recursos materiais e humanos que explotar a baixo custo para o seu beneficio. Desprezo polo noso pobo, que ficou claramente constatado cando a deficitaria seguranza e estado das infraestruturas de comunicación se saldou coa morte de ducias de persoas en Angrois nunha clara neglixencia ferroviaria pola que os responsábeis políticos aínda non responderon.

E asistimos a un progresivo aumento da represión contra os movementos sociais e a militancia independentista, que continua a sufrir persecución e intoxicación do aparello represivo español, así como a aplicación de medidas de excepción e formas de tortura ilegal como a dispersión penitenciaria contra as presas políticas galegas.

En síntese, en apenas un ano, vimos diante dos nosos ollos como as agresións do capital, España e o patriarcado se multiplicaron e se dirixiron certamente contra as mozas, contra as mulleres e contra o noso pobo.

Forzándonos a emigrar, condenándonos ao desemprego ou a precariedade laboral, prohibíndonos decidir sobre os nosos corpos, impedíndonos o acceso a un ensino galego, público e de calidade; degradando e minorizando a nosa lingua, facendo do noso país un inmenso territorio onde enriquecer empresas eólicas, hidráulicas, da minaría ou petroleiras que non serán punidas pola brutal destrución ecolóxica da que son responsábeis e, como non, perseguindo e castigando exemplarmente a quen ousamos erguer a voz.

Por todo isto nós, mozas galegas de 2014, afrontamos este 24 de xullo, véspera do Día da Patria, cargadas de argumentos para saír á rúa a manifestar que non estamos dispostas a que continúen a destruír o noso futuro, a nosa nación, as nosas vidas.

É por iso que a mocidade da esquerda nacionalista e independentista galega enviamos unha mensaxe urxente ao conxunto da mocidade do noso país, chamando a xuntarmos voces e forzas, a autoorganizarnos para avanzar no proceso de autodeterminación do noso pobo para unha necesaria república galega.

Con rebeldía e entusiasmo, crearemos un verdadeiro refacho de poder xuvenil que rachará coas cadeas do patriarcado, do capital e deste cárcere de pobos que é España.

Viva Galiza ceibe!
Independencia!

24 de xullo: manifestación nacional ás 20h desde a Alameda de Compostela

Convocan: Agir – AMI – Briga – Comités – Galiza Nova – Isca! – Liga Estudantil Galega – Xeira

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario