Cuarta edición da manifestación xuvenil unitaria pola independencia. Catro anos tecendo e creando espazos unitarios en chave soberanista e de esquerda, sen máis límite que a lealdade e o respecto á pluralidade. Catro anos de resposta xuvenil conxunta na defensa dunha República Galega como ferramenta para a transformación social, a superación do capitalismo e de toda opresión. A marcha partirá o 24 de xullo ás 20:00 horas desde a Alameda de Compostela.
Manifesto: Galiza somos nós!
Un ano máis a mocidade nacionalista e independentista galega convoca a manifestación unitaria do 24 de xullo, véspera do Día da Patria Galega. Esta unión non se debe a unha casualidade, nin a un mero xesto simbólico, é por que concordamos en que moitas cousas teñen que mudar para que a nosa nación, Galiza, saia adiante e o noso pobo teña unha vida digna. Porque é inxusto que nunha terra con enormes posibilidades como é Galiza, a mocidade estea obrigada a emigrar de forma masiva e sistemática, fuxindo dunha taxa de paro perto do 50%, da explotación e da precariedade laborais.
Esta emigración masiva está ben deseñada dende a estratexia capitalista, de España e a Unión Europea, de facernos ser a man de obra barata que sustente as grandes multinacionais. Estas que nos chucharán o sangue até deixarnos secas se non protestamos, se non alzamos a voz e denunciamos tratados inxustos e segredos coma o TTIP, se non nos concienciamos e loitamos, creando alternativas desde a base que fortalezan o proxecto soberanista, se non nos rebelamos e non cedemos ante o avance brutal do neoliberalismo, fase do imperialismo que cada vez está mais avanzada nos gobernos europeos e que ten como aliado fundamental a Unión Europea.
Esa mesma Unión Europea, que baixo a carauta de tentar facer esforzos para acoller refuxiadas, o único que fai é apoiar as guerras imperialistas e gobernos fascistas dos que foxen estas persoas. Guerras imperialistas, como a de Siria e gobernos fascistas como o de Ucraína posto a dedo pola UE. Mentres tanto, asasínase por omisión a todas as persoas que morren afogadas no Mediterráneo ou ás que son tratadas como mercadoría e explotadas polas mafias. Mais non só a UE é culpábel destes crimes, tamén ten parte da culpa do desmantelamento dos nosos servizos produtivos, entre outras moitas cousas, polo que estar fora desta, sería beneficioso é imprescindíbel para a supervivencia do pobo galego e un acto de solidariedade internacional.
Outro punto fundamental é a defensa da nosa lingua, polo tanto, da defensa de nós mesmas, da nosa forma de relacionarnos co mundo coas verbas que dende sempre o pobo galego utilizou para isto. Para loitar contras as agresións que sofre o noso idioma con leis españolizadoras coma a LOMCE, para que non nos poñan impedimentos cando queremos vivir nosa vida integramente en galego. Son e foron moitos golpes os que recibiu o noso idioma e o resultado é que hoxe xa somos unha minoría quen o falamos, minoría que se acentúa na mocidade, mais non nos calarán seguiremos con esta loita diaria sabendo que o contraataque é falalo, falalo ben, falalo moito e non permitir que se nos negue este dereito.
Tamén nos une a loita que afecta á metade da poboación mundial, a loita das mulleres. Queremos unha Galiza e un mundo na que todas as persoas sexan tratadas por igual. Que non se discrimine, que non se viole, que non se agrida, que non se menosprece, que non se subestime, que non se infravalore e que non se asasine a unha persoa simplemente por ser muller. Por que, cando nos tocan a unha tócanos a todas! Nós, temos o dereito de vivir en igualdade como o ten calquera persoa. Para relacionarnos con quen queiramos e da maneira que queiramos. A loita feminista vai da man da das liberdades sexuais, porque normalmente, os agresores e os intransixentes son os mesmos. Non permitiremos unha agresión máis, o movemento feminista e LGBTI+ están unidos, en pé e dispostos a defenderse.
Non estamos todas, faltan as presas! Non podemos deixar de lembrar que hoxe aquí falta xente, persoas que están na cadea por leis inxustas e represoras, leis que as dispersan e que non só as fan sufrir a elas, se non tamén a familiares e amizades. Esiximos que finalice esta situación e que volten para a casa. Denunciamos que estas leis están feitas a medida para encarcerar independentistas e para pisotear os dereitos do pobo galego. As mesmas leis xurdidas dende o Estado Español e que ilegalizan partidos coma Causa Galiza, que dan carta branca ás forzas represivas para que anulen calquera resposta do pobo, utilizando unha violencia desmesurada ou as leis que provocan unha sangría económica en organizacións rebeldes coa finalidade de anulalas.
Por todos estes motivos e por moitos máis, somos independentistas, porque todos os días o estado español e a Unión Europea nos demostran que o seu proxecto non é compatíbel co noso. Impóñennos industrias coma ENCE que contaminan a nosa ría e o noso monte por 60 anos máis, modelos de falsa reciclaxe coma SOGAMA ou a lei de acuicultura que é unha sentenza de morte para as nosas rías e os postos de traballo que de elas xorden. Ademais, vemos como tratan a outras nacións, que de forma democrática escolleron non seguir formando parte do estado español ou de outros, burlándose de elas, ridiculizándoas e utilizando todo tipo de estratexias para difamalas e calar a voz dos pobos.
Nós, a mocidade rebelde, non estaremos caladas nin paradas. Estaremos sempre atentas e en loita para defender a nosa terra e o noso pobo, erguendo unha Galiza superadora do capitalismo e patriarcado. Por iso chamamos a mocidade galega a continuar autoorganizándose, facendo así avanzar o proceso de autodeterminación do pobo galego cara á construción da República da Galiza. Por que Galiza somos nós!
Viva Galiza Ceibe!
Independencia!
Convocan: Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e Xeira.