[25 de xullo] Estamos construíndo a República Galega

patria10_1.jpg

Un ano máis, Isca! estivo presente na movilización nacional do Día da Patria agrupada nunha ampla comitiva encabezada por Galiza Nova e defendendo xunto a milleiros de galegos os nosos dereitos nacionais nun momento especialmente complexo polo contexto de crise económica, recortes sociais e reaxir do españolismo (como se comprobou co desenlace do Estatut catalán). Todo isto acrescentado polas actuacións do PP no goberno da Xunta encamiñadas á persecución da nosa lingua.

É por isto que o 25 de xullo deste ano presentouse como unha ocasión fundamental para amosarmos a forza do noso pobo e a vixencia do noso proxecto político desde coordenadas anticapitalistas e independentistas. Estas tiveron a súa expresión en forma de faixas coladas pola nosa militancia en diferentes lugares do percurso da manifestación, denunciando a situación de crise capitalista e pulando pola independencia e o socialismo, como se reflectiu tamén nas consignas berradas durante a mobilización.

patria10_3.jpg

A nosa organización estivo presente tamén no Festigal, onde contou cun posto de información e material compartido co Movemento Galego ao Socialismo e no que, ao igual que na manifestación, repartiuse o noso voceiro Combater e máis o colante editado para o propio 25 de xullo deste ano.

Un ano máis, aumentamos a nosa presenza no Día da Patria, catro anos despois da nosa primeira aparición, en 2006. Desta volta afortalados após a nosa última Asemblea Nacional, celebrada en marzo deste ano, onde nos reafirmamos no noso proxecto, hoxe máis vixente que nunca. Defendemos a inviavilidade do desenvolvemento do noso pobo no marco xurídico-político do Estado, así como a imposibilidade de acreditar nun sistema que oprime a nosa clase.

patria10_2.jpg

É por isto que convidamos a mocidade nacionalista galega a participar dunha alternativa que traballa no seo do BNG e de Galiza Nova con coherencia e sen complexos pola independencia e o socialismo, pola defensa intransixente da nosa lingua, polos dereitos das mulleres e da nosa clase. Hoxe, non cabe ningunha dúbida: con España non temos futuro. Cómpre traballar por unha República galega soberana e socialista.

A seguir podes ver unha galeria de imaxes da mobilización:

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario