[25-N] “Ana, te gusta chupar pollas” e a violencia cotiá

003Ana, te gusta chupar pollas”. Con esta relucinte mensaxe erguíase unha fachada en construción dunha desas tantas casas a medio facer que quedan nas aldeas de costa das Rías Baixas. Pouco sabían os especuladores urbanísticos que cos seus trapicheos ían dar pé a grandes espazos semiurbanos dispoñíbeis tanto para arte como para barbarie.

As letras eran inmensas e a pintura cheiraba a novo. Sendo, como era, unha aldea moi pequena, probabelmente a tal Ana vivise preto, mesmo fronte a ese enorme muro, e tamén probabelmente fose facilmente identificábel por toda a veciñanza.

Que tipo de individuo vai mercar pintura (polos trazos, non semellaba unha persoa afeita a facer pintadas, nin moito menos grafitti) e procura o momento para escribir tales cousas nunha parede expóndose a unha multa, unicamente por desquite? Mais se facemos memoria, de seguro que lembraremos cantidade de mensaxes destas características: en muros, en bancos, en portas de baños, de colexios, de portais. Este individuo non é un individuo illado. Forma parte de todo un sistema de violencia simbólica extrema. Violencia cotiá na que non reparamos demasiado.

Desde a nosa infancia estamos expostas a unha serie de mensaxes cunha alta carga de violencia patriarcal que, ao non se transferiren polas canles habituais ás que lles atribuímos competencias formais (o correo postal, o teléfono, e posteriormente o correo electrónico e as mensaxes instantáneas) non son tidas en conta nin polas estruturas legais ás que habitualmente se lles alertaría destes casos, nin por nós mesmas, mulleres de a pé que aprendemos a normalizar os “puta” escritos nos bancos dos parques de pequenas, os “zorra” das portas dos baños da biblioteca, os penes pintados, con máis ou menos realismo á entrada dos institutos. Por pura supervivencia.

O preocupante deste tipo de mensaxes é precisamente a súa deslexitimación como violencia explícita (mesmo tendo destinatarias ás que se dirixen con nomes; en ocasións até apelidos) e a súa cimentación en dúas estratexias base do heteropatriarcado:

019En primeiro lugar, este tipo de mensaxes levan implícito que cando unha muller fai uso da súa sexualidade con liberdade debería sentir vergoña. Recae por tanto nunha contradición moi típica do heteropatriarcado: a que por unha parte nos quere hipersexualizadas (entendendo esa hipersexualización como un obxecto do seu consumo e coas súas propias regras, que obedecen a criterios claros de orientación sexual, estética e xerarquía das relacións, entre outras) e por outra parte nos fai sentir culpabilidade por gozar desa mesma sexualidade, en especial cando non cumpre as normas anteriormente comentadas. Prodúcese, daquela, unha situación na que faga o que faga a muller sempre vai ser obxecto de culpabilidade e vergoña: ben por non cumprir as regras de sexualización que o heteropatriarcado lle impón, ben por levalas a cabo.

Lévanos isto directamente á segunda estratexia de dominación implícita nestas mensaxes: o castigo. A muller culpábel, dentro desta lóxica, merece ser castigada polo heteropatriarcado. A idea do castigo, que alude directamente a unha situación de dominio por parte do home, é subxacente a todas as agresións machistas: desde a violación até o coñecido como mansplaining. O home, amparado ademais co anonimato, exerce a súa autoridade castigando á muller xa non só co seu propio discurso senón coa súa publicación. Un muro no centro dunha aldea non é só un xuízo desagradábel, cruel e ameazante: é puro escarnio público. Esa mensaxe será lida pola familia da vítima, polas súas veciñas, amigas e coñecidas, reproducindo un patrón existente desde os albores da humanidade. Un “puta” no medio da aldea é a fogueira na praza pública da idade contemporánea; é unha etiqueta vistosa que non só pretende expresar a súa rabia senón compartir o exercicio do castigo con toda a sociedade.

018E aí é onde entra o preocupante. Mentres a mera existencia dunha muller libre, que se relaciona, que deixa de relacionarse, que exerce as súas prerrogativas e toma as súas decisións siga sendo obxecto de vergoña social, unha pintada que diga “puta” vai seguir sendo un castigo. Mentres a sociedade non tome conciencia de que non debería existir pudor algún en que ninguén leve a cabo as prácticas sexuais que lle dea a gana ou non, esta pintada vai seguir representando unha afronta. E peor aínda, unha afronta simbólica na que a vítima é ameazada e subxugada polo rexeitamento público pero non pode denunciar tal vexación ao non ser considerada unha agresión explícita da que pode probar a súa autoría.

E así Ana, Paula, María, Andrea, Rosa, Manuela, ti mesma. Até as aldeas, as vilas e as cidades onde vivimos ou pretendemos vivir exercen violencia contra nós. Unha violencia amparada na lexitimación social de todos os axentes que non rexeitan as formas de dominación simbólica que constitúen a base do iceberg que leva, no último extremo, a eses asasinatos machistas que tanta rabia e conmoción nos producen como sociedade. Mentres a vergoña e o castigo non recaian no agresor, no individuo a quen se lle ocorre ir mercar un bote de pintura e enzoufar un muro da súa vila cunha mensaxe como esta porque decide que pode dominar a unha muller; mentres non sexa a el a quen se dirixan as olladas de esguello, os murmuros, os insultos, as burlas e humillacións por Whatsapp, os acosos e a vergoña da súa familia e amigas; mentres iso non aconteza, teremos que seguir, con cada ano máis vítimas ás nosas costas, conmemorando unha data tan funesta como o 25N.

.

>> Escolma das centos de pintadas violentas que podemos atopar.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario