Todos os anos, cando se achega o 25 de novembro, ollamos centos de campañas contra a violencia de xénero. As empresas colocan cartaces nas súas portas, coa cara amoratada de mulleres agredidas, malia que o dia anterior despediran a unha traballadora por ficar embarazada, malia que paguen ás súas empregadas con salarios inferiores aos dos seus compañeiros varóns. As universidades entregan dípticos ao seu alumnado, malia que nesas mesmas aulas se soterre a pegada histórica das mulleres nas ciencias, no dereito, na literatura, nas artes. Nos colexios e institutos realízanse actividades de concienciación das crianzas, malia que, entre os libros recomendados para o fomento da lectura adolescente, figuren sagas que presentan ás rapazas como sumisas e necesitadas de protección. Nas tendas de roupa tamén hai cartelería que chama ás mulleres agredidas a se rebelaren, a denunciar a súa situación, mais detrás do cartaz colado no cristal hai un maniquí escuálido e sen rostro, que simboliza a muller que debemos ser.
O 25 de novembro alzamos a voz contra a violencia machista. Digámolo claro: contra o terrorismo patriarcal. Pero non abonda. A violencia de xénero vai alén dos golpes, das palizas e os ollos morados. Vai alén das humillacións, dos insultos e as vexacións. Violencia de xénero son tamén as agresións sexuais de quen pensan que manter unha relación afectiva cunha muller lles outorga dereitos sobre o corpo e o desexo dela. Violencia de xénero é a concepción da nosa sexualidade como un instrumento para a reproducción, sobre o que todo o mundo pode opinar e decidir, agás nós. Violencia de xénero é o ideal estético que destrúe as vidas de milleiros de rapazas novas, facéndolles crer que a súa felicidade depende da súa apariencia exterior. É violencia tamén cando nos obrigan a nos sentir incluidas ao falar de “todos”, de “compañeiros”, de “alumnos”, de “traballadores”. Existimos, e quen nos soterra baixo a excusa da linguaxe tamén exerce violencia sobre nós. Violencia de xénero, terrorismo machista é o emprego da violación como arma de guerra en todos os conflitos bélicos do mundo, son os feminicidios ocultos mediáticamente, é o despedimento da traballadora Nélida Pisco, son as declaracións do ex deputado do Partido Popular Castelao Bragaña, son as leis que prohíben o noso dereito a dispor da nosa maternidade, son as normas sociais que só nos queren sumisas.
Por iso a loita contra a violencia machista non pode ficar nunha data. É moito o camiño que fica por andar, pero maior é a forza que nos impulsa a seguir loitando, este 25 de novembro e os restantes días que virán, para construir as armas que nos permitan derrubar o sistema patriarcal e vivir todas en liberdade.