6-D: Pola Autodeterminación. Non á Constitución Española

A continuación transcrebemos o comunicado de Causa Galiza para o día 6 de Decembro, entidade autodeterminista da cual formamos parte:

O movemento polos dereitos nacionais galegos precisa rearticular-se e rearmar-se. A chamada “corrección política” ten expulsado o exercicio dos dereitos colectivos fóra do cadro xurídico-político, fóra da actualidade do debate social e fóra dos medios de comunicación masiva.

Os grandes poderes económicos e políticos actuantes na Galiza seguen na posición de sempre: son inimigos da soberanía galega porque a decisión do noso pobo sobre os seus destinos colectivos poderia estragar os seus plans da desfeita: privatización do territorio, turistificación, recurte de dereitos dos traballadores e traballadoras e economía do tixolo. A dia de hoxe a grande prensa empresarial é unha portavocia obediente dos conglomerados industriais, as promotoras e as transnacionais da enerxía.

cartaz causa galizaTodos os partidos institucionais sen excepción, tamén están interesados en marxinalizar a esixencia autodeterminista: viven en exclusiva para xeriren un modelo territorial e sócio-económico que consideran indiscutíbel, expremindo os seus máximos beneficios para manter os profesionais da política. A galeguidade non é para eles a defensa dunha identidade agredida e/ou dun proxecto de poder popular, senón un verniz sentimental para consolidar os seus postos e aderezar os seus negocios. Baixo o goberno destas estruturas incontestadas, oficializa-se o mercadeo e a imaxe, a cousa pública eleva-se a dedicación privada, expande-se o xogo de favores e a xestión da miseria, e a crítica radical risca-se de inoportuna e molesta. Nunca na nosa historia a palabra política estivo tan deslexitimada, e nunca foi tan preciso revitalizar, no traballo e na rua, o sentido emancipador da causa galega. Se non fosse asi, ante un panorama xeralizado de agresión sen resposta, as maiorias sociais instalarán-se de vez na desidia.

O españolismo, a través dos seus dous grandes partidos, non abandoa xamais a sua soberba. Reafirma-se na sua trincheira constitucional e, coa boca grande, di ás nacións non españolas que non cede no seu dereito de conquista: o monarca non se pode cuestionar, a autodeterminación é ilegal e mesmo toda reforma estatutaria pasa finalmente pola peneira de Madrid, os tribunais de excepción manteñen-se activos, e @s independentistas son xulgados pola audiencia nacional, ao ditado do executivo e das suas conveniencias conxunturais. En contraposición, @s autonomistas e nacionalistas mornos falan coa boca pequena, tatexan reivindicacións mínimas, e peden un chisco de tacto na sua procura de cota eleitoral. Mais xa pasou a etapa das concesións aparentes, e a hispanidade “plural” do goberno de hoxe converxe, no fondo, co modelo que a extrema dereita ven promocionando.

Causa Galiza rexeita a constitución española do 78 xurdida da reforma do réxime franquista, que é o cadro xurídico, político e administrativo para a opresión da Galiza, a explotación da clase traballadora, e a que prohibe expresamente o exercicio do dereito de autodeterminación e é garante da “Unidade de España”.

Causa Galiza considera que a reivindicación do dereito de autodeterminación virá da man da loita do pobo traballador dunha óptica de esquerdas, asi pretendemos que a reivindicación autodeterminista atinxa maior profundidade e dimensión: para iso ten que ligar-se con tantos conflictos parciais que se libran no País, e chamamos a participar da manifestación de 6-D ás organizacións sociais, políticas e sindicais que defenden o dereito dun pobo a decidir.

Causa Galiza insiste en pór de novo a rivindicación elemental da soberanía galega, sen ceder nen un milímetro na esixencia de autodeterminación como única garantia democrática fronte á imposición constitucional. Neste dia da constitución española, queremos insistir na vixencia da nosa loita, somando-nos a todos aqueles e aquelas que exercen os seus dereitos dia a dia loitando contra as agresións imperialista, sen renunciar á rua como escenario fundamental de acción social e política.

Esta iniciativa quere contribuir a erguer un espazo polo soberanía plena que dé eco ás loitas que articulan as xentes auto-organizadas en todos os campos da vida.

Na Galiza, 6 de decembro de 2007

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario