6 de decembro. Con España non temos futuro!

Cada 6 de decembro asistimos á ladaíña imposta da conmemoración da Constitución Española, herdeira directa do réxime franquista anterior que naceu como remate á denominada transición. Consagrou a reforma do franquismo, que non ruptura, conseguindo que os mesmos que ostentaron o poder sempre non o perderan, sendo vendido isto como unha nova e avanzada democracia.

Galiza é unha nación dependente e empobrecida no económico, no político e no cultural, sen soberanía nin poder de decisión baixo políticas españolizadoras, negadoras e centralistas que teñen como fin a nosa completa destrución como pobo e que abranguen todo o que nos rodea, desde o modelo e os contidos do ensino até a prohibición de vivir dos nosos sectores produtivos. O marco constitucional actual dá forma a esa discriminación e a esa negación, por iso o rexeitamos: non temos nada que celebrar.

Unha constitución que prohibe expresamente o exercicio da autodeterminación, negando os dereitos dos pobos a elixir libremente o seu futuro, e é o garante da “Unidade de España“. A celebración dunha consulta popular onde se expresase a vontade política do pobo catalán sobre o encaixe territorial do seu país foi prohibida en varias ocasións polo Tribunal Constitucional. E prohíbese porque o proceso soberanista catalán é hoxe a maior ameaza para a estabilidade do réxime español e o sistema que sustenta, pois aspira a tronzar ese “consenso constitucional“. Esa constitución que chega a reflectir como deber das Forzas Armadas o de manter a indivisibilidade do Estado.

Unha Constitución que nos impón a obriga de coñecer o castelán mais non o de coñecer o galego, en situación de exterminio xeralizado cunha merma de falantes moi aguda. Unha Constitución que blindou a xefatura do estado a unha figura de plena confianza de Franco e que xurou nas cortes os principos do “movimiento nacional“. Unha vez abdicado Juan Carlos I este mesmo ano, o poder pasou de xeito directo e sen consulta popular ao seu fillo, Felipe VI, nunha rápida e opaca coroación. Ao final, nada cambia.

Unha constitución que non só non nos ofrece solucións fronte a actual crise económica senon que foi reformada de xeito fulminante e sen debate de ningún tipo para consagrar o pago da débeda aos bancos (que pasa a ser a prioridade das administracións públicas, quitándolla aos servizos públicos, sanidade, educación ou pensións).

Rachar coa constitución, co réxime capitalista español é a única saída para conseguir ter un futuro digno na nosa terra. Entendemos a soberanía e a independencia como a vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistemica diferente puidendo construir un sistema que transorme de raíz o paradigma económico e social, o socialismo. A conquista dunha República Galega plenamente soberana que enfronte os monopolios e que rache de xeito unilateral coas estruturas imperialistas das que fai hoxe parte o Estado Español como a NATO, o FMI ou a UE.

Como resposta á conmemoración do aniversario da Constitución Española que ten lugar cada 6 de decembro, Isca! decidiu reeditar unha campaña de denuncia da mesma, en canto que supón a maior plamación legal da negación dos nosos dereitos nacionais.

.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario