[8 de marzo] Mobilización até que todas sexamos libres

Son diversas as versións sobre a orixe da celebración do 8 de marzo, mais todas teñen algo en común: no comezo do século XX, mulleres traballadoras toman conciencia da súa condición e rebélanse. Na Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas establécese o Día Internacional da Muller, que a partir dese momento celebrará a esquerda internacional. Non será até 1975 que os organismos europeos marquen a data no almanaque.

Co paso do tempo, os poderes do sistema encargáronse de eliminar a reivindicación de clase nesta data e convertela nunha homenaxe case folclórica ás mulleres. Son moitas as institucións e os medios que celebran o día da muller reproducindo conductas patriarcais e esquecendo as reivindicacións que orixinaron o sinalamento da data. É necesario poñer en valor o significado orixinario da data nestes tempos nos que a alianza entre patriarcado e capital exprímenos inmesurabelmente.

As mulleres enfrontámonos ás maiores taxas de paro, a uns empregos de peor calidade e maior temporalidade, a uns salarios máis baixos nos sectores menos valorados, á maior dificultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral; e, ademais, somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo doméstica ou os coidados, nun sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.

Temos de enfrontarnos á precariedade laboral, salarial e social cinguíndonos ás esixencias dun sistema que nos infravalora e nos mina a propia autoestima; que nos impón uns cánones de beleza e nos esixe ser obxectos sexuais ou nais adicadas, felices sempre ao servizo dos demáis. Un sistema para o que os nosos corpos son mercadoría, para consumo sexual ou para subrogar a maternidade.

O patriarcado e o capital están detrás de cada feminicidio. Están detrás da pobreza á que moitas nos vemos abocadas. Exercen unha violencia cotiá e en moitos casos invisible que soportamos sobre os nosos ombreiros. As mulleres queremos rachar con eso.

Dende isca! avogamos pola construción dun novo sistema ao servizo do pobo e non dos mercados; en base á igualdade e aos dereitos, xusto e solidario, libre de dominacións e exclusións. Seguindo o exemplo das predecesoras, celebremos todas esas mulleres que hoxe en día continúan a loitar pola igualdade, pola xustiza social e polo orgullo de ser mulleres, galegas e traballadoras.

Por todo o dito o vindeiro domingo día 5 de febreiro participaremos na manifestación nacional ampla e unitaria do feminismo galego que sairá desde o Hórreo (diante da estación de tren) ás 12:00 horas.

Avante a loita feminista!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario