[8 de Marzo] Xuntas construíndo feminismo

8marzo2016_iscafeminismoExisten diversas versións sobre o 8 de marzo. A máis coñecida é a dun incendio ocorrido nunha fábrica téxtil en Nova Iorque, onde terían morto queimadas as obreiras que facían unha folga. Foi no 1910 cando se realizou a Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas onde se propuxo estabelecer un Día Internacional da Muller, por iniciativa de Clara Zetkin, unha das figuras máis destacadas no movemento socialista e feminista internacional.

O 8 de marzo de 1917 as mulleres de San Petersburgo realizaron unha marcha na que reclamaban pan e o regreso dos combatentes da Primeira Guerra Mundial. Á marcha uníronselles obreiros e estudantes. A partir de entón, o 8 de marzo quedou fixado como o Día Internacional da Muller Comunista en todos os países da órbita socialista. No resto do mundo, os partidos comunistas foron os que promoveron a instauración desta data.

Este é un día máis de loita no que reafirmamos o noso repudio a este sistema responsábel da crise económica que as mulleres afrontamos desde a vulnerabilidade na que a precariedade laboral, salarial e social nos sitúa.

Porque tamén a crise fai distinción entre homes e mulleres, sendo as mulleres as que nos temos que enfrontar ás maiores taxas de paro, a uns empregos de peor calidade e maior temporalidade, a uns salarios máis baixos, en sectores menos valorados, con maior dificultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral; e, ademais, somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo no fogar, estando –no mellor dos casos- sometidas a un sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.

As mulleres queremos construír dende o feminismo unha alternativa a este sistema para poñelo ao servizo das persoas e non dos mercados. Defendendo os dereitos hoxe en retroceso, desde a rebeldía e co compromiso de continuar o camiño que no seu dia iniciaron as nosas predecesoras revolucionarias. Por iso desde Isca! seguiremos fortalecendo a mobilización social e o protagonismo que as mulleres deben ter na construción dun país igualitario, xusto e solidario, libre de dominacións e exclusións.

Contra a precariedade á que nos somete o sistema capitalista e o Estado Español, celebremos todas esas mulleres que hoxe en día continúan a loitar pola igualdade, pola xustiza social e polo orgullo de ser mulleres, galegas e traballadoras.

Avante a loita feminista!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario