A CIG ven de lanzar unha campaña chamando ao estudantado a mobilizarse contra os recortes no ensino e a suba das taxas saíndo à rúa no 1º de maio. Este é o texto da propaganda que a central sindical nacionalista está a difundir:
Recortes no ensino / suba das taxas
O PP QUERE UNHA UNIVERSIDADE SÓ PARA OS RICOS
En pouco máis de 100 días de desgoberno, o PP está protagonizando o maior ataque contra os dereitos e garantías da inmensa maioría da poboación, a clase traballadora. A resposta do PP ao éxito rotundo da folga xeral do pasado 29 de marzo non é a rectificación senón continuar destruíndo dereitos e recortando o gasto público social, o que profundizará a recesión económica e o noso empobrecemento.
Os Orzamentos Xerais do Estado impoñen un recorte superior a 800 millóns de euros no ensino público. Para aplicar este ataque salvaxe contra o noso dereito, o PP aumenta o ratio de alumnado por aula, despedirá miles de profesoras/es e autoriza unha suba dos prezos das matrículas universitarias.
As familias terán que pagar até un 66% máis para mandar as súas fillas e fillos á Universidade o que, na práctica, pode significar un incremento superior aos 540 €. Estamos ante a maior suba de taxas da historia e o ataque máis brutal, desde o franquismo, contra o carácter público e universal do ensino.
Cantos traballadores e traballadoras van ter un incremento do seu salario de 540 €? A maioría absolutista de Mariano Rajoy pretende expulsar da Universidade as fillas e fillos da clase traballadora para que o ensino volva ser un privilexio dos ricos e non un dereito de todas e todos.
Ao mesmo tempo que recorta brutalmente o gasto no ensino público, a dereita continúa subvencionando aos seus amigos e aos ricos. A Igrexa Católica recibirá como mínimo 11.000 millóns de euros dos orzamentos do Estado, seguiremos pagando as cacerías e excesos da monarquía e as axudas públicas a banca privada superan os 2 billóns de euros desde que comezou a crise.
Os recortes anunciados no ensino son alarmantes e intolerábeis, non podemos permitir que destrúan o froito da loita de xeracións de traballadoras e traballadores que o arriscaron todo para conquerir un mundo mellor.
1º de maio, todos e todas á rúa en defensa dos nosos dereitos
Non á ditadura do capital