A CIG valora positivamente a decisión da Xunta de apostar pola galeguidade das caixas, pero advirte que vixiará todo o proceso

No escenario no cal as presión do Banco de España, o PP e o PSOE teñen situado ás caixas galegas a respecto de acudir a fusións ou constitucións de SIP con entidades de fóra, a decisión anunciada pola Xunta de Galiza esta mesma mañá apostando por garantir a galeguidade das dúas caixas vía fusión das mesmas, semella a opción máis favorábel dende o punto de vista de País, na medida en que permite garantir o control do aforro que se canaliza a través das caixas, así como dende o punto de vista do mantemento do emprego da propia entidade resultante, posto que unha fusión foránea implicaría unha perda moi superior de postos de traballo.

Non obstante, a Confederación Intersindical Galega critica que a proposta da Xunta destinada a realizar auditorías externas independentes de cada unha das entidades para coñecer a súa situación patrimonial e financeira real non se tivese realizado con anterioridade. Unha análise destas características tería permitido avaliar con maior obxectividade as posíbeis alternativas e mesmo coñecer a viabilidade das dúas caixas por separado.

Dende a CIG tamén se advirte do rexeitamento e oposición a calquera medida traumática que se tome a respecto do mantemento do emprego, avogando pola amortización dos postos de traballo a través dun procedemento de prexubilacións pactadas e en todo caso, esixirá que este proceso de fusión vaia acompañado dun debate coas organizacións sindicais sobre cal debe ser o cadro de persoal necesario desa entidade futura para dar un bo servizo á sociedade galega. En función disto, decidir que número de postos habería que amortizar, sempre recorrendo a vía da prexubilación e non a medidas traumáticas.

Debate da nova Lei de Caixas

A pesar da decisión anunciada hoxe pola Xunta, aínda queda pendente outra cuestión de vital relevancia para o futuro das caixas de aforros e do País: o debate sobre a nova lei de caixas no Parlamento galego. Este debate será determinante para coñecer os posicionamentos de todas as forzas políticas respecto de temas determinantes como son a composición dos Consellos de Administración para que sexan realmente representativos das forzas sociais e políticas da sociedade galega; a garantía de veto da Xunta ante calquera proceso, presente ou futuro, de fusión ou constitución de SIP; e a garantía da xestión dos recursos controlados polas caixas en función das necesidades do tecido produtivo de Galiza e non atendendo a criterios e intereses especulativos, tal e como aconteceu nos últimos tempos.

Neste debate, para a CIG resulta tamén importante esixir responsabilidades á actual directiva de Caixa Galicia e Caixanova, pois a xestión levada a cabo en nada beneficiou á situación patrimonial das dúas entidades.

Manifestación de delegados/as o venres

A central mantén a manifestación nacional de delegados e delegadas deste venres 4 de decembro en Compostela, para esixir garantías en todo o proceso de fusión, reclamar aos Consellos Administración que aclaren a súa posición a respecto do mantemento do carácter galego das entidades así como dos centros de decisión en Galiza, e solicitar un pulo no debate no Parlamento da Lei de Caixas.

Orixinal no web da CIG

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario