Asistimos a un ruído mediático enxordecedor. Todos os mass-media no noso contexto repiten o mesmo relato intoxicador: a Ucraína é un país «democrático» (e Zelensky un «heroe libertador») que se ve atacada polo «tiránico» e «incivilizado» veciño ruso, dirixido polo «psicópata» Putin. E claro, os países imperialistas occidentais e as súas alianzas axudan ao «civilizado» a defenderse do «bárbaro». Esa é a propaganda diaria, e quen ouse separarse minimamente dela é censurado e criminalizado. Deste xeito, mediante a deshumanización do inimigo, procuran lexitimar socialmente medidas como o envío de armas ou o aumento do gasto militar. A raíz do problema permanece agochada, pois nada se fala da permanente expansión da OTAN cara ao leste europeo (cercando militarmente a Rusia) ou do Maidán que elevou aos fascistas ao poder na Ucraína, seguindo a tutelaxe dos Estados Unidos, a UE e a OTAN, masacrando a poboación do Donbass durante oito anos e ilegalizando calquera opción disidente. Sen avalarmos a intervención rusa, cómpre achegar ferramentas de análise que superen o irracionalismo e o supremacismo occidental da ideoloxía dominante, así como tirar conclusións que axuden á praxe no noso marco nacional concreto.
Para comprendermos mellor os conflitos internacionais, debemos ter unhas mínimas nocións sobre o que é o imperialismo. O imperialismo non equivale a expansionismo militar ou militarismo (aínda que este poida ser un elemento a ter en conta) senón que é a fase superior do capitalismo, produto da tendencia á concentración e centralización de capitais coa formación dos monopolios, na que o capital financeiro exerce un peso determinante. Nese sentido, debemos entender o imperialismo como un sistema mundial de dominación dos monopolios capitalistas, en que os países centrais comandan o proceso de acumulación capitalista, garantindo as condicións políticas, ideolóxicas, culturais, militares ou institucionais da reprodución do capital a escala planetaria, así como o seu propio papel dominante na división internacional do traballo. Os países imperialistas son formacións sociais especificamente voltadas para a exportación de capitais, así como de produtos de alto valor engadido, en contraposición aos países periféricos, cuxo papel na división internacional do traballo está centrado na exportación de materias primas e no fornecemento de man de obra barata e sobre-explotada para o lucro das burguesías imperialistas.
Un aspecto fundamental é a organización de asociacións monopolistas e imperialistas internacionais, como a UE, a OTAN, o FMI ou o Banco Mundial, que conforman unha entente imperialista mundial baixo comando dos Estados Unidos. Estas asociacións exercen como os principais axentes da contra-revolución a nivel mundial e de negación da soberanía dos pobos, nomeadamente disciplinando a periferia, actuando a través da imposición dunha axenda económica ao servizo dos monopolios, o control monetario, o saqueo e a dependencia comercial das periferias (obrigadas a comerciar en exclusividade cos centros imperialistas) así como as sancións, bloqueos, golpismo e accións desestabilizadoras contra aqueles países periféricos que cuestionan a dominación imperialista. Dentro deste esquema, a OTAN é o brazo armado do imperialismo internacional, cun longo historial de agresións imperialistas (Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Libia, Siria, etc.) ao que hai que sumarlle a súa permanente expansión cara o leste europeo e a súa responsabilidade central no que está a pasar na Ucraína. Polo tanto, fica ben claro que a crenza en que a OTAN é unha alianza «defensiva» é unha intoxicación froito da propaganda imperialista; moi polo contrario, é o principal inimigo da paz mundial.
Nun contexto como o actual, caracterizado polas recorrentes crises capitalistas, para facerlle fronte á tendencia decrecente da taxa de lucro, o capital precisa concebir novas fontes de valorización ou ampliar as xa existentes. No plano interno, isto tradúcese na agudización da precarización das condicións de vida e traballo das explotadas, proceso no que a chamada «uberización da economía» está a ter un papel protagonista. A nivel internacional, os centros imperialistas intensifican a ofensiva polo dominio e depredación dos mercados exteriores, así como tamén (e con especial mención para os Estados Unidos) engordan o seu complexo militar-industrial. Temos diferentes exemplos disto nos últimos tempos: o cerco atlantista contra Rusia (procurando a entrada da Ucraína na OTAN, mais tamén de Suecia e Finlandia), as ameazas contra a soberanía chinesa usando ao Taiwán como satélite, a cuestión africana co crecente protagonismo do Estado español ou a agresión estadounidense contra Somalia. Porén, a prepotencia imperialista contrasta cunha realidade mundial na que un número cada vez maior de países periféricos semellan procurar camiños para un avance non subordinado aos países centrais, nomeadamente os Estados Unidos.
Neste contexto, a cuestión ideolóxica é fundamental, pois á clásica colonización mental promovida polo imperialismo súmase agora a vaga de propaganda e intoxicación citada anteriormente. Por iso, a xusta demanda da paz e contra a guerra debe ir sempre acompañada do confronto contra o Estado español e as asociacións imperialistas internacionais nas que participa (particularmente a UE e a OTAN), que é a tarefa principal no noso marco nacional concreto, sen cesións de ningún tipo na batalla ideolóxica. Agora que os axentes da oligarquía española erguen a bandeira da rusofobia para a construción do inimigo externo, procurando o disciplinamento das masas e a paz social ao servizo da orde dominante, é preciso agudizarmos os antagonismos no canto de suavizalos. Nese sentido, diante das brutais agresións antipopulares, cómpre sinalarmos abertamente a quen nos condena á miseria, nun proceso de pauperización masiva cuxo responsábel non é Putin, senón o capitalismo, agravado no noso caso por sermos unha nación dependente. Aliás, as medidas de guerra en forma de sancións contra Rusia, no marco dos plans agresivos da OTAN, quen as vai pagar imos ser nós, posto que nos enfrontamos a un panorama de inseguranza alimentar, escaseza de produtos básicos, especulación e prezos polas nubes, precariedade vital, sobre-explotación laboral, etc. Factores que nalgúns casos xa estaban presentes antes da intervención rusa.
Fronte a este horizonte distópico, é preciso situármonos no centro a cuestión do poder político porque, como dicía Lenin, «agás o poder, todo é ilusión». A vía para exercelo nunha nación asoballada como a nosa é a ruptura co Estado español e outras alianzas imperialistas como a UE e a OTAN, mediante a construción dunha República galega independente ao servizo do pobo traballador, que é o noso mellor contributivo para o debilitamento do sistema imperialista mundial. Baixo ese prisma é onde se atopa encadrado o internacionalismo e o anti-imperialismo no noso país, como parte integrante da loita pola liberación nacional de clase. Sempre coa perspectiva de que non é posíbel voltarmos a un capitalismo pre-monopolista ou pre-imperialista (pois o imperialismo non é máis que a fase superior do capitalismo) e que o socialismo-comunismo é a verdadeira alternativa para a salvación da humanidade.