[A Coruña] Queres mudar a realidade?

O sistema quere que nos resignemos e que fiquemos domesticadas e pasivas. Que pensemos que nada se pode facer para cambiar o estado das cousas, e que esta realidade é a única posíbel. Cando non é así, usan a represión e o medo co mesmo obxectivo, desmobilizarnos xusto nun momento en é mais necesario que nunca organizarse e loitar.

A mocidade galega comeza a ser cada vez máis consciente de que están a roubar o seu futuro. Non hai emprego e o pouco que hai é precario e en condicións de explotación extrema. Obríngannos a emigrar. A vivenda cada vez é máis un luxo e non un dereito, e o ensino cada vez máis elitista e españolizador. Discriminan e atacan a nosa lingua propia e a nosa cultura en todos os ámbitos. Impidenlle ás mozas decidiren sobre os seus corpos. Seguen a aplicar recortes ás clases populares mentres os poderosos continúan a enriquecerse. Para garantir que todo iso se leva a cabo sen oposición, recortan as liberdades públicas e os poucos espazos democráticos que ainda existían, reformando as leis e o código penal ao seu antollo.

Desemprego, precariedade, emigración, despexos, represión, privatizacións, miseria, pobreza… temos cada vez máis razóns para facerlle frente a este sistema criminal e corrupto. Contra o individualismo e o apoliticismo que nos tentan inculcar, nós pensamos que é tempo de dar a batalla. Organizarse e loitar hoxe é construir a sociedade nova do mañá, a Galiza ceibe e socialista que arelamos.

Queres a mudar a realidade? Achégate o vindeiro xoves día 8 a partir das 20:00 horas ao Bar Faluya na Coruña e construamos desde xa unha sociedade diferente organizada sobre outras bases.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario