A COVID- 19 NO MUNDO (2): As democracias populares e a súa resposta fronte á crise sanitaria. Tres exemplos

No anterior capítulo -ao que poderedes acceder na nosa web, iscagz.org, buscando “O COVID-2019 NO MUNDO”-  xa introducimos algúns dos elementos en que se observa a superioridade do modelo destes Estados democrático-populares, baixo a direción de partidos comunistas (mesmo sendo países en vías de desenvolvemento), fronte ao papel dos Estados capitalistas e imperialistas, tomando como exemplo as diferentes respostas fronte á crise sanitaria vixente. Hoxe imos falar de casos concretos, collendo tres experiencias de democracias populares, como son o Vietnam, a China e a Cuba, sen entrarmos noutras consideracións.

Vietnam

As ensinanzas máis importantes que podemos recoller deste país e a súa resposta fronte á crise sanitaria son as seguintes:

– En primeiro lugar cómpre facermos unha mención aos datos: 0 mortes e só uns poucos centenares de casos (actualmente non chegan a 300) nun país cunha alta densidade de poboación e limítrofe coa China, que foi o foco inicial da pandemia. Isto amosa o gran éxito das medidas adoptadas e da actuación do goberno e a sociedade vietnamita fronte a esta crise sanitaria, nomeadamente en comparación con outros países da rexión, a priori cun nivel máis alto de desenvolvemento (como son Singapur, Corea do Sur ou Xapón) e con datos moito peores, nalgúns casos resistíndose a tomar as medidas necesarias ou desatendendo os riscos sanitarios co fin de voltar canto antes á normalidade. Isto débese á priorización dos intereses do grande capital por riba da saúde pública.

– Inmediata organización e concienciación da sociedade vietnamita para facer fronte á crise desde o mes de xaneiro. As escolas, por exemplo, levan pechadas desde fai 3 meses.

– Prohibición de calquera operación especulativa cos produtos básicos. Reparto gratuíto e universal das máscaras.

– Medidas de confinamento, illamento, vixilancia e prevención estritas, chegando nalgúns casos a pechar barrios enteiros por seren focos infecciosos, nos cales se combateu con determinación a pandemia. Realización frecuente de tests á poboación antes de entrar aos establecementos. Permanente custodia de cada recuncho do territorio nacional efectuada polo Exército Popular de Vietnam.

– Paralización de todas as actividades económicas non-esenciais por motivos estritamente preventivos, nun contexto con 0 mortes e pouco máis de 200 casos. Esta decisión manifesta a prioridade do goberno vietnamita: a saúde das persoas, por riba da economía -a diferenza dos Estados capitalistas, que en moitas ocasións se resisten a levar a cabo este tipo de medidas (ou fano só cando morren milleiros de persoas), non as aplican ou ben deixan de aplicalas cando non existen as condicións para reabrir estas actividades. 

– No referente ao uso da ciencia e a tecnoloxía ao servizo do pobo, podemos falar do éxito no desenvolvemento das probas que empregan técnicas de bioloxía molecular para o diagnóstico, máis rápidas que algunhas similares utilizadas noutros lugares. Son, polo tanto, reclamadas por diferentes países do mundo. A isto debemos sumar o deseño de aplicacións para móbiles que serven para manter os cidadáns permanentemente informados.

– Envío de axuda humanitaria e de material sanitario ao exterior, curiosamente tamén aos Estados Unidos de América, país que agrediu e destruíu Vietnam.

China

Moito poderiamos falar sobre a República Popular da China en relación á súa resposta fronte á pandemia e da súa emerxencia como líder mundial. Repasamos algúns aspectos a destacar:

– Aplicación desde o primeiro momento de estritas medidas de confinamento e illamento social, entre as que se atopan o peche total de Hubei (a rexión que conformaba o principal foco infeccioso), da cidade de Wuhan e, dentro da propia cidade de Wuhan, illamento entre os diferentes barrios; obrigatoriedade da realización de tests antes de entrar aos establecementos. 

– Desde o comezo da crise, paralización inmediata de todas as actividades económicas non-esenciais, priorizando a saúde das persoas por riba dos beneficios económicos, a diferenza dos Estados capitalistas. Mesmo así, a China é a única potencia mundial con perspectivas de crecemento, fronte á brutal crise capitalista que virá en Occidente. Despois de dous meses con medidas de confinamento estitas e paralización das actividades non-esenciais conseguiu saír da situación, voltando á normalidade con posibilidade de crecemento na actualidade. Mentres tanto, os Estados capitalistas resístense a aplicar as medidas necesarias, perpetuando o problema e cunha brutal crise capitalista no horizonte -que se resolverá, coma sempre, en contra dos intereses populares. 

A impotencia do imperialismo occidental fronte á emerxencia do xigante asiático e a superioridade da súa planificación económica leva nalgúns casos a inventar lamentábeis teorías da conspiración sinófobas e anti-comunistas sobre a orixe do virus.

– Reordenación e reorientación da produción en bloque para satisfacer as necesidades sociais, coa fabricación de produtos sanitarios esenciais como máscaras.

– Construción de novos hospitais en tempo récord, en espazo de poucos días, para facer fronte á crise, o que amosa a superioridade da organización social chinesa.

– Uso da tecnoloxía artificial e o big data no combate contra a pandemia. Avances importantes no desenvolvemento dunha nova vacina.

– Mobilización dos comités populares de barrio, unha histórica estrutura revolucionaria e de poder popular cuxa actuación disciplinada serviu para que a práctica totalidade dos habitantes de Wuhan pasasen por exames médicos, atendendo tamén ás necesidades da poboación ao garantir o acceso universal á alimentación, saúde e hixiene básicas.

– Incremento da fusión do Partido Comunista co pobo chinés, como resultado do seu papel de vangarda, ao estar formado polos elementos máis conscientes, avanzados e comprometidos da sociedade.

– Por suposto, prohibición de calquera “mobilidade laboral” -é dicir, despedimentos durante a crise sanitaria vixente.

– Envío de persoal sanitario e material sanitario a todo o mundo para axudar a facer fronte á pandemia.

Cuba

A actuación da revolución cubana fronte á crise sanitaria vixente destaca polo seu compromiso humanista e internacionalista. Hai que ter en conta que é un pequeno país periférico e bloqueado polo imperialismo, mais aínda así podemos extraer importantes leccións do seu papel fronte á pandemia e do seu modelo social:

– Un sistema sanitario 100% do pobo, cun índice de 9 médicas por cada 1000 habitantes.

– Alén das constantes misións médicas cubanas no exterior, debemos mencionar o envío de médicas ao exterior nesta crise sanitaria polo coronavirus, mesmo a países imperialistas centrais ou moi desenvolvidos como Italia ou Andorra. Cuba partilla o que ten. Mentres, o Estado español do suposto “goberno progresista”, cegado polo seu brutal odio anti-comunista, rexeita esta axuda sanitaria.

– Unha industria biosanitaria e biotecnolóxica cun importante desenvolvemento, mesmo nun país con poucos recursos como é a Cuba. Neste caso, destaca un medicamento cubano como é o Interferon alfa 2-beta, que resultou ser útil para o combate contra o coronavirus, sendo usado na China.

– Priorización da soberanía alimentar para garantir a axeitada alimentación do conxunto da poboación.

Fronte ao papel desenvolvido polas democracias populares, no vindeiro capítulo falaremos do mundo capitalista e da súa decadencia e descomposición, agudizada con esta pandemia. Para iso, colleremos dous exemplos (aínda que poderiamos coller moitos máis) que serán o Estado español (por ser o Estado ao que desgraciadamente pertencemos) e os Estados Unidos (principal expresión da decadencia e descomposición do imperialismo capitalista).

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario