Hai pouco máis dun ano constituíase en Compostela a Liga Estudantil Galega. Nacía un obxectivo claro: tentar organizar o estudantado galego en clave nacionalista e de esquerdas, horizontal e participativa, en torno a un discurso claro e unha praxe necesariamente combativa, que permitira dar unha resposta contundente á situación que hoxe vive o ensino público.
En base a estes eixos a Liga comezou a actuar nos diferentes ámbitos do ensino no noso país, artellando campañas e mobilizacións, traballando nos centros, representando o alumnado e defendendo os seus dereitos nas institucións universitarias, denunciando os recortes, saíndo á rúa, procurando afondar na formación dos mozos e mozas, defendendo a nosa lingua e a nosa cultura e, en definitiva, organizando o estudantado combativo na defensa dun ensino público, galego, democrático, de calidade e non patriarcal.
A situación neste último ano foi complexa: os constantes ataques dos gobernos, tanto do PSOE como do PP contra o ensino público que se concretan desde o aumento do ratio de alumnos por aula, a reducción nas docentes, a supresión de transporte e comedores en infantil e primaria até a subida brutal das taxas para a segunda e sucesivas matrículas xunto coa redución de máis dun 20% dos orzamentos do Ministerio de Educación e Ciencia, dun 10% as partidas de bolsas do MEC ou un 35% as de investigación. Contra isto fíxose necesaria unha dinámica de constante axitación entre o estudantado, que posibilitou a necesaria resposta. Unha resposta que, malia que tardía, concretouse nas mobilizacións que se levaron a cabo o 10 de maio e onde o nacionalismo respondeu de xeito unitario baixo o amparo da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Especialmente relevante foi o papel da Liga na folga xeral do 29 de marzo, mobilizando un grande número de estudantes tanto nos piquetes como nas mobilizacións, froito dunha importate campaña previa de axitación que tivo como plato forte a convocatoria dunha xornada de loita estudantil o 22 de marzo en varias cidades e vilas.
Como medida de resposta paralela á mobilización na rúa e á axitación nas aulas, no último trimestre académico organizáronse diversos peches nos campus de Ourense, Vigo, A Coruña e Compostela sendo, este último, o máis dilatado no tempo. A resposta do estudantado foi desigual dependendo dos casos mais si serviu, polo menos, para demostrar que si existen maneiras máis ou menos directas de protestar contra a situación actual. Tanto é así que foi a propia policía quen irrumpiu con violencia no peche ourensán para desaloxalo pola forza deixando persoas contusionadas e mobiliario roto.
Unha das principais loitas que afrontou a Liga durante este curso académico foi a artellada contra a Normativa de Permanencia da USC, finalmente aprobada e en vigor desde esta semana, malia a oposición frontal do estudantado e da meirande parte da comunidade universitaria. Esta normativa marca un punto de inflexión, e traza o camiño a percorrer polas restantes universidades galegas. Así, cada vez son máis as trabas para cursar estudos superiores, tanto académicas como económicas, afondándose na elitización xa iniciada co Proceso de Boloña, tamén combatido polo estudantado.
Mais debemos de ser conscientes de que aínda fica moito por diante. Se botamos man á folla de ruta aprobada polo goberno de Zapatero para a Universidade do estado español, a que viría a ser a segunda parte do chamado Plan de Boloña que leva por nome Estratexia Universidade 2015, dámonos conta da gravidade das medidas que aínda están por chegar e que co novo goberno do Partido Popular non poden senón acelerar a aplicación das mesmas. Unha universidade gobernada por órganos non escollidos pola comunidade universitaria, cuxos reitores sexan os oligarcas (banqueiros, grandes empresarios…), condenadas a competir entre si para conseguir fondos e se non estar condenadas ao peche. Ese é o futuro próximo da universidade galega se a presión e a mobilización non o consegue revertir.
Por iso, hoxe máis que nunca é fundamental que o estudantado sexa consciente da importancia de organizarse para artellar unha resposta forte e decidida. O discurso contestatario debe acompañarse dunha práctica igualmente combativa, e só da organización das e dos estudantes pode xurdir esa resposta que deteña a ofensiva neoliberal contra o ensino público.
Publicado no Combater nº6