A Marea Atlántica sanciona con 704€ a nosa solidariedade con Palestina

cartazO pasado día 12 de novembro, no contexto dunha nova ofensiva do Estado Sionista de Israel contra a poboación palestina, compañeiras de Isca! e o MGS da Coruña realizamos un mural en solidariedade coa súa loita. Na altura decenas de persoas foran asasinadas a mans dunhas forzas militares de Israel, coa complicidade de Occidente e o silenciamento e a manipulación da información por parte dos medios do grande capital que transforman ocupantes en ocupados, agresores en vítimas e o lento xenocidio dun pobo en lexítima defensa. Desde a nosa posición antiimperialista e internacionalista apoiamos e apoiaremos ao pobo palestino na súa loita contra o apartheid, o xenocidio e a inxustiza practicando activamente a resistencia por todos os medios dos que dispón ao seu alcance para evitar o que tanto ansían moitos: o seu completo exterminio.

No marco deste traballo catro militantes da nosa organización foron abordados, esa mesma madrugada, por dúas patrullas da policia local, que procederon á súa identificación, retención por máis de media hora e posterior rexistro das súas pertenzas e do vehículo que estaban utilizando. Metodicamente foron estudados e requisados diversos materiais axitativos, desde volantinas e voceiros até plantillas e pinturas. O día 10 de decembro, a Concelleira Delegada de Medio Ambiente decide iniciar un expediente sancionador pola infracción da Ordenanza Municipal de Xestión de Residuos Municipais e Limpeza Viaria do Concello da Coruña contra os 4 compañeiros, propoñendo unha multa que ascende á cantidade total de 704€. 600€ en calidade de multa polos feitos e 104€ pola limpeza e reparación do muro; un muro de cemento que tapa un solar con nulo valor patrimonial. Especiamente sorprendente esa limpeza que se restrinxe ao único contido político e solidario dunha rúa con decenas de pintadas e graffitis feitos, estes si, en paredes de edificios, que continúan exactamente igual.

A persecución que na Galiza se vén realizando nos últimos anos contra os movementos de resposta social é evidente e palpábel con multitude de activistas sancionadas ou mesmo enxuizadas por denunciar publicamente diferentes situacións inxustas a nivel local ou global. O que chama poderosamente a atención é que a actuación dun goberno municipal que se autoproclama rebelde, insumiso e transformador sexa moi semellante á que tivo o goberno do Partido Popular da Coruña cando, na pasada lexislatura, sancionou con 600€ a tres compañeiros por realizar un mural en defensa dun Futuro Digno na Nosa Terra.

É máis, é especialmente grave cando o propio alcalde da Coruña afirmou durante a campaña electoral que a Marea Atlántica apoiaría aos cargos municipais que desobedecesen normativas inxustas. Que máis inxusto que sancionar á mocidade rebelde? Que rebelión democrática, que cidade á medida das e dos de abaixo é aquela cuxo goberno aplica con total indiferencia normativas reaccionarias que teñen como fin calarnos e invisibilizarnos? O que temos claro é que non conseguirán calar a quen militamos para construír un mundo mellor por medio da represión e que seguiremos contestando, malia todo, nas aulas, nos centros de traballo, na rúa e tamén nas paredes reclamando xustiza, terra e liberdade!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario