A mocidade galega condenada á emigración

Galiza ten 135.000 persoas menos de entre 16 e 35 anos a día de hoxe que en 2007. Só no período 2013-2014 abandonaron o noso país unhas 24.000 mozas, por causa do desemprego, a miseria e a precariedade. Desemprego que, na Galiza, supera o 20% chegando a máis do 50% na mocidade. Miseria que obriga a xeracións enteiras a abandonar a súa terra, disfrazado como “problema demográfico” polo goberno galego. Precariedade como estratexia global para a maquillaxe dunhas cifras de desemprego xuvenil escandalosas. Contratos lixo (contrato temporal, contrato de formación e aprendizaxe e contrato de prácticas) amparados pola patronal e o sindicalismo mafioso español.

Estannos a roubar o futuro. Non hai traballo e o pouco que hai é precario e en condicións de extrema explotación. Abandonamos progresivamente o noso país ou, máis ben, somos expulsados polo goberno do desastre lacaio do capital. Fórzannos a emigrar. E o panorama social non é moito mellor: o dereito á vivenda convertido en privilexio; un ensino cada día máis elitista e españolizador; unha lingua e unha cultura propias cada día máis marxinadas, cunha perda de 15 puntos en galegofalantes nos últimos 10 anos; un recorte de liberdades públicas a través da reforma de leis e do propio código penal.

Arrasar con todas as conquistas que leva conseguido a clase traballadora logo de séculos de loita non lles foi nunca tan sinxelo. O capitalismo goza dunha hexemonía total a nivel político, económico e mediático; lévanos a pensar que nada se pode facer para cambiar o estado das cousas, que esta é a única realidade posíbel e que a solución é a resignación. Mais temos que rachar xa con esta realidade, non podemos agardar máis para facerlle frente a un sistema criminal e corrupto.

É tempo de organizarse e de loitar sen medo por un futuro digno para a mocidade, e iso pasa necesariamente non por parches ou remendos no sistema, senón por romper de raiz con todas as estruturas de dominación: España, o capitalismo e o patriarcado. Conquistar a independencia nacional como única vía viábel de saída do capitalismo, a construción do socialismo e o fin de toda opresión. Unha ruptura democrática co réxime para abrir as portas a un proceso constituínte co dereito a decidilo todo democraticamente, desde a base, de xeito unilateral e a través do debate popular.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario