[10 de marzo] A mocidade no Día da Clase Obreira Galega

Na véspera do 47 aniversario do 10 de Marzo do 1972 dende as organizacións xuvenís e estudantil nacionalistas e independentistas da Galiza queremos lembrar os feitos que conmemoramos todos os anos coma o Día da Clase Obreira Galega.

A mocidade nacionalista e independentista consideramos fundamental lembrar o fito fundacional do sindicalismo galego de clase. As folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, cidades nas que a industria comezara a implantarse na década anterior supuxeron un punto de inflexión para a creación dun sindicalismo galego combativo e consciente da nosa realidade nacional e ao mesmo tempo un momento central na loita antifranquista na Galiza, que foi duramente reprimida co asasinato de Amador e Daniel, os obreiros sindicalistas da factoría de Bazán en Ferrol.

As mozas galegas de clase traballadora atopámonos na altura do 10 de marzo do 2019 nunha situación de extrema precariedade e con nulas perspectivas de futuro. Os salarios miserentos, a elevadísima taxa de desemprego xuvenil e en moitos casos a obriga de abandonar o noso país para poder vivir dignamente son os instrumentos que empregan o grande capital español e transnacional para seguir a aproveitarse do noso traballo, gañando cada vez máis a costa de que nos vivamos peor.

A solución para rachar coa miseria está na nosa man, neste 10 de marzo chamamos a practicar a insubmisión ás políticas reaccionarias e neoliberais impostas polo estado español, a UE e o capital. Somos conscientes de que tanto o rol de dependencia ao que nos condena o estado español, coma o propio funcionamento do sistema capitalista fan imposíbel rachar con esas políticas e é por iso que chamamos a loitar pola independencia da Galiza e a rachar co capitalismo para que as mozas galegas poidamos ter unhas condicións de vida dignas, con emprego digno e na terra.

Ao mesmo tempo chamamos a participar das mobilizacións convocadas para mañá 10 de marzo pola Confederación Intersindical Galega a nivel comarcal​, convencidas de que a resposta aos ataques do capital cara a clase traballadora galega só pode darse a través da mobilización e o conflito encadrados nunha estratexia revolucionaria no camiño dunha Galiza ceibe e sen explotación.

Asinan: Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e UMG.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario