A policía quere deter 8 moz@s en Donostia pola súa militancia política. Solidariedade!

Lonxe de favorecer un clima que propicie avanzar na resolución do conflito político, o Estado Español, non cesa de torpedear os pasos que o pobo vasco quere dar. Nesta liña, a xustiza española vén de ratificar a sentenza de seis anos de cárcere para 8 moz@s donostiarras simplemente por teren pertencido a SEGI. As mozas, que xa teñen sufrido detencións, incomunicación, torturas e xuízos sen garantías, só son culpábeis de teren traballado pola liberación nacional vasca e por mellorar o mundo no que viven, un pecado que os Estados español e francés non perdoan.

Diante destas novas presións, a movemento popular vasco non decae e volveu darnos un exemplo de loita desenvolvendo unha zona libre ou Aske Gunea, un espazo de resistencia onde centos de mozos e mozas apoian as militantes encausadas creando un muro popular que impida a súa detención. Desde este martes 16 de abril, cando chegou a orde de detención, están en situación de alerta e xa se sucederon varios intentos de detención por parte da Ertzainza. Intentos todos eles que, até agora, a resistencia popular puido frear malia a cumplicidade do PNV, a quen se reclama que non mande á Ertzainza a cumplir leis inxustas e impostas desde Madrid.

Malia o silencio dos medios de comunicación convencionais, sabemos que o cotián da mocidade independentista vasca, como a de tantas outras mozas rebeldes doutras nacións oprimidas, está condicionado polas ferramentas represoras dos inimigos, neste caso os Estados francés e español. Porén, sabemos tamén que son fortes e que nin as detencións, nin as torturas, nin os xuízos políticos, nin tampouco as medidas contra as presas van poder minar a súa loita.

Desde Isca! dicímolle ás nosas irmás vascas que non están soas e que faremos o posíbel por difundir a súa situación. Afástanos a distancia mais achéganos a solidariedade internacionalista e sentímonos parte dese muro popular contra máis unha agresión que tenta esfarelar o proceso de normalización política no que a mocidade ten e terá un papel tan importante. Sabemos que co paso das horas a detención está máis preto e que posibelmente se produza antes da fin de semana, por iso mandámoslles unha aperta fraternal e berramos alto desde Galiza:

Egoi, Oier, Aitor, Nahikari, Imanol, Adur, Mikel, Ekaitz, estamos con vós!

Adiante a mocidade rebelde!

Gazteriak aurrera darrai!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario