Á rúa contra o feminicidio. Participa das convocatorias!

QhsorkeFSv2WFulvUn ano máis chega o 25 de novembro, día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, e con el a lamentábel necesidade de ter que chamar a atención sobre o feminicidio. A morte de mulleres a mans de homes como expresión última de dominación patriarcal tense convertido nunha situación tan habitual que xa case nin escandaliza, mais é responsabilidade nosa, das feministas, que ningunha morte sexa esquecida e que as mulleres que sofren o terrorismo machista non sexan máis unha estatística, nin volten ocupar páxinas de sucesos dos xornais, lugar que tanto custou ao movemento feminista que abandonaran.

O 25 de novembro alzamos a voz contra a violencia machista. Digámolo claro: contra o terrorismo patriarcal. Pero non abonda. A violencia de xénero vai alén dos golpes, das palizas e os ollos morados. Vai alén das humillacións, dos insultos e as vexacións. Violencia de xénero son tamén as agresións sexuais de quen pensan que manter unha relación afectiva cunha muller lles outorga dereitos sobre o corpo e o desexo dela. Violencia de xénero é a concepción da nosa sexualidade como un instrumento para a reproducción, sobre o que todo o mundo pode opinar e decidir, agás nós. Violencia de xénero é o ideal estético que destrúe as vidas de milleiros de rapazas novas, facéndolles crer que a súa felicidade depende da súa apariencia exterior. É violencia tamén cando nos obrigan a nos sentir incluidas ao falar de “todos”, de “compañeiros”, de “alumnos”, de “traballadores”. Existimos, e quen nos soterra baixo a excusa da linguaxe tamén exerce violencia sobre nós. Violencia de xénero, terrorismo machista é o emprego da violación como arma de guerra en todos os conflitos bélicos do mundo, son os feminicidios ocultos mediáticamente, son as leis que prohíben o noso dereito a dispor da nosa maternidade, son as normas sociais que só nos queren sumisas.

Por iso a loita contra a violencia machista non pode ficar nunha data. É moito o camiño que fica por andar, pero maior é a forza que nos impulsa a seguir loitando, este 25 de novembro e os restantes días que virán, para construir as armas que nos permitan derrubar o sistema patriarcal e vivir todas en liberdade.

Convocatorias:

  • A Coruña, 20:00 horas no Obelisco.
  • Cee, 19:30 horas na Praza 8 de Marzo.
  • Compostela, 20:30 horas na Praza 8 de Marzo.
  • Narón, 20:00 horas na Praza da Gándara.
  • Ourense, 20:30 horas na Praza do ferro.
  • Pontevedra, 20:00 horas na Praza da Peregrina.
  • Vigo, 20:00 horas na Farola de Urzáiz.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario