A superioridade do capitalismo

¿Que é unha crise capitalista?

Vexamos en primeiro lugar o que non é unha crise capitalista.

Que haxa 950 millóns de famentos en todo o mundo, iso non é unha crise capitalista.

Que haxa 4.750 millóns de pobres en todo o mundo, iso non é unha crise capitalista.

Que haxa 1.000 millóns de desempregados en todo o mundo, iso non é unha crise capitalista.

Que máis do 50% da poboación mundial activa estea subempleada ou traballe en precario, iso non é unha crise capitalista.

Que o 45% da poboación mundial non teña acceso directo a auga potable, iso non é unha crise capitalista.

Que 3.000 millóns de persoas carezan de acceso a servizos sanitarios mínimos, iso non é unha crise capitalista.

Que 113 millóns de nenos non teñan acceso a educación e 875 millóns de adultos sigan sendo analfabetos, iso non é unha crise capitalista.

Que 12 millóns de meniños morran todos os anos por mor de enfermidades curábeis, iso non é unha crise capitalista.

Que 13 millóns de persoas morran cada ano no mundo debido ao deterioro do medio ambiente e ao cambio climático, iso non é unha crise capitalista.

Que 16.306 especies estea en perigo de extinción, entre elas a cuarta parte dos mamíferos, non é unha crise capitalista.

Todo isto ocorría antes da crise. Que é, pois, unha crise capitalista? Cando empeza unha crise capitalista?

Falamos de crise capitalista cando matar de fame a 950 millóns de persoas, manter na pobreza a 4700 millóns, condenar ao desemprego ou a precariedade ao 80% do planeta, deixar sen auga ao 45% da poboación mundial e ao 50% sen servizos sanitarios, derretir os polos, denegar auxilio aos nenos e acabar coas árbores e os osos, xa non é suficientemente rendíbel para 1.000 empresas multinacionais e 2.500.000 de millonarios.

O que demostra a superior eficacia e resistencia do capitalismo é que todas estas calamidades humanas -que terían invalidado calquera outro sistema económico- non afectan á súa credibilidade nen o impiden seguir funcionando a pleno rendemento. É precisamente a súa indiferenza mecánica a que o volve natural, invulnerábel, imprescindíbel. O socialismo non sobreviviría a este desprezo polo ser humano, como non sobreviviu na Unión Soviética, porque está pensado precisamente para satisfacer as súas necesidades; o capitalismo sobrevive e até se robustece coa desgrazas humanas porque non está pensado para alivialas. Ningún outro sistema histórico produciu máis riqueza, ningún outro sistema histórico produciu máis destrución. Basta considerar en paralelo estas dúas liñas -a da riqueza e a da destrución- para ponderar todo o seu valor e toda a súa magnificencia. Esta dobre tarefa, que é a súa, o capitalismo faia mellor que ninguén e nese sentido o seu triunfo é inapelábel: que haxa cada vez máis alimentos e cada vez máis fame, máis medicinas e máis doentes, máis casas baleiras e máis familias sen teito, máis traballo e máis parados, máis libros e máis analfabetos, máis dereitos humanos e máis crimes contra a humanidade.

Por que temos que salvar iso? Por que ten que preocuparnos a crise? Por que nos convén atoparlle unha solución? As vellas metáforas do liberalismo reveláronse todas mendaces: a man invisíbel que armonizaría os intereses privados e os colectivos conta moedas nunha cámara blindada, o pingueo que irrigaría as capas máis baixas do subsolo apenas é capaz de encher unha man, o ascensor que baixaría cada vez máis rápido a resgatar xente da planta baixa quedou coas portas abertas no piso máis alto. As solucións que propoñen, e aplicarán, os gobernantes do planeta prolongan, en calquera caso, a lóxica inmanente do beneficio ampliado como condición de supervivencia estructural: privatización de fondos públicos, prolongación da xornada laboral, despedimento libre, diminución do gasto social, desgravación fiscal aos empresarios. É dicir, se as cousas non van ben é porque non van peor. É dicir, se non son rendíbeis 950 millóns de famentos, haberá que dobrar a cifra. O capitalismo consiste niso: antes da crise condena á pobreza a 4.700 millóns de seres humanos; en tempos de crises, para saír dela, só pode aumentar as taxas de ganancia aumentando o número das súas vítimas. Se se trata de salvar o capitalismo -coa súa enorme capacidade para producir riqueza privada con recursos públicos- debemos aceptar os sacrificios humanos, primeiro noutros países lonxe de nós, despois quizais tamén nos barrios veciños, despois até na casa de en fronte, confiando en que a nosa conta bancaria, o noso posto de traballo, a nosa televisión e o noso ipod non entren no sorteo da superior eficacia capitalista. Os que temos algo podemos perdelo todo; convennos, xa que logo, volver canto antes á normalidade anterior á crise, aos seus mortos noutra-parte e aos seus desgraciados sen-nengunha-esperanza.

Un sistema que, cando non ten problemas, exclúe dunha vida digna á metade do planeta e que soluciona os que ten ameazando á outra metade, funciona sen dúbida perfectamente, grandiosamente, con recursos e forzas sen precedentes, pero parécese máis a un virus que a unha sociedade. Pode preocuparnos que o virus teña problemas para reproducirse ou podemos pensar, máis ben, que o virus é precisamente o noso problema. O problema non é a crise do capitalismo, non, senón o capitalismo mesmo. E o problema é que esta crise reveladora, potencialmente aproveitábel para a emancipación, acada unha poboación sen conciencia e unha esquerda sen unha alternativa elaborada. Equivóquese ou non Wallerstein no seu prognóstico sobre o fin do capitalismo, ten razón sen dúbida no diagnóstico antropolóxico. Nun mundo con moitas armas e poucas ideas, moitísima dor e pouca organización, moitísimo medo e pouco compromiso -o mundo que produciu o capitalismo- a barbarie ofrécese moito máis verosímil que o socialismo.

Por iso hai que se erguer nos farallóns de conciencia e nos grumos de organización. Cuba bloqueada, Cuba azoutada polos ventos, Cuba pobre, Cuba incómoda, Cuba ás veces equivocada, Cuba improvisada, Cuba disciplinada, Cuba resistente, Cuba ilustrada, Cuba sempre humana, mantén aberta unha terceira vía, hoxe máis necesaria que nunca, entre o capitalismo e a barbarie. Se non podemos axudala, podemos polo menos axudarnos a nós mesmos pensando nela con alivio e agradecemento.

Artigo de Santiago Alba Rico
Orixinal en rebelion.org

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario