Se lle fas caso á propaganda europeísta que enche os nosos medios e o noso sistema educativo, podes chegar a crer que a Unión Europea e un organismo internacional, formado por líderes democraticamente escollidos de cada Estado membro, no que democraticamente se deciden cousas moi democráticas, moi xustas e moi beneficiosas para Europa, como o repartimento das riquezas, o libre mercado, o libre movemento… unha utopía moderna, deseñada e aplicada no “berce da civilización”. Como adoita ser o caso, nada máis lonxe da realidade.
É imposible explicar o que é a Unión Europea sen antes mirar cara á súa orixe. Existe o mito ben establecido de que a UE xorde, en parte, dunha “Idea de Europa”, dunha identidade e unha cultura compartida entre os pobos; dun pasado, un presente, e un futuro común. Tamén se lle atribúe a súa orixe en meirande parte a unha vontade común de diferentes estados no centro de Europa de establecer a paz na zona e evitar que se repetira a destrución e os millóns de mortes das dúas grandes guerras do século XX. A realidade é outra.
A Comunidade Económica Europea (CEE), como se denominou a UE nos seus inicios alá na década dos 1950, non xurdiu dunha abstracta “identidade europea” común entre os diferentes estados. Tampouco era o temor a outro conflito bélico o que motivou a súa creación. Os dirixentes dos diferentes estados europeos que formaron a UE non lle tiñan medo á guerra; tiñan medo de que a guerra puxese en perigo o desenvolvemento do capitalismo en Europa.
Despois da II Guerra Mundial, o medo á Unión Soviética e ao espallamento do comunismo levou ás burguesías europeas a dobregarse incondicionalmente ante o poder estadounidense, o que levou á creación de organizacións económicas FMI ou o GATT en Bretton Woods (1997) para cementar a supremacía económica dos Estados Unidos. A orixe da Unión Europea está inevitable e intrinsecamente ligada ao capitalismo xa que xorde motivada polo temor absoluto da burguesía á Unión Soviética. A creación da Unión Europea é un claro e transparente intento de manter o status quo e protexer os intereses da burguesía nun novo mundo en que ningún estado europeo ten a forza militar para defender os seus intereses. A Unión Europea acepta reverentemente a supremacía militar estadounidense porque lle é imprescindible para defender un obxectivo común: a defensa do sistema capitalista.
Desde a perspectiva do materialismo histórico, a orixe da UE é o cuarto momento de reordenación do capitalismo europeo en base á hexemonía dun bloque e das súas burguesías sobre o resto dos bloques burgueses, especificamente, sobre as clases e os pobos traballadores en Europa. Estas reordenacións caracterízanse por unha serie de constantes: a importancia da guerra e da violencia, cambios moi profundos no estado, a aparición dunha nova hexemonía mundial imperialista (o que leva á potencia dominante ao establecemento dunhas regras de intercambio financeiro que a benefician claramente e a facer da súa moeda a moeda referente no comercio intercapitalista), a intensificación das opresións nacionais, a desaparición ou debilitamento de pobos e culturas e por último, o dominio da nova potencia sobre o cultural e o científico.
Esta cuarta reordenación do capitalismo en que nos atopamos agora, coa creación da Unión Europea, é distinta ás anteriores xa que ningún estado membro da UE ten o poder político-militar para impoñer a súa vontade sobre outros bloques burgueses, ou, especialmente, sobre os pobos e as clases traballadoras. No seu lugar recorren ao uso exclusivo da forza económica, con presións, chantaxes, sancións económicas, etc.
En canto ao que á súa estrutura, a Unión Europea é esencialmente antidemocrática. Dos organismos dentro da UE que redactan e aproban a lexislación que será aplicada sobre todos os Estados membros (e as nacións sen Estado que as conforman), o considerado “máis democrático” sería o Parlamento europeo, formado por representantes votados polos cidadáns dos Estados membros. Este organismo ten un labor puramente simbólico, xa que non ten o poder de iniciar, redactar ou aprobar unha lexislación: todos os regulamentos e directivos están deseñados por integrantes da Comisión Europea sobre os cales os cidadáns europeos non teñen ningún poder de decisión. Aqueles que forman parte da Comisión non serven aos Estados membros. Serven á Unión.
Hai innumerables intres nos que se mostra con absoluta claridade o feito de que a UE non é máis que unha ferramenta do capital. Sen ir máis lonxe, a “moeda única”, que empobreceu á clase traballadora e limitou o poder de decisión dos Estados sobre a súa propia economía, foi establecida diante da existencia de diferentes unidades monetarias que supoñen unha serie de problemáticas que frean a acumulación de capital. Tamén temos exemplos como o Plan Boloña, que privatiza, precariza e mercantiliza a universidade pública; as políticas de precariedade impostas por mandato europeo en estados como o grego ou o español; o silencio cómplice cara a brutalidade policial no Estado español; o apoio incondicional a o Estado criminal de Israel…
A Unión Europea é, en definitiva, un proxecto creado por e para a protección do grande capital transnacional que busca liberar as decisións económicas do control democrático, centralizar as tomas de decisións afastándoas dos pobos, destruír o sector público e vendelo ao mellor postor, precarizando o máximo posible a situación da clase traballadora. Non existe un «déficit democrático»; simplemente non existe democracia.
Non hai posibilidade de reforma da Unión Europea porque todo, desde os cementos, a estrutura, os órganos; todas e cada unha das partes da Unión Europea foron deseñadas e establecidas para a defensa dos intereses burgueses e a protección do capital, deseñadas para deixar ao pobo fóra do proceso de toma de decisións sobre as leis que gobernan a nosa terra. Galiza debe rachar coa Unión Europea para así poder acadar a liberdade de escoller como gobernarmos a nosa terra.