A vaca, o noso símbolo contra o españolismo (Video da acción de Isca!)

[Actualización: todas as persoas detidas xa foron liberadas]

Como xa adiantabamos nunha nova anterior, 3 militantes da nosa organización foron detidos e tiveron que pasar a noite nos calabozos , agardando a entrada en vigor do Habeas Corpus solicitado polo seu avogado. O seu único delicto, participar nunha acción pacífica de denuncia da hipocrisia do dobre discurso da entidade españolista “Galicia Bilingüe”. As nosas militantes ian disfarzadas de vacas e pretendían mostrar un cartaz diante dos dirixentes da organización segregacionista, nun día que será recordado pola brutalidade policial e pola aldraxe que supuxo a marcha supremacista de “Galicia Bilingüe” polas rúas da capital do noso país. Queremos tamén solidarizarnos co resto de detidas e cos numerosos contusionados polos golpes da polícia e dos españois que acudiran a esta mostra de odio visceral á língua e cultura galegas.

 Eis o video da nosa acción:

A continuación, reproducimos un texto de Castelao sobre a simboloxía da vaca para a nosa cultura:

vaca.jpg “A vaca é o símbolo da paz.

Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: ” O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o albre xenealíco dun aristócrata”.

A vaca esquenceuse dos cornos e danos o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Nonos pode dar máis.

O can será o amparo dos ricos, que defende a propiedade do amo e ladra aos pobres que van polos camiños.En troques a vaca é o amparo dos pobres libres.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os “concursos de Belleza”.

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

As “señoritas” que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a door dunha familia labrega cando se lle morre unha vaca.

Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cidades morrería desnutrida.A vaca é a ama de cría da Humanidade.

O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuida.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa ergueremos un gran moimento cunha vaca de bronce dourado.

Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.

O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.

A. Daniel Rodríguez Castelao

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario