[Aborto] Vencemos unha batalla mais a loita segue

O proxecto de reforma da Lei do Aborto que tiña preparada o goberno español supuña un retroceso sen precedentes no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, un ataque á nosa liberdade e á nosa capacidade de autodeterminación en relación á sexualidade e a libre escolla da maternidade.

Ese proxecto, teiman en nos dicir, tiña como principal obxectivo a defensa da vida do feto, cuestionando incluso a posibilidade de interromper o embarazo por malformacións, infravalorando os riscos reais para a saúde da muller, que terían que ser acreditados perante un tribunal médico. Lexitimaba a obxección de conciencia das facultativas ou obrigaba a contar cun consentimento familiar en caso de ser menor de idade. Unha lei que nos retrotraía a antes da normativa de 1985, sendo infinitamente máis reaccionaria que a aprobada no 2010 que, se ben tiña moitas carencias aínda, supuña un paso adiante na materia.

Definitivamente e após moitos meses de mobilizacións e alerta feminista, após accións comarcais e nacionais, após iniciativas sociais e institucionais e dunha grande socialización do problema, o goberno español do Partido Popular decidiu dar marcha atrás e retirar esta reforma da súa axenda política agás un dos seus puntos, a necesidade do consentimento familiar para interromper voluntariamente o embarazo en caso de ter entre 16 e 18 anos. Unha vitoria case completa da resposta social e do movemento feminista na auténtica marea negra que para o noso pobo e o conxunto das clases populares se ter convertido o goberno español, quen só ten por obxectivo continuar coa destrución dos dereitos sociais e laborais con proxectos como a reforma da lei de mutuas, a reforma fiscal ou a lei de seguridade cidadá.

Parabenizámonos polo paso atrás non voluntario mais forzado pola presión popular. Porén, desde a necesaria e constante alerta feminista non concedemos ao inimigo nin un ápice de descanso e animamos a seguir loitando polo dereito que temos as mulleres a decidilo todo sobre os nosos corpos e as nosas vidas. Quedan moitos dereitos roubados por recuperar e moitos outros por conquistar, por iso, a mobilización non debe parar e desde Isca! chamamos á mocidade a saír á rúa o vindeiro domingo 28 ás 12:00 horas os actos da Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto:

  • Compostela: concentración na Praza de Praterías
  • Ferrol: pasarrúas desde o Cantón até a Praza do Inferniño
  • A Coruña: concentración no Campo da Leña
  • Vigo: concentración no palco da Alameda de Bouzas (11:30h)
  • (Por confirmar)

Nin igrexa nin goberno
no meu corpo mando eu!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario