Abril: Galiza non ten Rei, pola República Galega

Dende a Asemblea de Zona de Isca! de Lugo levamos a cabo unha campaña de propaganda nas rúas da cidade conmemorando unhas datas importantes para a nosa historia, ignoradas ou difuminadas, como tantas outras, pola historiografía española. Trátase da revolución galega de abril de 1846, que se producíu co levantamento provincialista no cuartel de Lugo o 2 de abril baixo o mando do Capitán Miguel Solís. Esta insurrección tivo dous eixos reivindicativos: a loita contra o goberno conservador do gabinete Narváez e o erguemento pola unidade territorial de Galiza logo de ser fragmentada pola división provincial imposta polo Estado Español en 1833 (Decreto de Javier de Burgos).

Esta sublevación, que comezou en Lugo, espallouse logo a Compostela, Pontevedra e Vigo. Constitúense Xuntas Revolucionarias en todas as cidades e en moitas localidades, suprimindo as Deputacións Provinciais. O 15 de abril confórmase en Compostela a Xunta Superior do Goberno de Galiza, que toma unha serie de medidas de carácter económico e militar que permitan a este novo poder exercer a soberanía. O 17 de abril editan o primeiro número do xornal Revolución, que declaraba expresamente:

“[…] Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento […]”

Este novo poder en construción ficou esmagado militarmente polo exército español na cruenta batalla de Cacheiras (23 de abril), repregándose o exército rebelde ao mosteiro de San Martiño Pinario, na cidade de Compostela, onde finalmente se renderon ao quedaren sen munición. Os 56 prisioneiros que se efectúan son levados á Coruña e axustizados en Carral. O día 26 de abril foron fusilados contra os muros da igrexa de Santo Estevo de Paleo o xeneral do “Exército Libertador de Galiza” Miguel Solís, o comandante Víctor Velasco, e os capitáns Manuel Ferrer, Jacinto Daban, La Infanta, Fermín Mariné, Lloréns, Sánchez, Márquez, Martínez e Valero. A cidade de Lugo, onde seguían a resistir uns 4.000 efectivos, non se rende até o día seguinte.

Nestes momentos nos que a institución monárquica está demostrando a súa falta de lexitimidade, a súa verdadeira face antidemocrática, é o momento de recordar que na Galiza o movemento político de liberación nacional xa ten unha longa tradición republicana e revolucionaria, de loita contra a opresión colonial de España, independentista, forxada ao longo da historia. Por este motivo quixemos facer memoria deste acontecemento e relacionalo coa reivindicación actual dunha República Galega independente. Opoñémonos á monarquía española porque somos independentistas, porque rexeitamos a dominación española; porque con España non temos futuro; porque temos un proxecto para este país, erguémonos hoxe, pola República Galega, un estado independente no que construírmos o socialismo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario