Acordo do leite: “O goberno subvencionou e mercou vontades”

muralLeiteFalamos con Xulio Fernández do sector lácteo galego, as súas problemáticas, as recentes mobilizacións e o futuro do mesmo. 35 anos, militante independentista e traballador do Sindicato Labrego Galego coordinando a comarca de Arzúa e Melide.

Boas Xulio. Gandeiros e sindicatos coinciden en definir a situación actual do sector como límite. Podes achegarnos un resumo que defina o panorama do sector lácteo galego?

É dificil resumir sen remontarnos moito tempo atrás para entender cal é o panorama. A situación neste momento é que as gandeiras e gandeiros galegos, produtoras de leite, están a vender o leite a un prezo máis baixo do que lles custa producilo, mesmo sen ter en conta o soldo polo traballo. A inmensa maioría das granxas está ao borde da viabilidade económica. Nesas granxas estanse poñendo cartos procedentes doutros soldos ou pensións alleas á explotación, para evitar problemas de impagos.

Logo está a situación de forza que ten a distribución para xogar co leite como produto reclamo, e así hai nos supermercados leite a uns prezos demasiado baixos como para garantir que se cubran custos e salario, tanto das gandeiras como dos intermediarios. Ao mesmo tempo algúns compoñentes da distribución decidiron aumentar algo o prezo do cartón de leite, mais esa leve suba non se trasladou na mesma medida ao prezo que a Industria está a pagar ás granxas, mesmo volvendo asinar contratos abusivos e con prezos miserentos.

Logo temos un marco mundial de crecemento desproporcionado da produción mundial de leite, localizado principalmente nos EEUU, Europa e Nova Zelanda, desprezando as producións locais e destruindo economías rurais que funcionaban ben. Debemos ten en conta cando pedimos que en Galiza non entre leite de fóra é porque nós somos excedentarios na produción de leite (non o é o Estado Español). Se queremos que entre leite barato non sei que pensamos facer co leite que producimos nós.

A entrada do Estado Español na Comunidade Económica Europea (actual Unión Europea) levou por diante milleiros de explotacións no noso país. Que supuxo para o sector gandeiro galego?

Para o sector do leite o máis importante é que supuxo a imposición dunha cota láctea, que foi unha limitación para producir. No momento que se impuxo, o sector estaba en expansión e a capacidade produtiva viuse freada e foron precisas fortes inversións para mercar máis cota lactea.

Outros sectores gandeiros tamén se viron afectados, en tanto que a entrada na UE supuxo a aplicación das medidas da PAC. Políticas que impuxeron un modelo de produción moi pouco racional e coa mirada posta máis na exportación que no abastecemento local. Estas políticas non fomentaron o consumo de produtos locais, nin aquí nin nos paises destinatarios dos excedentes.

A día de hoxe desapareceron as cotas e as súas limitacións, polo que se desregulou a produción. Sen limitacións estamos expostos a que as granxas de todo o mundo que poidan producir máis barato o litro de leite, ben sexa polo baixo custe laboral ou polas condicións climáticas e ambientais, partan con vantaxe para importar o seu leite aos nosos mercados.

Após semanas de loita por uns prezos xustos cal é o resultado do acordo asinado en Madrid? Os gobernos da Xunta e o Estado Español seguen no inmobilismo ou polo contrario están dispostos a acordar solucións?

Semella que non pasou nada. O goberno, en tempo de desconto, sacou a maquinaria das subvencións para mercar vontades e ese é o único resultado distinto que se produciu. Sobre o acordo asinado en Madrid hai que dicir que xa no seu comezo non servía por non recoller as principais reivindicacións do sector. Logo, no momento da sinatura, parte dos acordos recollidos nun inicio víronse recortados até ser practicamente papel mollado. Agora mesmo temos a industria sen moverse da postura anterior nin mellorar sustancialmente o prezo do leite e cunha mesa para o seguimento do acordo na que non poden sentarse representates do sector, por non ter asinado un acordo que é insuficiente.

Por que demanda o sector prezos xustos para o leite? Por canto paga a industria o litro de leite neste momento?

Pois polo mesmo motivo que un obreiro demanda que lle paguen o seu soldo. As gandeiras e gandeiros teñen que mercar alimento para o gando, combustible para as maquinas, pagar enerxía electrica e pagar as máquinas e intalacións necesarias para producir leite; iso son os custos de produción. E neste momento, nas granxas, non chegan a cobrar o que lles custa producir, co que hai que poñer cartos adicionais. As gandeiras e os gandeiros precisan ter un soldo para vivir.

Os prezos que se pagan na actualidade varían moito, hai pequenas granxas que non teñen capacidade para fixar un prezo e unha cantidade estable que poden estar a entregar leite a 0,22€ e outras granxas mais grandes que poden negociar entregas de leite arredor de 0,27€, todo isto prezo base, sen incluir calidades, descontos e penalizacións e impostos, o que pode facer subir ou baixar esta referencia. O prezo final antes de impostos máis alto que vin nestas datas foi 0,30€.

Que medidas pensas que se poderían implementar desde as institucións galegas para reverter esta situación?

A principal é regular a produción dalgunha maneira e que así poida aumentar a demanda interna. Outra medida tan importante e demandada xa fai tempo é fixar un prezo atendendo a cales son os custes de produción máis o salario.

Ao mesmo tempo, dende as institucións galegas, poden intentar reducir o que custa producir un litro de leite e para iso hai moitas cousa que facer. Intentar aumentar a base territorial das granxas mobilizando terras, terras abandonadas ou que sendo produtivas para o agro están sendo forestadas. Frear a escalada de prezos da enerxía, sería unha boa cousa que as graxas galegas non tivesen que estar tan preocupadas polo que lles supón o recibo da luz, que é un custo importante para unha granxa. Etcétera.

Que podemos facer as consumidoras para contribuír coa loita das gandeiras? Existe etiquetaxe distintiva nos supermercados?

Os consumidores como masa electoral poden presionar co seu voto para reverter a situación e botar dos gobernos a quen non se preocupa do sector. O consumidor tamén ten moito que dicir perante a distribución, presionándoa e deixando de mercar nas grandes superficies que castigan con prezos baixos. E á Industria deixando de mercar as marcas baratas e daquelas empresas que teñen practicas mafiosas coas gandeiras e gandeiros.

En canto ao da etiquetaxe, tanto as industrias como a distribución son capaces de beneficiarse deses distintivos sen que teñan que esforzarse moito por evitar a entrada de leite foraneo. O que non existe é un distintivo que diga que este leite cubre custos de produción, porque sería mentira. O mellor distintivo é o que pon o propio gandeiro cando accede directamente aos mercados co seu produto e fala co consumidor.

Tense posto de exemplo o resultado das loitas dos gandeiros franceses. Qué opinas sobre isto? Cres que ese debe ser o noso modelo?

Nós temos que construir o noso modelo. A min un modelo no que se prima a produción máis alá do que se da consumido e onde se facilita que o leite excedentario se venda por debaixo de custos (Dumping) noutros paises, destruindo o seu sector, non me gusta. Que queremos nós, enviar leite a América ou África para afundir os seus mercados e as súas granxas familiares de pequena dimensión?

Que papel cumpriron e están a cumprir na actualidade as cooperativas do sector? Son un modelo a levar adiante?

Poderían ter sido unha moi útil ferramenta, pero non o son. Compórtanse como empresas e non o son. Loitan contra multinacionais e non teñen nada que facer. Son instrumentos utilizados para caciquear que asexan os boitres do Partido Popular. É necesario recuperar o papel social das cooperativas, onde as gandeiras e gandeiros sexan quen toman as decisións e estas non supoñan ataques ao sector.

Non pode ser que cooperativas coma La Arzuana e outras que participaron de Alimentos Lacteos deixen ao borde da ruína moreas de granxas, e non pase nada.

Hoxe, máis dun 50% de mozas e mozos atópanse sen emprego. No marco dunha feroz crise do capitalismo pensas que coa planificación da economía e a conquista da soberanía nacional o rural sería un potencial activo para milleiros de mozos e mozas condenadas á emigración?

Si, definitivamente si. Nun país onde a maior parte do territorio e dos recursos proceden do rural, hai posibilidades e é preciso ademais que así sexa para poder xestionalo.

Nun país soberano, nós marcariamos as politicas a seguir, sen influencias alleas nin asoballamento da nosa soberanía, cousa que na UE non se fai. Temos claro que no rural inda queda moito sitio para traballar. Hai moito traballo no rural, só hai que poñelo en valor, cun soldo digno.

E ese traballo no rural debe estar complementado coa posta en valor dos produtos propios e non limitarnos a ser simples extractores de materias primas, que serán procesadas noutros paises, para despois vendernolas a nós.

Tamén é a oportunidade para rachar co actual modelo capitalista de explotación dos recursos, no que só contan os números que move o sector lácteo e non a importancia medioambiental e a capacidade para alimentar a poboación con produtos de calidade.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario