Desde Isca! vimos de realizar, durante a primeira semana de decembro, diferentes accións para reivindicar os nosos dereitos como pobo e protestar diante do feriado en honor á Consitución Española, norma que rexeitamos por ser máis unha imposición do Estado Español, un cabalo de Troia vendido como garante da democracia após a ditadura franquista mais que realmente só foi e é unha ferramenta máis para que a oligarquía españolista manteña os seus privilexios mentres procura someter ás nacións como a nosa.
A Constitución é o principal atranco legal para acadarmos o noso obxectivo da soberanía plena para o pobo galego, por iso aproveitamos estas datas para difundir o noso rexeitamento e desenvolver diferentes accións a prol da ruptura co marco constitucional e da defensa do dereito de autodeterminación, acompañadas da edición de varios cartaces cuestionando os artigos máis antidemocráticos do texto legal.
En Vigo deseñamos unha acción consistente en situar nunha céntrica rúa unha réplica do rei español acompañado dun taboleiro no que a xente podía opinar e poñer o que quixer como se saise da boca do monarca. Ridiculizando unha figura xa de por si ridícula, quixemos amosar dunha forma lúdica e chamativa a nosa disconformidade cunha figura antidemocrática como a do Xefe de Estado, que non foi escollida por ninguén máis que polo franquismo e que mantén privilexios económicos intolerábeis mentres as clases populares sufrimos as consecuencias dunha crise salvaxe.
Na comarca de Ourense desenvolvimos durante o día 6-D unha xornada reivindicativa vencellando os dereitos nacionais ao ámbito do deporte, reivindicando os nosos deportes populares así como o dereito a termos seleccións de noso. Así, contra as catro da tarde do deu comezo un aberto de billarda coa colaboración da Liga Nacional de Billarda. Máis tarde, ás 18:30 tivemos no local social Sem Um Cam unha presentación do partido da selección de Galiza contra a do Curdistán, que terá lugar o vindeiro 29 de decembro na cidade de Pontevedra grazas a Siareir@s Galeg@s e tamén unha palestra sobre o fútbol gaélico.
Ademais disto, realizáronse varios murais baixo un lema que resume ben o sentido da campaña: Con España non temos futuro, Independencia!