Acumularmos forzas pola independencia

O conflito nacional galego é un proceso histórico que leva máis dun século acumulando ideas, experiencias e forzas para superar a contradición nacional, a contradición principal que se dá na Galiza e que está atravesada polo antagonismo de clases de forma indisolúbel.

Desde a Revolución de 1846, influída polo socialismo utópico da altura, até a proclamación obreira da I República galega e as greves de 1972 coa construción do nacionalismo galego contemporáneo marxista. Hoxe, desde o Movemento Arredista e Isca! asumimos ese legado e queremos seguir formulando propostas innovadoras para o avanzo na construción dunha República galega socialista.

As nosas apostas políticas parten da tradición do nacionalismo galego, do marxismo-leninismo e das loitas de liberación nacional; ferramentas coas que elaboramos a análise sobre a realidade material dunha nación colonizada como a Galiza e que se manifesta nun modelo socioeconómico dependente: destrución de sectores produtivos, desindustrialización, industrias de enclave e extractivista, espolio dos recursos naturais a mans do capital foráneo, desemprego e precariedade laboral, emigración forzada da mocidade, infraestruturas que non vertebran o país…

A contradición nacional non se pode resolver con solucións falsas e promesas imposíbeis de cumprir: quer a xestión e reforma do marco autonómico como suposta vía cara á soberanía, xa que esta estrutura é moi limitada e foi erguida desde a posición de dominación; quer a súa instrumentalización como mero problema democrático ao tempo que se erosionan os seus principios políticos e organizativos.

O Estado español é un proxecto político irreformábel desde a súa propia concepción. O Réxime do 78 e o marco autonómico demostraron desde a súa fundación a incapacidade para resolver os problemas da clase traballadora. Ademais, este adhírese de forma irrenunciábel á Unión Europea e á axenda belicista da OTAN nun contexto internacional de rearme do imperialismo e de vaga reaccionaria no continente europeo.

Afirmamos, así, que a Galiza se encontra inserida nun cárcere de pobos que responde aos intereses do imperialismo e do grande capital e que, en definitiva, só é posíbel destruílo cun forte movemento soberanista asentado nas clases populares como forza de contrapoder e coa clase traballadora exercendo o papel de liderado na loita pola liberación nacional.

A única alternativa para o futuro do país, da lingua e da cultura é a ruptura en chave revolucionaria co Estado español e co capital. A independencia é, por tanto, a aposta política axeitada para resolver a contradición de clase no contexto nacional galego e para construír un país soberano e socialista desde o que se poida aportar ao combate internacional contra o capitalismo pola constitución dun mundo sen opresións.

Deste xeito, cada unha das loitas con perspectiva nacional que se libran no país —desde a feminista, a LGBT, a ecoloxista, a lingüística, a sindical, a habitacional, a sanitaria ou a educativa— están atravesadas intrinsecamente pola loita de clases e non se poden entender sen ela.

Acreditamos na intervención organizada nas ferramentas políticas para acumularmos forzas pola independencia: a organización estratéxica e as expresións de masas e sectoriais. A experiencia do pobo galego levou á construción dun movemento nacional-popular galego, coas súas diversas expresións no sindical, na fronte patriótica, no xuvenil e en diversos movementos sociais. Mais é tamén esa experiencia que amosou certas carencias neste movemento, como a indefinición estratéxica, a tendencia posibilista á adaptación aos límites sistémicos, o inmediatismo e o institucionalismo.

Para axudarmos a superar esas inconsistencias, precisamos artellar en chave comunista e independentista os sectores máis conscientes da nosa clase nunha ferramenta estratéxica que traballe prioritariamente na clarificación ideolóxica e na construción dunha liña revolucionaria xusta. Unha ferramenta que emane do proceso de liberación nacional e das súas expresións autocentradas para dotalo dun liderado proletario, como o suxeito que podería conducir esa loita até a vitoria e encamiñala cara ao socialismo.

Máis un Día da Patria, saímos á rúa convocadas polo conxunto do tecido organizativo nacional para reivindicarmos un país soberano e para agudizarmos o tensionamento social, chave para o éxito das loitas que libramos como pobo e como clase. Acude na nosa comitiva á mobilización que sairá ás 12:00 desde a Alameda de Santiago de Compostela.

Acumularmos forzas pola independencia para superarmos o capital!

Acumularmos forzas pola independencia para superarmos o capital

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario