Co gallo do 60 aniversario da morte do científico alemán Albert Einstein recuperamos del un interesante texto titulado “Por que socialismo?” publicado orixinalmente en inglés en Monthly Review (Nova York, maio de 1949). “Estou convencido de que só hai un camiño para eliminar os graves males que sufrimos, o establecemento dunha economía socialista.“.
POR QUE SOCIALISMO?
É aconsellable que, quen non é experto en cuestións económicas e sociais, opine sobre o socialismo? Por unha serie de razóns, coido que si.
En primeiro lugar, consideremos a cuestión dende o punto de vista do coñecemento científico. Podería semellar que non hai diferenzas metodolóxicas esenciais entre a astronomía e a economía: en ambos os campos, os científicos procuran descubrir leis de aceptabilidade xeral para un grupo circunscrito de fenómenos para facer que a interconexión destes fenómenos sexa o máis clara e comprensible posible. Mais, en realidade, si existen tales diferenzas metodolóxicas. O descubrimento de leis xerais no campo da economía faise difícil porque a observación de fenómenos económicos a miúdo está afectada por moitos factores que son dificilmente avaliables por separado. Ademais, a experiencia que se acumulou dende o comezo do chamado período civilizado da historia humana –como é coñecido– viuse influída e limitada en gran parte por causas que non son, de ningunha maneira, en exclusiva económicas na súa orixe. Por exemplo, a maioría dos grandes estados da historia deberon a súa existencia á conquista. Os pobos conquistadores establecéronse, legal e economicamente, como a clase privilexiada do país conquistado. Aseguráronse para si mesmos o monopolio da propiedade da terra e designaron un sacerdocio de entre as súas propias filas. Os sacerdotes, co control da educación, fixeron da división da sociedade en clases unha institución permanente e crearon un sistema de valores polo cal a xente estivo, dende entón e en gran medida de forma inconsciente, dirixida no seu comportamento social.
Pero a tradición histórica é, por dicilo así, de onte; non superamos realmente en ningures o que Thorstein Veblen chamou «a fase depredadora» do desenvolvemento humano. Os feitos económicos observables pertencen a esa fase e mesmo as leis que podemos derivar deles non son aplicables a outras fases. Dado que o verdadeiro propósito do socialismo é precisamente superar e avanzar alén da fase depredadora do desenvolvemento humano, a ciencia económica no seu estado actual pode botar pouca luz sobre a sociedade socialista do futuro.
En segundo lugar, o socialismo está guiado cara a un fin ético-social. A ciencia, porén, non pode establecer fins e, aínda menos, inculcalos nos seres humanos; a ciencia, como moito, pode prover os medios cos que acadar certos fins. Pero os fins por si mesmos son concibidos por persoas con altos ideais éticos e –se estes fins non son febles, senón vitais e vigorosos– son adoptados e levados adiante por moitos seres humanos quen, de forma semi-inconsciente, determinan a lenta evolución da sociedade.
Por estas razóns, debemos estar en garda para non sobreestimar a ciencia e os métodos científicos cando se trata de problemas humanos, e tampouco debemos asumir que os expertos son os únicos que teñen dereito a expresarse nas cuestións que afectan á organización da sociedade.
Moitas voces levan afirmando dende hai tempo que a sociedade humana está pasando por unha crise, que a súa estabilidade foi gravemente danada. É característico de tal situación que os individuos se sintan indiferentes ou mesmo hostís cara ao grupo, pequeno ou grande, ao que pertencen. Para ilustrar o que quero dicir, recordarei aquí unha experiencia persoal. Recentemente discutín cun home intelixente e ben disposto sobre a ameaza doutra guerra, que na miña opinión poría en serio perigo a existencia da humanidade, e subliñei que só unha organización supranacional ofrecería protección fronte a ese perigo. Deseguido, a miña visita, moi calmada e tranquila, díxome: «por que se opón vostede tan profundamente á desaparición da raza humana?»
Estou certo de que hai tan só un século ninguén tería feito tan á lixeira unha declaración deste tipo. É a declaración dun home que se esforzou inutilmente en lograr un equilibrio interior e que perdeu máis ou menos a esperanza de conseguilo. É a expresión da soidade dolorosa e do illamento que moita xente está a sufrir na actualidade. Cal é a causa? Hai unha saída?
É fácil formular estas preguntas, pero difícil contestalas con algún grao de seguridade. Porén, debo tentalo o mellor que poida, malia ser moi consciente do feito de que os nosos sentimentos e esforzos son a miúdo contraditorios e escuros e non poden expresarse en fórmulas fáciles e simples.
O home é, ao tempo, un ser solitario e un ser social. Como ser solitario, procura protexer a súa propia existencia e a dos que están máis próximos a el para satisfacer os seus desexos persoais e para desenvolver as súas capacidades inherentes. Como ser social, intenta gañar o recoñecemento e o afecto dos demais seres humanos para compartir os seus praceres, para confortalos nas súas dores e para mellorar as súas condicións de vida. Só a existencia destes diferentes e con frecuencia contraditorios esforzos explican o carácter especial do home, e a súa combinación específica determina o grao en que un individuo pode acadar un equilibrio interno e pode contribuír ao benestar da sociedade. É moi posible que a forza relativa destas dúas pulsións estea, no fundamental, fixada de forma hereditaria. Mais a personalidade que finalmente emerxe está determinada en gran parte polo ambiente no que un home se atopa a si mesmo durante o seu desenvolvemento, pola estrutura da sociedade na que medra, pola tradición desa sociedade e pola súa valoración dos tipos particulares de comportamento. O concepto abstracto «sociedade» significa para o ser humano individual a suma total das súas relacións directas e indirectas cos seus contemporáneos e con todas as persoas de xeracións anteriores. O individuo é quen de pensar, sentir, esforzarse, e traballar por si mesmo; pero depende tanto da sociedade –na súa existencia física, intelectual e emocional– que é imposible concibilo ou entendelo fóra do marco da sociedade. É a «sociedade» a que prové o home de alimento, fogar, ferramentas de traballo, linguaxe, formas de pensamento e a maioría do contido do seu pensamento; a súa vida é posible polo labor e os logros dos moitos millóns no pasado e no presente que se agochan detrás da pequena palabra «sociedade».
É evidente, polo tanto, que a dependencia do individuo á sociedade é un feito que non pode ser abolido –tal e como no caso das formigas e das abellas. Porén, mentres que todo o proceso vital das formigas e das abellas está fixado con rixidez ata o máis mínimo detalle, os instintos hereditarios, o patrón social e as correlacións dos seres humanos son moi variables e susceptibles de cambio. A memoria, a capacidade de facer combinacións ou o agasallo da comunicación oral fixeron posible progresos entre os seres humanos que non son ditados por necesidades biolóxicas. Tales progresos maniféstanse en tradicións, institucións e organizacións, na literatura, en logros científicos e de enxeñería, nas obras de arte. Isto explica que, en certo sentido, o home pode influír na súa vida a través da súa propia conduta e que neste proceso, o pensamento consciente e os desexos poden ter un papel.
O home adquire ao nacer, de forma hereditaria, unha constitución biolóxica que debemos considerar fixa e inalterable, incluíndo os impulsos naturais que son característicos da especie humana. Ademais, durante a súa vida, adquire unha constitución cultural que adopta da sociedade a través da comunicación e de moitos outros tipos de influencia. É esta constitución cultural a que, co paso do tempo, pode cambiar e a que determina en gran medida a relación entre o individuo e a sociedade. A antropoloxía moderna ensinounos, coa investigación comparativa das chamadas culturas primitivas, que o comportamento social dos seres humanos pode diferir enormemente, dependendo dos patróns culturais que prevalecen e dos tipos de organización que predominan na sociedade. É nisto no que, os que se están esforzando en mellorar a sorte do home, poden basear as súas esperanzas: os seres humanos non están condenados, pola súa constitución biolóxica, a aniquilarse ou a estar á mercé dun destino cruel, inflixido por eles mesmos.
Se nos preguntamos como a estrutura da sociedade e da actitude cultural do home deben cambiar para facer a vida humana tan satisfactoria como sexa posible, debemos ser conscientes en todo momento de que hai certas condicións que non podemos modificar. Como mencionei antes, a natureza biolóxica do home, a efectos prácticos, non está suxeita a cambios. Ademais, os avances tecnolóxicos e demográficos dos últimos séculos crearon condicións que están aquí para quedarse. En poboacións relativamente densas asentadas con bens que son indispensables para a súa existencia continuada, unha división do traballo extrema e un aparato altamente produtivo son totalmente necesarios. Os tempos –que, mirando cara a atrás, parecen tan idílicos– nos que individuos ou grupos relativamente pequenos podían ser totalmente autosuficientes fóronse para sempre. É só unha leve esaxeración dicir que agora a humanidade constitúe mesmo unha comunidade planetaria de produción e consumo.
Acadei agora o punto onde podo indicar brevemente o que para min constitúe a esencia da crise do noso tempo. Refírese á relación do individuo coa sociedade. O individuo é máis consciente ca nunca da súa dependencia da sociedade. Pero non ve a dependencia como un feito positivo, como un lazo orgánico, como unha forza protectora, senón como algo que ameaza os seus dereitos naturais ou mesmo a súa existencia económica. Doutra banda, a súa posición na sociedade é tal que as súas pulsións egoístas estanse a acentuar constantemente, mentres que as súas pulsións sociais, que son por natureza máis débiles, deterióranse progresivamente. Todos os seres humanos, sexa cal sexa a súa posición na sociedade, están a sufrir este proceso de deterioro. Os presos inconscientes do su propio egoísmo séntense inseguros, sós e privados do goce inxenuo, simple e sinxelo da vida. O home só pode atoparlle sentido á súa vida, curta e arriscada como é, dedicándose á sociedade.
A anarquía económica da sociedade capitalista tal e como existe hoxe é, na miña opinión, a verdadeira fonte do mal. Vemos ante nós unha comunidade enorme de produtores que se está esforzando incesantemente, privándose dos froitos do seu traballo colectivo –non pola forza, senón, en xeral, en conformidade fiel con normas legalmente establecidas. Con respecto a isto, é importante decatarse de que os medios de produción –é dicir, toda a capacidade produtiva que é necesaria para producir bens de consumo así como bens de capital adicional– poden ser legalmente, e na súa maior parte son, propiedade privada de individuos.
Para maior simplicidade, no debate que sigue chamarei «traballadores» a todos os que non comparten a propiedade dos medios de produción –malia que isto non corresponda ao uso habitual do termo. O propietario dos medios de produción está en posición de mercar a forza de traballo do traballador. Usando os medios de produción, o traballador produce novos bens que se converten en propiedade do capitalista. O punto esencial neste proceso é a relación entre o que produce o traballador e o que se lle paga, ambos medidos en termos de valor real. En tanto que o contrato de traballo é «libre», o que o traballador recibe está determinado non polo valor real dos bens que produce, senón polas súas necesidades mínimas e pola demanda dos capitalistas de forza de traballo en relación co número de traballadores que compiten por postos de traballo. É importante entender que, mesmo na teoría, o salario do traballador non está determinado polo valor do seu produto.
O capital privado tende a concentrarse en poucas mans, en parte debido á competencia entre os capitalistas, e en parte porque o desenvolvemento tecnolóxico e a crecente división do traballo animan á formación de unidades de produción máis grandes a expensas das máis pequenas. O resultado deste proceso é unha oligarquía do capital privado cun enorme poder que non se pode controlar con eficacia nin nunha sociedade organizada politicamente de forma democrática. Isto é así dende que os membros dos corpos lexislativos son seleccionados polos partidos políticos, financiados en gran parte ou influídos doutra maneira polos capitalistas privados quen, para todos os propósitos prácticos, separan o electorado da lexislatura. A consecuencia é que os representantes do pobo en realidade non protexen o suficiente os intereses dos sectores menos favorecidos da poboación. Doutra banda, baixo as condicións existentes, os capitalistas privados controlan inevitablemente, directa ou indirectamente, as fontes principais de información (prensa, radio, educación). Así é extremadamente difícil, e de feito na maioría dos casos totalmente imposible, para o cidadán individual obter conclusións obxectivas e facer un uso intelixente dos seus dereitos políticos.
A situación que prevalece nunha economía baseada na propiedade privada do capital está caracterizada por dous principios: en primeiro lugar, os medios de produción (capital) son posuídos de forma privada e os propietarios dispoñen deles como consideran oportuno; en segundo lugar, o contrato de traballo é libre. Por suposto, non existe unha sociedade capitalista pura neste sentido. En particular, cabe mencionar que os traballadores, a través de loitas políticas longas e amargas, tiveron éxito en asegurar unha forma algo mellorada de «contrato de traballo libre» para certas categorías de traballadores. Pero tomada no seu conxunto, a economía actual non se diferenza moito do capitalismo «puro».
A produción está orientada cara ao beneficio, non cara ao uso. Non está garantido que todos os que poidan e queiran traballar vaian estar sempre en condicións de atopar emprego; existe case sempre un «exército de parados». O traballador está constantemente atemorizado con perder o seu traballo. Dende que parados e traballadores mal pagados non proporcionan un mercado rendible, a produción de bens de consumo está restrinxida e a consecuencia é unha gran privación. O progreso tecnolóxico produce con frecuencia máis desemprego no canto de facilitar a carga del traballo para todos. A motivación do beneficio, conxuntamente coa competencia entre capitalistas, é responsable dunha inestabilidade na acumulación e na utilización do capital que conduce a depresións cada vez máis severas. A competencia ilimitada conduce a un desperdicio enorme de traballo, e este a amputar a conciencia social dos individuos que mencionei antes.
Considero esta mutilación dos individuos o peor mal do capitalismo. O noso sistema educativo enteiro sofre deste mal. Incúlcaselle unha actitude competitiva esaxerada ao estudantado, que é adestrado para adorar o éxito cobizoso como preparación para a súa futura carreira.
Estou convencido de que só hai un camiño para eliminar estes graves males: o establecemento dunha economía socialista, acompañado dun sistema educativo orientado cara a metas sociais. Nunha economía así, a sociedade posúe os medios de produción e emprégaos dunha forma planificada. Unha economía planificada que axuste a produción ás necesidades da comunidade distribuiría o traballo a realizar entre todos os capacitados para traballar e garantiría un sustento a cada home, muller e crianza. A educación do individuo, ademais de promover as súas propias capacidades naturais, procuraría desenvolver nel un sentido da responsabilidade para cos seus compañeiros no canto da glorificación do poder e do éxito na nosa sociedade actual.
Porén, é preciso recordar que unha economía planificada aínda non é socialismo. Unha economía planificada pode estar acompañada da completa escravitude do individuo. A consecución do socialismo require solucionar algúns problemas sociopolíticos extremadamente difíciles: como é posible, cunha centralización de gran envergadura do poder político e económico, evitar que a burocracia chegue a ser todopoderosa e arrogante? Como poden estar protexidos os dereitos do individuo e como pode estar garantido un contrapeso democrático ao poder da burocracia?
A claridade con respecto aos obxectivos e problemas do socialismo é da maior importancia na nosa época de transición.