Alcoa non se pecha

Na última década vimos afondar o proceso de desindustrialización que vive o noso País, e o conseguinte aumento dos conflitos laborais en todas as cidades e vilas da Galiza.

Parece ser que unha das loitas operarias máis lonxevas desta época vai acabar co tráxico balance de máis de 2.000 postos de traballos directos e indirectos destruídos nas comarcas da Coruña e da Mariña. Por iso dende Isca! queremos manifestar o noso apoio aos traballadores das nosas fábricas de aluminio, nomeada mente de ALCOA e Alu Ibérica, que están brigando nestes días, como veñen facendo ao longo dos últimos anos, polo mantemento dos postos de traballo na nosa Terra.

Como mocidade galega, isto implica para nós a precarización das nosas condicións materiais de vida, como parte que somos da clase traballadora, experimentando en primeira persoa as fatídicas consecuencias desta desindustrialización promovida dende o Estado español e a Xunta de Feixó, con políticas a prol da terciarización das poucas cidades e comarcas historicamente industrializadas na nosa Patria.

Isto non é unha situación dramática só para as obreiras de Alcoa, que están a sufrir en primeira persoa e sen ningún tipo de dúbidas as peores consecuencias desta política de desindustrialización; tamén o é para as vilas e fábricas que sufrirán o peche de Alcoa, xa que esta industria xera ao redor dun terzo do PIB da provincia de Lugo.

Por todas estas razóns dende Isca! solicitamos, igual que o comité de empresa de Alu Ibérica e o de Alcoa, a nacionalización destas empresas, xa que son un sector industrial estratéxico para o desenvolvemento económico da Galiza e a supervivencia demográfica das comarcas da Mariña e da Coruña. Defendamos a clase traballadora das ofensivas da patronal e da especulación dos grandes capitalistas, que levan dúas décadas recibindo subvencións das institucións públicas para manter esta empresa no noso País, e que agora, unha vez sacados os réditos das mesmas, queren deslocalizar as nosas fábricas a outros países para aumentar as súas taxas de gaño.

O desmantelamento da industria galega é a peor saída que pode ter a crise económica que xa estamos a vivir, por iso defendemos a reindustrialización como mellor garantía dun futuro para as nosas comarcas e a nosa clase.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario