Nos últimos anos, o BNG avanza con paso firme no camiño da súa equiparación ás demais forzas políticas do sistema. Asúmese desde a dirección da organización nacionalista o dogma de que existe unha soa forma de facer política , baseado no electoralismo, na mercadotecnia e no non cuestionamento do “status quo” vixente, e é dentro desas coordenadas onde aspira a consolidarse a actual dirección do BNG.
Por medio dunha mudanza progresiva, sen que existise até o momento nengún punto de inflexión que explicitase a viraxe (pois esta nin sequera se recoñece formalmente), deuse unha evolución que ainda continúa e que aspira a situar ao BNG como un actor máis no cenario político do sistema, que actúe ao servizo deste e abandone o proxecto de ruptura democrática que orixinariamente defendeu.
Por contra, reitérase recentemente os chamamentos ao papel de garante da estabilidade ou centralidade que supostamente lle corresponde xogar ao BNG e ao nacionalismo no contexto do Estado.
Nesa liña, no discurso oficial renúnciase xa a exercer o poder sobre nós proprios, a construir poder proprio, só aspiramos a determinar o que outros teñen sobre nós. Por exemplo, a condicionar o governo de España, e como moito a que nos concedan certo recoñecemento simbólico como “autonomía de primeira”. Internamente xustifícase isto en base ás etapas que teoricamente deben darse no proceso de autodeterminación, máis na práctica o discurso e a praxe soberanista desaparaceron da linguaxe e o axir diario dos dirixentes do BNG, nen sequer como alternativa a curto prazo, renunciado a ligar os “pequenos pasos” co suposto obxectivo final.
Enténdense, entón, as institucións como un terreo en que xestionar o existente mais desde as que se renuncia a transformar a sociedade, ou a sentar as bases para esa transformación, ou a utilizalas para xerar contradicións no sistema e respaldar as mobilizacións sociais. Segue na páxina 2.