Por un nacionalismo revolucionario
É preciso un referente político-eleitoral para os movementos sociais transformadores que traballan no noso país. Ese papel é o que debe cumprir o BNG, ser unha ferramenta de cambio que vaia máis alá do eleitoral (sen renunciar a este terreo, máis redefinindo a súa funcionalidade) funcionando como catalizador das loitas que día a día se dan no noso povo e que son as que realmente construen un poder alternativo.
Debemos recuperar o perfil antistémico, alternativo e revolucionario que caracteriza o nacionalismo nun país como o noso, e que nos permita oferecerlle ao pobo galego un proxecto claramente diferenciado das forzas políticas do sistema.
Acreditamos firmemente na necesidade dunha fronte de unidade nacionalista, unha frente ampla e de carácter democrático e asemblear en que teñan cabida todas as sensibilidades que asuman o proxecto liberador e revolucionario do soberanismo de esquerda.
Acreditamos en que é posíbel unha outra forma de facer política, un modelo alternativo ao tradicional. Un modelo que fuxa dos personalismos e dos verticalismos, que renove os métodos de incidencia social e que actúe no cotidiano, nas reivindicacións diarias, mais ligándoas cos obxectivos estratéxicos do nacionalismo: a liberación nacional e a xustiza social.
Un modelo que asuma a democracia interna non só como unha ferramenta útil para tomar decisións colectivamente, senón como un exercicio de coerencia co modelo de democracia participativa que defendemos para a sociedade. O mellor xeito de que a militancia se implicar no traballo diario é implicala tamén en todo momento na tomada de decisións. É preciso volver mobilizar e ilusionar a militancia nacionalista, instalada na pasividade ou na indiferencia. Que o nacionalismo poña en valor o papel de cada militante e que se asuma o traballo colectivo como un eixo de actuación. Que se fomente o debate constante desde a base, tanto de carácter ideolóxico e estratéxico como sobre cuestións coxunturais ou de carácter táctico, así como a formación interna.
A autonomía das organizacións sociais (sindicais, estudantís, culturais…) que traballan en parámetros de construción nacional debe ser plenamente respectada como garantía do seu futuro, mais sen por iso renunciar a unha coordenación e a unhas relacións fluidas, abertas e en base ao respeito mutuo, tendo como guía a definición dun proxecto transformador común de carácter estratéxico. Do mesmo xeito, cuestións de carácter táctico (como o actual debate sobre o status da Galiza) deberan ser tamén continuamente postas en común co conxunto de movementos sociais e organizacións nacionalistas. Non se entende que se pacte antes co PSOE que coas proprias organizacións do nacionalismo nun tema de tanta importancia como é o marco político legal da Galiza.
Nun momento como este, en que se está debatendo sobre a configuración do Estado e sobre o nivel de autonomía (que non de soberanía) da Galiza, o BNG debera ser quen de introducir nesa dialéctica a reivindicación da soberanía nacional como dereito inalienábel, como si están a facer outras organizacións do nacionalismo. Non hai mellor momento que este para criar realmente consciencia de país e facer avanzar o proxecto nacionalista, polo que sería moi grave deixar pasar esta oportunidade.
É este un proceso que non pode quedar reducido ao ámbito institucional, senón que tamén (e principalmente), debe darse na rúa, acompañándoo por meio da mobilización e da acumulación de forzas arredor do proxecto soberanista.
Como organización frentista, o BNG precisa de se dotar (como xa o fixo na súa fundación) duns puntos mínimos que funcionen como eixo unificador e orienten o traballo diario. Un destes mínimos (moitas veces tratado como un máximo) é a defensa do dereito da autodeterminación, campo dentro do cal deben respeitarse todas as opcións, tamén a que avoga pola constitución dun estado galego independente, alternativa até o momento sistematicamente negada e mesmo deostada. Non cremos que o BNG, como proxecto unitario que é, teña que definirse como independentista, mais debe recoñecerse a plena lexitimidade de tal opción.
En conclusión, apostamos por retomar o proxecto histórico do nacionalismo popular, recuperando o modelo frentista (entendido como alianza dos sectores populares obxectivamente interesados na liberación nacional) e democrático. Un proxecto que en vez de lexitimar o actual sistema traballe pola súa ruptura, sen complexos e co horizonte posto nunha Galiza ceibe e con xustiza social.
Aspiramos a mobilizar a boa parte da base social nacionalista, hoxe instalada no desencanto e na pasividade ante a deriva do proxecto ao que confiaron boa parte do seu tempo e ilusións.
Nese obxetivo centraremos, de hoxe en diante, os nosos esforzos.